10 mar 2011

SESIÓN PLENARIA

Hoxe, á unha do mediodía celebrarase unha nova sesión plenaria con carácter ordinario, na que se tratarán os asuntos que aparecen na orde do día:

- Modificación do contrato de xestión do albergue municipal.
- Moción do grupo municipal do Partido Popular sobre a devolución dos importes resultantes da liquidación da PIE dos exercicios 2008-2009.
- Moción do grupo municipal do Partido Popular sobre a suba do recibo de enerxía eléctrica.
- Creación da Mesa local do comercio.
- Creación da Mesa técnica contra a violencia de xénero.
- Adhesión ao acordo Xunta de Galicia-FEGAMP para a posta en marcha da Administración electrónica nas entidades locais de Galicia.
- Rogos e preguntas.

CONCURSO DE CAMISETAS PARA GRUPOS NA XXIX FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

O Concello de Quiroga convoca, para o día 23 de abril, co gallo da XXIX Feira do Viño de Quiroga un CONCURSO DE CAMISETAS PARA GRUPOS coas seguintes bases:

1º- Poden participar todos os grupos e colectivos que o desexen, a partir de catro integrantes.
2º.- A temática reflectida no deseño e lema das camisetas estará relacionada coa XXIX Feira do Viño de Quiroga.
3º.- Os participantes poden realizar a súas inscricións ata o día 22 na Casa da Cultura ou chamando ao teléfono: 982435125. Tamén o día 23, no recinto da feira, na caseta de Información do Concello ata as 19:00h.
4º.- O xurado será o/a encargado/a de pronunciar o pregón.
5º.- Un representante de cada grupo anotado ao concurso deberá acceder ao lugar do pregón , para expoñer a súa camiseta diante do público e do encargado/a de seleccionar ao gañador.
6º.- Establécese un só premio, que consiste nun lote cinco caixas de viño dos participantes no certame deste ano.
7º.- A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.

9 mar 2011

ABRESE O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE ADMISIÓN DE NOVOS ALUMNOS PARA O CURSO 2011-2012 NO C.E.I.P.

A dirección do CEIP de Quiroga vén de comunicar que: segundo a Orde do día 17 de marzo de 2007, pola que se regula o procedemento para a admisión do alumnado no segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos, a dirección quere informar que xa se atopa aberto o prazo de presentación de solicitudes de admisión de novos alumnos para o curso 2011-2012 e que estará aberto ata o 31 de marzo deste ano.


Dende a dirección do centro educativo lembran que o horario de secretaría é de luns a venres de 12 a 13.00 h do mediodía.

4 mar 2011

ENTROIDO EN QUIROGA

Esta mañá daba comezo o entroido na vila cos nenos e coas nenas da gardería infantil que celebraban o seu particular entroido. Xa pola tarde farano os nenos e as nenas do colexio de infantil e primaria, co desfile que farán a partir das tres da tarde dende o colexio e ao longo de toda a rúa Real.


Os festexos do entroido 2011 continuarán co desfile de comparsas do domingo que comezará ás cinco da tarde e no que este ano participan un total de ,. Ademais destas comparsas tamén colabora a Asociación de Mulleres San Martiño, achegando unha comparsa composta soamente por mulleres e que non concorre ao concurso senón que participa no desfile.

O percorrido será dende a confluencia da rúa Real coa das piscinas para percorrer toda a rúa principal ata a casa da cultura e rematar diante da casa consistorial.

Unha vez que remate o desfile de comparsas, comezará a festa na rúa amenizada polo dúo local Fondo Tropical e, deseguido, terá lugar a entrega de premios diante do concello.

Ademais do desfile de comparsas, o concello tamén organizou unha festa infantil de disfraces na discoteca Lor, a partir das cinco e media. E o centro social celebrará o seu entroido o martes convidando os seus socios a rosquiñas e sangría e, a continuación, poderán participar nun animado baile de disfraces.

3 mar 2011

ACTOS CONMEMORATIVOS DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Entre os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller o Concello de Quiroga, a través do centro de información á muller, está a organziar unha exposición de pintura de tres pintoras quiroguesas, tras ofertar esta posibilidade a todas aquelas artistas que o quixesen facer.

A inauguración da exposición terá lugar o venres, día 4 de marzo, ás 19.00 horas na nova sala de exposicións do concello, sita na planta baixa da casa da cultura, e estará aberta ao público ata o vindeiro día 20 de marzo. Con esta exposición inaugurarase, ademais, a citada sala de exposicións.

As pintoras que expoñen as súas obras son Julia Núñez García, natural de Quiroga e residente en Ponferrada (León), Luisa Ferrín Vila, natural de Quiroga, e Pilar González Quiroga, natural de Monforte de Lemos e veciña de Quiroga dende que afincou a súa vida na vila a principios dos anos 70.

A obra pictórica destas tres artistas ten en común a súa variada temática, tendo como referente principal e fonte de inspiración a natureza.

No caso de Julia Núñez é a primeira vez que expón a súa obra, no entanto, Luisa Ferrín e Pilar González xa teñen experiencia pois xa participaron en diversas exposicións tanto na nosa vila como fóra dela (Santiago de Compostela, A Rúa de Petín) e, no caso de Luisa Ferrín, noa ano 82 fopi seleccionada no Premio Valenti de pintura Castelldefels (Barcelona).

CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL

O Concello de Quiroga, dende a Área Social, organiza un Concurso de Debuxo Infantil. As bases son as seguintes:

1.-Este concurso está dirixido a nenos de entre 4 e 18 anos.

2.-O debuxo debe ser orixinal e realizado por calquera medio plástico: lapis, tinta, acuarela, acrílico, óleo, colaxe, gravado ou mixtos.

3.-O tamaño mínimo será de formato A4 e o tema do debuxo será libre.

4.-Ao reverso do debuxo irán os datos do autor: nome e apelidos, teléfono e dirección.

5.-O debuxo presentarase na Casa de Cultura dentro dun sobre pechado sen ningunha escritura no seu exterior.

6.-Os traballos serán avaliados en catro categorías:

A: nenos de 4 a 6 anos.

B: nenos de 7 a 10 anos.

C: nenos de 11 a 14 anos.

D: nenos de 15 a 18 anos.

7.-Dentro de cada categoría haberá tres postos premiados e os premios serán “PREMIOS SORPRESA”.

8.-A data límite de presentación é o día 31 de marzo e a entrega de premios será comunicada aos gañadores despois da decisión do xurado.

9.-Os traballos quedarán en propiedade do Concello de Quiroga para posteriores exposicións.

10.-A participación neste concurso supón a aceptación das presentes bases.


PROHIBIDO TIRAR PETARDOS NO ENTROIDO

Aproveitando que estamos no entroido, o concello lembra que está totalmente prohibido o uso de material pirotécnico, incluídos os petardos chamados tronos ou morteiros.

Todo aquel que a policía local vexa tirando este tipo de petardos ou na súa posesión será sancionado e comisaránselle todos os que teñan.