26 nov 2018

O MUSEO XEOLÓXICO SACA A VENDA PRODUCTOS DE PROMOCIÓN


O Museo Xeolóxico de Quiroga acaba de sacar unha serie de produtos de promoción que xa ten á venda no propio museo. Todos eles levan un logo personalizado, deseñado expresamente para os produtos. Trátase da pegada e da silueta dun oso das cavernas, peza máis emblemática do museo.

O “merchandising”  está composto por camisetas, cuncas, gorras, imáns e mochilas de cordóns, todo a prezos moi accesibles pensando en que os visitantes poidan levar todos os produtos de recordo.  Os prezos oscilan entre os 2’50 € que costa un imán ata os 8€ das camisetas en talla adulto.

Esta fin de semana cumprirase o sétimo aniversario da inauguración do Museo  Municipal  de  Xeoloxía e Paleontoloxía  de  Quiroga no que teñen cabida todos os contidos xeolóxicos máis representativos da zona.  Este Museo recibiu no 2016 un dos premios Santa Bárbara, concedidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, na categoría de comunicación, por poñer de manifesto a importancia do sector mineiro para o tecido industrial galego e o desenvolvemento da sociedade.
Desde a súa apertura, o centro recibe cada ano un maior número de visitantes, entre os que destacan as visitas escolares. Os percorridos que pasan polo Museo están entre os máis solicitados polos centros educativos que participa no Proxecto Terra,  promovido polo  Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O Museo recolle os principais acontecementos xeolóxicos que definen o territorio galego, unha representación da xeoloxía da comarca quiroguesa e unha exposición de restos óseos da fauna cuaternaria da zona; onde chama a atención o esqueleto completo dun oso das cavernas, que serviu de inspiración para crear o logo dos produtos promocionais.

A acción dos xeos glaciares, mostras sobre as primeiras ocupacións humanas da zona, e a actividade mineira dende os romanas ata a actualidade, completan as instalacións do Museo que se vai ampliar con tres novas salas, unha delas acollerá a reconstrución da faciana de  Elba, a primeira pastora mesolítica estudada en España e cuxos restos se atoparon no Courel.

Ademáis de todo esto, o Museo Xeolóxico é o punto de partida do proxecto Xeoparque Montañas do Courel. O sinclinal do Caurel, as zonas mineiras, os vales glaciares da Seara e Vieiros, os restos fósiles e as primeiras testemuñas da presenza humana nesta zona, conforman o futuro Xeoparque.

O museo Xeolóxico abre as súas portas ao público de luns a venres dende ás once e media da mañá ata a unha da mediodía. Os sábados, domingos e festivos o horario de apertura é de doce da mediodía a unha. Aparte conta co servizo de cita previa para visitas guiadas de máis de dez persoas.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario