17 jul 2012

A ÁREA DE XUVENTUDE ORGANIZA UNHA VIAXE A ASTURIAS, O DESCENSO INTERNACIONAL DO SELLA


O concello de Quiroga dende a Área de Xuventude, organiza para o mes de agosto unha viaxe a Asturias, ó Descenso Internacional do Sella.

A saída terá lugar ó sábado día 4 de agosto ás 06:00 horas diante da Casa de Cultura, e a volta ó mesmo lugar, o domingo día 5 de agosto ás 19:00 horas, chegada a Quiroga sobre as 23:30 horas.

  As persoas interesadas en asistir deberán apuntarse na Casa de Cultura ou no teléfono 982 435 125 , antes do venres día 27 de xullo, unha vez estén apuntados/as realizarase unha reunión para dar máis datos sobre a viaxe o luns 30 de xullo, a partir das 20:00 horas na Casa de Cultura.

16 jul 2012

O MUSEO ETNOGRÁFICO ABRE O VENRES A SÚA EXPOSICIÓN PERMANENTE DOS DECORADOS DA PELÍCULA "O APÓSTOLO"


O vindeiro venres, a partir das oito do serán inaugurarase a nova exposición do mueseo Etnográfico. Trátase dos decorados da película de animación galega “O Apóstolo”, que estarán expostos no Museo Etnográfico Municipal.
Tras o traballo de montaxe das maquetas que formaron o decorado da película, o venres amosarase ao público esta nova parte que se poderá visitar de xeito permanente, xa que foron cedidas ao Museo, grazas ao acordo acadado entre o concello e os responsables de “Artefacto Produccións”.
Os decorados desta película, que se exhibirá en todo o mundo, están ambientados nas aldeas da montaña lucense. En concreto realizouse un gran traballo de investigación e documentación nos concellos de Quiroga e Folgoso do Caurel, para tratar de capturar nestes decorados a maxia e o ambiente desta zona de montaña.
Para o Museo Etnográfico engadir estas reproduccións á súa colección permanete supón un complemento perfecto, xa que nunha instalación deste tipo non é doado amosar aos visitantes a producción arquitectónica; daquela empregando as maquetas realizadas polo equipo de decorados desta película poderase contemplar como son as construccións tradicionais da Serra do Caurel.
 “O Apóstolo” é a primeira película de animación stop-motion estereoscópica de Europa, na que se empregaron tres anos de traballo: dous anos de desenvolvemento e un de rodaxe.

13 jul 2012

XUVENTUDE ORGANIZA UNHA XINCANA DA NATUREZA


O concello de Quiroga dende a Área de Xuventude, organiza para o venres 27 de xullo unha Xincana da Natureza.
         
Esta actividade está dentro das organizadas pola Oficina de Xuventude do concello de Quiroga de cara ó verán, e, poderán participar nela aquelas persoas que así o desexen, a partir de 12 anos.
         
A Xincana terá lugar a partir das cinco da tarde na casa de cultura, onde se lle darán as indicacións a todos os participantes da mesma e a partir das seis comezará o xogo por todo o pobo.
         
Os gañadores levarán unha mochila de moda e todos os participantes terán un premio, que se entregará ao finalizar a mesma na praza de España.

O mínimo de participantes para que se poida realizar é de 15 persoas e todas elas deben apuntarse na casa de cultura antes do día 23 de xullo, ben persoalmente, ou ben por teléfono, 982 435 125.

6 jul 2012

RESOLTOS OS 73% DOS DELITOS DENUNCIADOS NO QUE VAI DE ANO


O Subdelegado do Goberno e o alcalde de Quiroga presidiron onte en Quiroga unha nova reunión da Xunta Local de Seguridade, na que participaron tamén responsables da Garda Civil e a Policía Local. Os integrantes da Xunta de Seguridade presentaron os datos de delincuencia no municipio nos cinco primeiros meses deste ano, dos que se desprende que neste período, en Quiroga foron denunciadas 41 infraccións penais, das cales trinta son delitos e  once  faltas.

Do total  de delitos denunciados, as forzas de seguridade lograron esclarecer o 73,1%, unha porcentaxe que sobre ata o 80% no caso dos delitos contra as persoas. No tocante ás faltas denunciadas no que vai de ano, esclarecéronse o 81,8%.

Nos cinco primeiros meses deste ano, as forzas de seguridade detiveron a un total de 9 persoas pola súa implicación en feitos delictivos rexistrados no noso municipio.

Os membros da Xunta Local recordaron que, atendendo ao número de infraccións penais rexistradas no conxunto do 2011, a tasa de criminalidade de Quiroga foi de 19,67 infraccións por cada mil habitantes, o qñue supón 0,36 puntos por debaixo da media provincial, 6,72 por debaixo da media galega e 14,26 por debaixo da media nacional.

A Xunta de Seguridade acordou intensificar a colaboración dos efectivos de Garda Civil e Policía Local para seguir mellorando na prevención dos feitos delictivos así como no seu esclarecemento.

3 jul 2012

MEDIO CENTO DE RAPACES E RAPAZAS COMEZAN OS CAMPAMENTOS DE VERÁN


Medio cento de nenos e nenas participan dende onte nos campamentos de verán da  Área de Educación do Concello, dirixidos a  nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

Esta actividade, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, ten como finalidade ofertar un servicio diario ós seus usuarios nunhas datas nas que os máis pequenos/as disfrutan de tanto tempo de lecer.

O horario para os rapaces de 4 a 7 anos, é dende as dez da mañá ata a unha da mediodía e o dos nenos e nenas de 8 a 12 anos dende as once ata as duas. Os proxenitores deberán levar ós alumnos e alumnas á Casa de Cultura na primeira hora da mañá e recollelos na piscina á última hora.

As clases consistirán en variados obradoiros; dentro dos que se inclue un obradoiro de globoflexia e outro de conservas de peixe, este último a través dun programa da Consellería do Mar “Ponlle as pilas ao teu bocata” para infundir unha alimentación sa.

Tamén terán clases de inglés e informática, así como deportes, natación, cine e xogos de diversa índole.

O ESCRITOR LOCAL PEPE POL PARTICIPA NUN CONCURSO DE RELATOS NA INTERNET


O escritor local, José Reinaldo Pol, Pepe Pol, participa no II Concurso de Relatos Cortos todosleemos.com, coa obra titulada “Borriquito”.

O premio do concurso consistirá en trofeos para os tres finalistas, a publicación de todolos relatos en on-line e a publicación dos mellores relatos en libro impreso.

Os relatos serán valorados por dous xurados e existirán duas categorías de finalistas. O mellor relato elexido por os lectores a través do número de descargas e votos on-line a traverso da internet, e o xurado profesional que elexirá aos tres finalistas valorando aspectos técnicos e estilísticos.

Para poder votar o relato presentado por Pepe Pol só é necesario emitir o voto dende a páxina todosleemos.com ou dende o enlace do facedbook de quiroga, unha vez seleccionado a lista de escritores participantes, uns 250. Os votos poderanse emitir ata o 13 de setembro. Nestes momentos, a obra de Pepe Pol, Borriquito, atópase na segunda posición do ránking con 365 votos.

2 jul 2012

CRÉASE A COFRADÍA DO VIÑO DE QUIROGA


A Comisión de cata da feira do viño, convertiuse na “Cofradía do Viño de Quiroga”. O venres tiveron a súa primeira reunión na que se lles explicou aos membros os estatutos que rexirán esta cofradía que contará con 24 integrantes.

Nesta xuntantza elexíronse os membros da xunta directiva, que estará formada por un presidente, dous vicepresidentes, un secretrario e un tesoreiro.

A Cofradía do Viño ademáis de continuar co traballo da comisión de cata, que era a de aprobar os viños que forman parte da feira do viño de cada edición, participarán  noutros actos da Feira do Viño. Tamén se tratou de que para a participación nestes actos usen unha indumentaria solemne.