24 may 2011

NO MES DE XUÑO RETÓMASE O SENDEIRISMO DE LIMPEZA POLO RÍO QUIROGA E AS NOITES ALTERNATIVAS

A Área Social do Concello de Quiroga, en colaboración coa Deputación de Lugo, organiza novamente o “Sendeirismo de limpeza polo río Quiroga”, dirixido a rapaces e rapazas de 10 a 12 anos.

Esta actividade terá lugar os luns de xuño de 18.00 a 20.00 horas, a partir do luns día 6, e consistirá en limpar as beiras do río Quiroga. Os rapaces irán acompañados de dous monitores, ao mesmo tempo que coñecerán a flora e a fauna existente no lugar. Polo traballo realizado aos participantes recompensaráselles coa merenda.

Ademais como premio polo traballo realizado todos/as os/as participantes terán unha camiseta e unha mochila do concello, ademais de desfrutar dunha viaxe ao zoo de Marcelle. Para apuntarse poden facelo na Casa de Cultura, teléfono 982 435 125.

Tamén para o mes de xuño, e dende a Oficina de Xuventude en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértanse para todos os venres e os sábados das dez da noite ata a media noite as NOITES ALTERNATIVAS na Casa de Cultura.

Nelas poderán participar persoas de entre 12 e 31 anos e non será necesario inscribirse. Desta maneira, todos aqueles que o desexen poderán participar das distintas actividades: lectura, xogos de mesa, futbolín, scalextric dixital e internet.

Ademais, como estas actividades van dirixidas, entre outras persoas, a nenos e nenas a partir de 12 anos, contarase cun monitor para levar adiante todo o traballo coa atención que merecen.

Por outra banda, dende o Concello, en colaboración cos pubs e cos grupos musicais de Quiroga, levaranse a cabo concertos e o primeiro deles terá lugar o sábado 28 ás 00.30 h no Pub Kata a cargo do grupo Lethal Chains.

No hay comentarios:

Publicar un comentario