O vindeiro venres 22 de setembro, ás 13:00 h, terá lugar no Museo de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga a recepción das mostras fósiles recollidas durante a prospección paleontolóxica con fins científicos na área sueste da provincia de Lugo, realizada polo paleontólogo Manuel García Ávila Graduado en Bioloxía pola Universidade de Vigo, dirixido polo Dr. José Bienvenido Díez Ferrer do Departamento de Xeocencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo.
O obxectivo xeral da investigación levada a cabo, durante o ano 2015, por este equipo foi o coñecemento do rexistro paleontolóxico paleozoico do SE da Provincia de Lugo. Na redacción da memoria para a petición de autorización á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para realizar a mencionada investigación, os científicos sinalaron que o lugar idóneo para a conservación e exposición das mostras recollidas, unha vez rematado o proceso de estudo, sería o Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga.
Unha vez o equipo finalizou os seus traballos e presentou os resultados diante de Patrimonio Cultural, con data 16 de xuño de 2017 o Concello de Quiroga solicitou o depósito dos fósiles obtendo unha resposta favorable, notificada con data 18 de xullo de 2017.
Como resumo do resultado da investigación destacar que se recompilou información de 26 zonas onde apareceron restos fósiles paleozoicos mediante a busca bibliográfica, localizados despois de falar con particulares ou atopados de xeito fortuido durante o traballo de campo. De todos os referenciados visitáronse nove xacementos e en cinco destes nove atopáronse restos fósiles que foron fotografados, siglados e que poderán ser froito de futuras investigacións si se precisa. Entre os fósiles estudados atopáronse invertebrados, vertebrados primitivos, posibles restos de plantas, biocontruccións e outros icnofósiles; pertencentes ao Cámbrico, Ordovícico, Silúrico, Devónico e incluso Carbonífero Inferior.
O investigador Manuel García Ávila falará do seu traballo de investigación durante as III Xornadas de Xeoloxía Montañas do Caurel. Os organizadores dedicaron a tarde do venres día 22 de setembro a unha serie de contidos relacionados cos valores xeolóxicos e paleontolóxicos do territorio do Proxecto de Xeoparque Montañas do Caurel. Compre salientar que se presentarán fósiles pertencentes aos tres concellos implicados no desenvolvemento deste proxecto: Ribas de Sil, Folgoso do Caurel e Quiroga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario