Esta mañá o grupo de emerxencias GES repartiu
600 quilos de sal polos camiños de acceso a distintos núcleos do municipio que
se atopaban con placas de xeo e dificultaban a circulación dos veciños.
Esta foi unha nova madrugada xélida en Quiroga
con mínimas baixo cero. Onte ás oito menos dez da mañá a Estación Meteorolóxica
que a Consellería de Medio Ambiente ten na Conchada marcaba unha temperatura de
cinco grados baixo cero. Estas temperaturas propician que as xeadas nas zonas
máis sombrizas se manteñan dun día para outro, aumentando a capa de xeo e
dificultando o acceso aos núcleos máis afectados.
O grupo de emerxencias traballou esta mañá en
Vilar de Mondelo onde foi preciso votar sal en toda a pista de acceso e en
puntos concretos de Montefurado, Rugando e Vilañán.
Esta non é a primeira vez que dende o concello se traballa en retirar
as placas de xeo das pistas de acceso aos núcleos, xa que a semana pasada xa se
empezou a espallar sal nas zonas máis altas do municipio. Ao que hai que sumar
o plan de Emerxencia para facer fronte ás acumulacións de xeo que está levando
a cabo a Deputación Provincial nas estradas da súa titularidade.
As temperaturas mínimas baixo cero seguirán
aínda durante uns días. O aire frío do
continente europeo comezará a entrar mañá mércores na península Ibérica. As
temperaturas mínimas non experimentarán cambios moi apreciables polo que as
xeadas seguirán sendo xeneralizadas no interior. As máximas si tenderán a
baixar lixeiramente.
Pero a partir do xoves o alivio térmico que se
experimenta ao mediodía desaparecerá. Unha masa de aire frío de orixe ártica
invadirá a comunidade. Hai que engadir ademais que o vento, practicamente
ausente ata hora, comezará a soprar con máis forza e aumentará a sensación de
frío, cuxo valor podería estar incluso por baixo do que indiquen os
termómetros. Os principais modelos meteorolóxicos coinciden en que ese aire
polar quedará en Galicia polo menos ata o domingo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario