31 may. 2011

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS DA 2ª FASE DA ARI

Tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases para a concesión de subvencións dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da zona da Praza Maior e Pacios de Mondelo, todos os interesados xa poden solicitar estas axudas na oficina que funciona no Centro de Formación Ocupacional Pía Paxaro ata o 30 de setembro, en horario de mañá, de nove a dúas, de luns a venres.

Estas axudas concédense ao abeiro do convenio asinado a principios de maio, entre o Concello de Quiroga, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Ministerio de Fomento. O convenio, que terá vixencia ata o ano 2014, supón o investimento de 1 250 000 € para realizar diversas intervencións de mellora na área de rehabilitación integral. Destas axudas, unha parte destinarase a financiar a mellora dos espazos públicos e os equipamentos urbanos nesta parte da vila e o resto será para realizar 22 actuacións en vivendas particulares.

En canto ás vivendas, atenderase prioritariamente a mellora das condicións de habitabilidade e os elementos comúns das edificacións como tellados, fachadas, ascensores e accesos para minusválidos. As axudas económicas previstas terán o carácter de subvención a fondo perdido e poden cubrir ata o 80% do presuposto das obras de rehabilitación que se realicen.

Os requisitos esixidos para optar a esta segunda fase de axudas son que as edificacións ou vivendas deberán ter un uso residencial unha vez finalizadas as actuacións. Ademais, os inmobles deberán ter unha antigüidade maior de dez anos, agás cando se trate de adaptacións para o uso de persoas con discapacidade. Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios, titulares ou arrendatarios das vivendas cando constitúan o seu domicilio habitual e permanente, e os titulares de vivendas desocupadas sempre que a solicitude leve parello o compromiso de ocupalas ou arrendalas.

O primeiro paso para optar a estas axudas é presentar unha solicitude na oficina situada no Centro de Formación Ocupacional, para que se realice unha inspección técnica previa ao inicio das obras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario