18 jul 2013

QUIROGA CELEBRA CON MÚSICA O DÍA DE GALICIA


A área de Cultura do concello organizou os actos para celebrar o día 25 de xullo, día de Galicia.
 
O mércores 24 a partir das once da noite haberá unha nova actuación do programa Música na Rúa. Nesta ocasión a actuación será dentro do recinto da praza de España.
 
O xoves, día 25, a unha e cuarto haberá unha recepción na casa consistorial aos colectivos culturais da vila e a continuación actuará a Banda de Gaitas San Martiño.

17 jul 2013

OS GRUPOS + IVA, LOS ÁRBOLES E LA BANDA DE FESSER, ACTUARÁN NA FESTA DA XUVENTUDE


A área de xuventude do concello xa ten organizada a festa da Xuventude  que forma parte das festas de verán. A festa terá lugar o venres 9 de agosto a partir da medianoite na zona dos pubs.
 
Este ano comezará coa entrega dos premios dos certames de poesía e de fotografía organizados polo mesmo departamento. As actuacións previstas para esta festa serán as dos grupos + Iva, que xa actuou o ano pasado nesta festa;  los Arboles, grupo Pop da Pobra de Brollón, liderado polo profesor de música que imparte clases na casa da Cultura; e o grupo madrileño La Banda de Fesser.

O 10 DE AGOSTO CELÉBRASE A XXI MOSTRA DO MEL


O Concello de Quiroga, está a traballar na organización da XXII Mostra do Mel de Quiroga, que terá lugar o sábado día 10 de agosto coincidindo coa feira mensual máis importante do ano e nesta edición coas festas de verán de Quiroga.
Puntual a súa cita de todos os veráns durante 21 anos, este evento gastronómico ten como obxectivo principal dar a coñecer as magníficas calidades do mel que se produce na zona de Quiroga, que comparte un lugar destacado con produtos como o viño, o aceite ou as castañas.
A programación variará pouco con respecto ás anteriores edicións, daquela haberá un acto de inauguración ás 11 horas e os postos de venda e exposición de mel e outros produtos típicos da zona, estarán a disposición de quen o desexe dende primeiras horas da mañá ata despois do xantar.
Como xa sucedera na anterior edición da mostra, a Delegación de Cultura mediante o Museo Etnográfico de Quiroga, organiza un fiadeiro tradicional, no que poderán observarse os procesos do traballo tradicional coa la de ovella e nesta ocasión coa colaboración dos artesáns de Campos de Vila da carpintería "Armaoir" tamén haberá unha demostración do traballo da madeira, no mesmo recinto da Mostra do Mel.

12 jul 2013

AS FESTAS DE VERÁN CONTARÁN COA CEA POPULAR DA FESTA DA COMUNIDADE


Un ano máis Quiroga comezará as súas festas de verán coa Festa da Comunidade, o venres 9 de agosto, no parque da Constitución.
          A festa que comezará a partir das nove da noite, contará este ano cun menú a base de empanada, ensalada mixta e biscoito. A empanada será de carne, de horta e mariñeira. Tdodo elo estará acompañado de viño, auga e refrescos.
          Como novidade este ano os participantes contarán con mesas e sillas para degustar a merenda máis comodamente.
          As entradas para participar na comida organizada dende o concello, xa están a venda, ao prezo de 5 € en bares e establecementos de Quiroga; pero tamén se poderán adquirir o mesmo días da festa no propio recinto.
          Tras a cea haberá festa popular amenizada polo dúo local Fondo Tropical

A 5ª ETAPA DA VOLTA CICLISTA A ESPAÑA PASARÁ POR QUIROGA


A 5ª etapa da Volta Ciclista a España pasará por Quiroga. O día 28 de agosto, mércores a partir das duas da mediodía, cruzará a rúa Real a volta a España 2013. Pero dende unha hora antes xa se poderá ver a caravana que acompaña aos ciclistas.

 

A quinta etapa da volta ciclista sairá dende Sober e pasará pola Rúa Real de Quiroga e o Toucedo, en dirección á Rúa, para rematar nos Lago de Sanabria, tras recorrer 174 Kilómetros.

 

          A volta comeza esta ano en Galicia, concretamente o 24 de agosto en Vilanova de Arousa.

5 jul 2013

MAÑÁ RETÓMASE O PROGRAMA NOITES ALTERNATIVAS PARA MAIORES DE 12 ANOS


Mañá sábado comeza na Casa da Cultura o programa Noites Alternativas, organizado dende a área de Xuventude do concello para o mes de xullo.
 
Este programa desenvolverase todos os sábados dende as dez da noite ata a media noite na casa de cultura. O programa engloba escola de ligue, dinámicas de grupo, campionato de futbolín e internet. Todo esto  gratis para rapaces e rapazas a partir de 12 anos.

2 jul 2013

COMEZAN DOUS CURSOS DE FORMACIÓN DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA


Onte comezaron dous cursos de formación nos que participan un total de 30 persoas e que van encamiñados a atención sociosanitaria a persoas dependentes, un para o coidado no propio domicilio e o outro en institucións sociais.
Na presentación dos cursos, que están subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar, polo Fondo Social Europeo e polo propio concello de Quiroga,  estiveron o rexedor local Julio Alvarez e a delegada territorial Raquel Arias.
O curso de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio impartese en horario de mañá, dende as oito e media ata as duas e media; e consta de 618 horas das que 120 serán prácticas.
O outro dos cursos, de Atención Sociosanitaria a persoas Dependentes en Institucións Sociais impartese en horario de tarde, dende as catro da tarde ata as oito e media. En total consta de 468 horas, das que 80 serán prácticas.
As horas prácticas dos dous cursos realizaranse nas instalacións da Residencia da Terceira Idade.