5 nov 2018

PRESENTADO O OBRADOIRO DE EMPREGO SILLOR V


Hoxe comezou un novo Obradoiro de Emprego do que se benefician os concellos de  Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.
O quinto obradoiro Sil Lor, financiado pola Consellería de Economía con 290.000 €, foi presentado esta mañá polo delegado territorial, José Manuel Balseiro,  en San Clodio. Á presentación acudiron representantes municipais dos tres concellos implicados.
20 alumnos comezan neste obradoiro que se prolongará durante nove meses e no que recibirán formación teórica e práctica en especialidades relacionadas coa albanelaría e a construción.
O obradoiro terá a súa sede no Concello de Ribas de Sil e contará con dúas especialidades: Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, con 7 alumnos/-as no concello de Folgoso do Courel; e Operacións auxiliares de albanelaría, de fábricas e cubertas, no que estarán 6 persoas do concello de Ribas do Sil e 7 persoas do concello de Quiroga.
Este proxecto Sil Lor V contempla varias obras a realizar nos tres concellos implicados. En Ribas de Sil construirase o Museo da Minaría Romana. En Folgoso do Courel rehabilitaranse as escolas de A Teixeira e O Carballal e os seus espazos dianteiros para centros sociais e remataranse os interiores do centro social de Sobredo.
En Quiroga as obras nas que se traballará son a segunda fase de ampliación do museo xeolóxico e a reforma interior do pavillón polideportivo municipal. No caso do museo xeolóxico construiranse dúas novas salas. A reforma interior do pavillón municipal consistirá na ampliación dos vestiarios e no cambio de localización dos baños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario