31 ago 2011

O CONCELLO TENTA QUE O PREGAMENTO DE CAMPODOLA SEXA DECLARADO MONUMENTO NATURAL

Técnicos da Consellería de Medio Rural achegáronse onte ata Quiroga para entrevistárense co alcalde, Julio Álvarez, sobre a declaración do pregamento de Campodola como Monumento Natural.

Nesta xuntanza establecéronse os límites da zona que vai quedar dentro da protección do Monumento Natural e, para iso, tratouse de acoutar unha zona que prexudique o menos posible os veciños que poidan levar a cabo algún aproveitamento do monte. Así o 90% da zona delimitada é unha parede completamente vertical que non permite ningún tipo de uso.

Tras o acordo acadado onte entre o Concello de Quiroga e a Xunta de Galicia en canto aos límites e á declaración, agora será a Xunta a que aprobe definitivamente este título.

O Concello de Quiroga comezou no ano 2005 os trámites para acadar a declaración de Monumento Natural do pregamento, coa intención de darlle unha figura de protección e un valor engadido en canto á súa divulgación.

De acadar esta protección, o pregamento de Campodola sumaríase aos sete espazos que contan con este amparo en toda Galicia, entre os que se atopan a praia das Catedrais ou o souto de Rozabales.

30 ago 2011

O 9 DE ABRIL E O 10 DE AGOSTO FESTAS LOCAIS PARA O ANO 2012

A corporación municipal celebrou onte unha nova sesión plenaria na que se aprobaron varios puntos, entre eles a determinación das festas de carácter local do Concello de Quiroga para o ano 2012. 

Así quedaron fixadas o día 9 de abril, luns de Pascua (como en anos anteriores), e o 10 de agosto que substitúe ao 11 de novembro, data habitual  da festa de Quiroga por ser o día do seu patrón, San Martiño, que o vindeiro ano será domingo.

A corporación municipal decidiu a data do dez de agosto por coincidir coa celebración da Mostra do Mel e coas festas de verán.

25 ago 2011

QUIROGA ACOLLE ESTE SÁBADO O XIII ENCONTRO DE POETAS

Este sábado, día 27, a partir das 11.00 h na Casa da Cultura, terá lugar o XIII Encontro de Poetas no Val de Quiroga. A este acto acoden cada ano máis poetas, tanto da nosa Comunidade coma doutras da xeografía española, todos eles co afán de potenciar este xénero literario.

Nesta edición, que presentarán Pepe Pol e Xesús Galán, será pregoeira Dna. María Outes Velai. No acto recitarán unha trintena de poetas, algúns que xa veñen participando dende a primeira edición deste certame e outros que se incorporan por primeira vez.

Con este Certame o Concello de Quiroga quere fomentar o interese pola literatura en xeral e pola poesía en particular, ademais de ofrecer a posibilidade de desenvolvemento da creatividade de todos os poetas, algúns ata este intre no anonimato, que atopan neste tipo de eventos o lugar axeitado para expresar e mostrar a súa obra.

Unha vez rematado o recital todos os participantes desta edición xuntaranse nunha comida de confraternidade.

24 ago 2011

QUIROGA CONTA DENDE ONTE CUNHA NOVA CENTENARIA

O Concello de Quiroga conta dende onte cunha nova centenaria, xa que a Sra. Consuelo Martínez Veiga cumpriu onte un século de vida.

Consuelo Martínez naceu no ano 1911 en Paradapiñol pero tras casar foi vivir para Paradaseca, onde permaneceu ata hai uns anos en que se trasladou á Residencia da Terceira Idade de Quiroga.

Onte celebrou o seu aniversario rodeada de dúas das súas fillas, numerosos netos e parte dos compañeiros da residencia, que lle cantaron o "cumpreanos feliz" mentres apagaba as velas da súa tarta. Tarta da que deu boa conta xa que recoñeceu ser moi lambona.

Consuelo Martínez conta con boa saúde tanto física como mental, aínda que no último ano tivo dificultades para andar e vai en cadeira de rodas, e recoñece que non ve moi ben xa que lle dixo o médico que ten a vista un pouco cansada.

22 ago 2011

OS QUIROGUESES VISITARÁN CELEIRO DENTRO DO PROGRAMA "MAR ACHEGA " DA CONSELLERÍA DO MAR

Os veciños de Quiroga poderán coñecer Celeiro, nunha excursión organizada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o venres 2 de setembro. Esta excursión forma parte do programa Mar Achega co que a Consellería pretende achegar o sistema de extracción e primeira venda dos produtos da pesca artesanal capturados en augas de Galicia á poboación do interior.

A viaxe, totalmente gratuíta, inclúe unha visita á lonxa e ao porto de Celeiro. No concello veciño do Vicedo visitarase unha planta de microcultivo de ourizos e coquinas e participarase na recollida de ostra riza ou de coquina acompañados das mariscadoras. Novamente en Celeiro asistirase a unha demostración de cociña con pratos de peixe e xantarase.

A excursión rematará coa visita ao barrio da Pescadería da vila de Viveiro.

Os participantes, que sairán de Quiroga ás cinco da mañá, deben ser maiores de idade e levar botas de auga para participaren na recollida da coquina.

As persoas interesadas en participar deberán de inscribirse nas instalacións do centro social canto antes, xa que as 48 prazas se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.


19 ago 2011

UN OBRADOIRO DE ORIENTACIÓN LABORAL E UN CURSO DE INGLÉS NOVAS OFERTAS DA OFICINA XUVENIL

Dende a Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga, en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértase un Obradoiro de orientación laboral dentro das xornadas de xuventude organizadas dende a Consellería de Traballo e Benestar.

O obradoiro impartirao D. José Manuel Vilaboi Lois e terá lugar o mércores 21 de setembro na Casa da Cultura, coa hora por confirmar cos seus participantes, que deben apuntarse no teléfono 982 435 125 nas próximas dúas semanas.

Tamén para o mes de setembro, a partir do día 12, e en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértase un curso de inglés básico que se impartirá na Casa da Cultura os luns e os mércores de 20 a 21 horas. Para poder participar tamén se deben anotar no teléfono 982 435 125.





17 ago 2011

INAUGURADA A EXPOSICIÓN "ENCRUCILHADA" DE PAULA PEREIRA

A sala de exposicións da Casa da Cultura inaugurou onte unha nova exposición. A concelleira de Cultura, Loli Sánchez, foi a encargada de inaugurar a exposición titulada “Encrucilhada”, de Paula Pereira.

Paula Pereira é graduada en Belas Artes pola facultade de Pontevedra e o seu traballo abarca distintos eidos creativos: pintura, deseño, fotografía e cine.

Entre os premios e mencións acadados, recibiu o premio á mellor curta na categoría de menores de 30 anos no 1º Certame Curtas para Rosalía. E a súa obra fotográfica “Amo-te” foi seleccionada no Certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra.

Baixo o título “Encrucilhada”, a autora presentounos a súa obra pictórica na que prima a acuarela, aínda que a utiliza xunto con outras técnicas.