21 nov 2018

TERREOS ABANDONADOS DE BENDOLLO PREPARARANSE PARA A PLANTACIÓN DE OLIVEIRAS


Unhas 30 hectáreas de terreos abandonados en Bendollo formarán parte do programa “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial”, que impulsa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O Subdirector  de  Mobilidade do Banco de Terras de Agader, Alejandro Ignacio Sánchez  de  Dios, foi o encargado de presentarlle este proxecto aos veciños de Bendollo, nunha xuntanza no Centro Social do pobo. Á xuntanza tamén acudían o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, o secretario xeral de Agader, Severino Alvarez Monteserín, e técnicos do concello e de Agader.

Nestas 30 hectáreas, maioritariamente en terreos en man común, o proxecto da Xunta contempla a plantación de oliveiras de variedades autóctonas.

Nun primeiro momento os veciños amosáronse de acordo co proxecto de mobilidade de terras, polo que os técnicos de Agader continuarán coa identificación dos terreos situados en dúas zonas diferentes do núcleo. Unha vez identificadas as fincas comezarase co acoutado dos terreos para posteriormente rozalos, xa que a Xunta encargarase de limpalas fincas antes de poñelas en arrendamento. Tamén se fixará o prazo e o prezo de arrendamento.

O Subdirector  de  Mobilidade do Banco de Terras de Agader remarcoulle aos asistentes á reunión catro puntos importantes para os propietarios dos terreos que entren no banco de terras: a titularidade dos terreos segue sendo dos propietarios, estes terreos dedicaranse exclusivamente á plantación de oliveiras, se o arrendatario non paga a Xunta farase cargo dos pagos e por último, os terreos devolveranse finalizado o prazo fixado de arrendamento en mellores condicións das que se atopaban inicialmente.

O proxecto de mobilidade de terras ten  por obxectivo loitar contra o abandono poñendo en produción terras de cultivo que foron abandonadas á vez que se axuda á loita contra os incendios forestais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario