9 mar 2017

O CONCELLO ORGANIZA EN COLABORACIÓN COA DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE O XEOCAMPO DE TRABALLO "RUTA DA ENCOMENDA"

O Concello de Quiroga organiza en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude o Xeocampo de traballo  "Ruta da  Encomenda".
No Xeocampo de traballo  poden  participar moz@s  de todo o mundo con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e vaise a por en marcha entre os días  1 e 12 de xullo. @s participantes aloxaranse no Albergue Municipal de Quiroga.
Tendo en conta o Proxecto de Xeoparque Montañas do Courel no que participan os concellos da Comarca de Quiroga (Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga), o  Concello de   Quiroga pretende con este campo dinamizar unha das súas rutas máis emblemáticas no entorno da capitalidade municipal e que pode interpretarse dende diferentes e interesantísimos puntos de vista: historia, arte, xeoloxía, xeografía, fauna, flora, etnografía, arqueoloxía etc.
Pensouse na denominada Ruta da Encomenda porque, como se sinalaba, está no contorno da vila de Quiroga, ademais unha boa parte do seu percorrido coincide coa ruta oficial de peregrinación a Compostela denominada "Camiño de Inverno" ou "Ruta Sur a Santiago de Compostela", agachando multitude de valores que sen dúbida enriquecerán aos participantes no Campo de Traballo e os futuros visitantes que se metan nela.
A máis antiga das múltiples rutas que ten na actualidade o Concello de Quiroga, empeza nos Novaes e remata na Ermida despois de percorrer 6'7 Km de baixa dificultade polos vales dos ríos Sil, Quiroga e Ferreiriño; pero tamén pode iniciarse e rematarse en Quiroga (11 Km), pasando por lugares tan emblemáticos como o Castelo dos Novaes (que xa fora obxecto dun campo de traballo xuvenil no ano 2016), o Conxunto Histórico-Artístico do Hospital, o Santuario da Virxe do Remedios na Ermida (berce dunha das primeiras comunidades de cristiáns da Comunidade de Galicia) e o Camiño de Inverno a Santiago de Compostela (obxecto dun campo de traballo xuvenil no ano 2015).
As intervencións previstas son as seguintes:
-Limpeza, acondicionamento, sinalización e dinamización da ruta.
-Creación dunha paxina web e unha ruta virtual onde se amosará: cartografía, planimetría e perfil da ruta. Códigos QR xeolocalizados con información sobre flora, fauna e puntos de interese.
-Limpeza e montaxe de varanda de madeira na Ponte do Rego do Castelo nas inmediacións do Castelo dos Novaes.

-Actividades de dinamización dos participantes dentro Proxecto de Xeoparque Montañas do Caurel con visitas aos vestixios culturais máis importantes da Comarca de Quiroga. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario