16 may 2014

A CONFRARÍA DO VIÑO DE QUIROGA ORGANIZA UN CURSO DE ELABORACIÓN DE VIÑOS

A Confraría do viño de Quiroga organiza un curso de elaboración de viños galegos brancos e tintos, os días 3, 4, 5 e 6 de xuño.
O curso para o que contan coa colaboración do concello de Quiroga e a Deputación de Lugo, desenvolverase na sala de catas do museo Etnográfico dende as sete e media da tarde ata as dez e media, en total 12 horas.
O curso estará impartido polo equipo de formación da adega Alán de Val e ten un custo orientativo de 35 €.

Todas as persoas interesadas en participar teñen ata o día 2 de xuño de prazo para inscribirse na casa da cultura.

MAÑÁ SÁBADO CELÉBRASE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A área de Cultura do concello organizou diversos actos con motivo da celebración mañá sábado do día das Letras Galegas.
A unha menos cuarto da mediodía recibiranse no salón de plenos da casa consitorial aos distintos colectivos culturais da vila.
A unha presentarase o libro de Paulo Nogueira Santiago, “A Freguesía Rural de Santa María de Bendilló”.
Tras a presentación do libro farase entrega dos premios do certame de narración e dubuxo Letras Galegas. As gañadoras do certame foron: Na categoría A, na modalidade debuxo resultou seleccionado o traballo de Natalia Álvarez Díaz.
 Na categoría B, dentro  da modalidade debuxo: Carolina Fernández Camino,  Andrea Quiroga de la Piedra, Andrea Pérez López e Lucía Álvarez Domínguez.  Seleccionadas esta dúas últimas tamén na modalidade de narración.

Os actos rematarán coa actuación, diante da casa consitorial, da banda de Gaitas San Martiño.

9 may 2014

XORNADA SOBRE OS RÍOS E O PATRIMONIO MINEIRO ARQUEOLÓXICO EN QUIROGA

O Proxecto Ríos – Adega, coa colaboración do concello de Quiroga e a Xunta de Galicia, organizou para mañá sábado, unha xornada sobre os Ríos e o Patrimonio Mineiro Arqueolóxico en Quiroga.
O obxetivo desta xornada é divulgar a historia dos ríos galegos, especificamente do río Sil e os seus afluentes, asociado á explotación dos seus recursos mineiros e a posta en valor na actualidade.
 A xornada inaugurarana, ás dez e media da mañá, o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez; o comisario de augas da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, Alberto de Anta; e a presidente de Adega, Virginia Rodríguez.
Ás once da mañá o arqueólogo Iván Alvarez Merayo, falará sobre os sistemas de explotación aurífera nos ríos Lor e Sil.
As doce menos cuarto, o tema a tratar será a vella minaría como recurso patrimonial e turístico, para o que se contará co xerente de Inorde, José Manuel Rodríguez González, que falará sobre o turismo entorno ás minas de woframio. E de técnico do concello de Quiroga, Ramón Vila que falará sobre o museo xeolóxico de Quiroga.
Pola tarde, tras un xantar no río, un bateador aficionado, fará unha demostración de bateo na praia fluvial de San Clodio.
A xonrada rematará cun roteiro polo Camiño do Ferradal, itinerario que percorre un dos camiños do ferro.

MÁIS DUN CENTO DE QUIROGUESES PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NO IRMANDAMENTO DA FESTA DO CHICHARRO DE FOZ COA MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

Máis dun cento de quirogueses acudirán este domingo á localidade de Foz, en Lugo, para asistir á  Festa do Chicharro. Esta excursión, organizada dende o concello, ten como fin un irmandamento desta festa e a Mostra do aceite de Quiroga.
O Concello de Quiroga e o concello de Foz presentaron en rolda de prensa o irmandamento das festas do Chicharron e do Aceite. Os alcaldes de Foz, Javier Jorge Castiñeira e o de Quiroga, Julio Alvarez, escenificaron o irmandamento nun restaurante quirogués coa maridaxe do aceite e o viño locais co chicharro de Foz.
A excursión, de interese turístico e gastronómico, sairá as dez menos cuarto da mañá dende a casa da cultura.
O programa  da excursión comezaría coa chegada ao concello de Foz, onde se ofrecerá unha recepción na casa consistorial a corporación de Quiroga. Posteriormente o alcalde de Quiroga, presentará a nosas XIV Mostra do Aceite, a que acudirán veciños de Foz.

A continuación abriranse as casetas nas que se poderá degustar a maridaxe  do chicharro lañado de Foz con rustrido de aceite virse extra de Quiroga, así como o chicharro lañado á brasa con cachelos cocidos e o chicharro en empanada; todo elo acompañado con viño de Quiroga.

COMEZAN OS TRABALLO DE MELLORA DO PASEO FLUVIAL

         A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil lle comezou os traballos para a execución da obra de reparación de danos no paseo fluvial do regueiro da Ribeira, en Quiroga.
          Estes traballos, cun presuposto aproximado de 40.000 €, encóntranse englobados nas medidas urxentes para reparar os danos causados nos dous primeiros meses de 2014 polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e a costa cantábrica, declarándose de emerxencia con data 12 de marzo de 2014.
          Os traballos que se van acometer céntranse na reconstrucción das duas pasarelas existentes así como na construcción dunha pequena escalinata nunha zona complicada para o paseo.
          A Confederación Hidrográfica procedeu ao peche e á sinalización da obra, permanecendo pechado ao tránsito o paseo lindante co río Quiroga, durante o transcurso das obras.
Estas obras son contestación á petición que o alcalde de Quiroga lle facía ao presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Marín, no mes de decembro, o día 16, cando acudía a comprobar as obras de restauracion hidrolóxico forestal do río Quiroga. Naquel momento estabanse a retirar ramas e arbores secas así como material vexetal acumulado a ambas as duas marxes do río Quiroga, nun tramo aproximado de 3 km, que en momentos de intensas chuvias podían provocar taponamentos e desvordamentos.

O CAMIÑO DO FERRADAL OU A FERVENZA DO CARROCEIRO, LUGARES POLOS QUE PASARÁ O TRAIL DO CASTELO

O concello de Quiroga organiza conxuntamente co Albergue de Quiroga a segunda proba do Circuito Trail Running de Quiroga. Trátase do Trail do Castelo que conta con tres recorridos diferentes. O primeiro deles será una andaina para a que se sairá ás oito da mañá e se recorrerán 25 km.
          O segundo recorrido será un minitrail de 31 km e o terceiro será o trail cun recorrido de 41 km. Para estes dous recorridos sairase ás nove da mañá.
          Tanto a saída como a chegada das probas será o Albergue Municipal.
          O trail do Castelo vai por zonas como o rego do Castelo e o río Soldón e pasando por lugares emblemáticos como o Camiño do Ferradal ou a Fervenza do Carroceiro.
          Haberá trofeos para os gañadores de cada proba; ademais de trofeos e lote de productos deportivosn para os tres primeiros do trail.

ESTA TARDE COMEZA UN CICLO DE FORMACIÓN PARA FAMILIAS COIDADORAS DE ENFERMOS CON ALZHEIMER

          Quiroga acollerá, ao longo deste mes de maio, o ciclo de formación para familias coidadoras de enfermos de Alzheimer, programados pola Fundación Barrié e FAGAL (a Federación de Asociacións de Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias) no marco do Programa Rede Paraugas Alzheimer.
O ciclo está composto por catro talleres dende o que se tratará de abordar a problemática da enfermidade de Alzheimer dende diferentes ámbitos: sanitario, psicolóxico, terapéutico e fisioterapéutico.
O curso gratuito, no que hai inscritas 20 persoas, comezará hoxe ás seis da tarde nas intalacións do Centro Social e desenvolverase os seguintes venres 16, 23 e 30 de maio, en horario de seis da tarde a oito.
          Trátase dunha formación de 8 horas, onde se formula aos familiares asistentes unha ampla perspectiva sobre a enfermidade, tratándoa dende unha óptica multidisciplinar, para dotalos dunha serie de pautas de actuación e poder así afrontar o Alzheimer nas súas diferentes fases.