7 nov 2018

CONTINÚASE A TRABALLAR PARA OBTER A MARCA DE CALIDADE PARA O ACEITE DE QUIROGA


Esta semana o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, reuníase co conselleiro do Medio Rural, José González, en Santiago para exporlle as súas demandas e suxestións en relación co agro deste municipio lucense.  Ambos abordaron, entre outras cuestións, a posta en valor da produción de aceite neste concello e a mobilización de terras para a plantación de oliveiras.

Por outra banda o Instituto de Calidade Alimentaria da Xunta, dependente da Consellería de Medio Rural, continúa a traballar co Concello de Quiroga de cara a tentar unha marca distintiva para o aceite de Quiroga. Unha das funcións deste Instituto é promocionar e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.

Nestes momentos o  Concello xa ten rexistrado o nome de “Aceite de Quiroga” con dous principais fins: Certificar as características do produto de forma que quen queira utilizar esta marca deberá cumprir certos requisitos tanto na produción e elaboración como comercialización do aceite. E regular e ordenar as plantacións de oliveiras.

Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” é requisito necesario que a materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no noso territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión creada para o seu cumprimento.

Co fin de evitar fraudes o concello leva un rexistro de Plantacións de Oliveiras cos datos do seu titular e da plantación e un rexistro dos muíños existentes que poidan optar ó uso da marca rexistrada.

Dende o concello séguese a pelexar por un aceite único e xenuíno e trabállase co Instituto de Calidade Alimentaria en colaboración cos olivicultores da zona para acadar a marca de calidade para o aceite e incluso poder chegar a unha denominación de orixe.



No hay comentarios:

Publicar un comentario