29 jun 2012

COMEZA O PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICO


O Concello de Quiroga en colaboración con Sogama, comezou un programa de compostaxe doméstico en varias vivendas do municipio. O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, e o presidente de Sogama, Luis Lamas, presentaron oficialmente esta iniciativa, dando a coñecer as súas características máis relevantes.

O rexedor local falou de que un concello comprometido coa protección dos espazos naturais debe ser tamén un concello concienciado coas boas prácticas na xestión do lixo. E afirmou que os veciños de Quiroga responden moi ben á separación do lixo para a súa reciclaxe.

Pola súa banda, o máximo responsable de Sogama manifestou que o proxecto goza dunha excelente acollida nos municipios nos que se está a implantar, non supoñendo en ningún caso un traballo adicional para as familias.

Tras a presentación do proxecto fíxose entrega dos cincuenta composteriros aos veciños que se inscribiran previamente na casa consistorial.O obxetivo é que a través dos compostadores, no se fogar, os veciños participantes elaboren o seu propio compost a partir da materia orgánica xerada nos mesmos, obtendo un abono natural e de alto poder fertilizante que se poderá usar en hortas, xardíns ou terras de cultivo.

O goberno local quere que sexa un éxito e por iso designou a catro persoas, xa formadas, que exercerán as funcións de “mestres composteiros”, encargándose de trasladas os coñecementos aos habitantes que participan nesta iniciativa; ao tempo que supervisarán, casa por casa, o labor desenvolvido por estes.





A CORPORACIÓN MUNICIPAL CELEBRA UNHA SESION PLENARIA ORDINARIA QUE REMATA COA PERDA DE PAPEIS DO CONCELLEIRO DO GRUPO MIXTO


         A corporación municipal celebrou na tarde de onte unha longa sesión plenaria ordinaria, que acabou coa perda de papeis do concelleiro do grupo mixto, insultando ao alcalde presidente.
          No pleno, que poderán ver integramente o sábado e o domingo, a partir das duas e media da tarde, aprobouse o novo Regulamento Orgánico da Corporación, que rexirá o desenvolvemento das sesións plenarias dende que se publique no Boletín Oficial.
Rexeitáronse as alegacións presentadas á Expropiación forzosa para o proxecto de “Acondicionamento de accesos e do entorno da Igrexa da Ermida”.
 Asignouse unha  dedicación parcial para o concelleiro Angel Rodríguez.
Aprobouse unha Ordenanza Fiscal que regulará o uso das Instalacións Deportivas Municipais.
Tamén se aprobou a solicitude de participación no Plan Concertado para a prestación de Servizos sociais no ano 2012.
Rexeitouse unha moción do Bloque nacionalista Galego en col da declaración do día 24 de febreiro como “Día de Rosalía de Castro”.
Aprobáronse duas mocións do Grupo Municipal do Partido Popular, unha relativa ao Plan de Obras e Servizos do ano 2012 e a outra relativa á modificación do Mapa Xudicial.

Modificouse o nomeamento dun dos concelleiros integrantes da Xunta de Goberno e das Comisións Informativas.

Finalmente, no último punto que era unha solicitude do portavoz do Grupo Mixto de comparecencia do Alcalde, foi cando o portavoz deste grupo deixou de lado a armonía coa que se desenvolveu todo o pleno e subiu o tono chegando a insultar ao alcalde.

27 jun 2012

OS 15 PARTICIPANTES NA ACTIVIDADE DE SENDEIRISMO LIMPO POLO RÍO QUIROGA LEVARAN COMO PREMIO UNHA EXCURSIÓN NO CAUREL


Unha quincena de rapaces rematan esta tarde a actividade de sendeirismo limpo polo río Quiroga, organizada pola área de educación. A actividade, dirixida a rapaces e rapazas de 8 a 12 anos, desenvolveuse os catro mércores do mes de xuño, dende ás 16:30 ata as 18:00 horas.

Nesta actividade os rapaces recolleron lixo que atoparon ao longo do paseo fluvial do río Quiroga.
         
Como premio por limpar o río Quiroga, os participantes terán mañá un día de excursión no Caurel con picnic incluído. Para a excursión partirán ás dez da mañá dende o aparcamento dos autobuses escolares. Unha vez no Caurel recorrerán a ruta Uxío Novoneira, que une as localidades de Moreda e Parada.

Tras o xantar disfrutarán dunha tarde no río en Valdomir, para regresar a Quiroga sobre as seis da tarde.
         

22 jun 2012

COINCIDINDO CO REMATE DO CURSO ESCOLAR ABRENSE AS PISCINAS MUNICIPAIS GRATUITAMENTE ATA O LUNS


          O rexedor local, Julio Alvarez, e o concelleiro José Enríquez, achegáronse onte ata as piscinas municipais para comprobar os pequenos arranxos que se fixeron antes da súa posta en funcionamento na xornada de hoxe.

Tamén se atopaba nas piscinas a encargada de sanidade para dar o visto bo a apertura das mesmas. Así dende hoxe comeza a tempada de verán deste servizo que estará aberto como todolos anos dende as doce da mediodía ata as oito do serán ininterrumpidamente. O servizo de socorrista estará operativo durante todas as horas en que permaneza aberta ao público a piscina.

O prezo de entrada é o mesmo de todolos anos, os menores de 15 anos 1€ e os maiores desa idade 1,50€. Tamén se conserva a posibilidade de acollerse aos bonos. Non obstante estes prezos non se aplicarán ata o vindeiro luns, xa que durante a fin de semana a entrada será gratuita.

          Un ano máis o concello pon en marcha esta instalación municipal coincidindo co remate do curso escolar.

21 jun 2012

O CONCELLO PREPARA A NOITE DE SAN XOÁN


O concello de Quiroga ultima os actos organizados con motivo da noite de San Xoán.

As actividades comenzarán para os máis cativos a partir das seis e media da tarde, xa que o departamento de educación organizou diversos xogos que se levarán a cabo no parque da Constitución. Os xogos van dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Os menores desta idade tamén poden participar, pero deverán estar acompañados.

A partir das oito e media, cando rematen os xogos infantiles, comenzará a sardiñada do merendoiro do parque. Todolos veciños poderán degustar gratuitamente sardiñas asadas acompañadas de pan do país.

Ás once da noite, e coincidindo coa noite de san Xoán, comenza o programa Música na Rúa. Nesta ocasión, o músico instalarase nas inmediacións da Adega de María.

Sobre a media noite acenderase a fogata para que maiores e pequenos poidan saltar a fogata de San Xoán.

20 jun 2012

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE UN NOVO CADRO PARA A SÚA EXPOSICIÓN PERMANENTE


           Iolanda de Aguilar Calero, artista plástica baixo o  nome de Iolanthem, e veciña de  As Covas, dende o ano 2010, entregoulle ao concello de Quiroga un cuadro para a súa exposición permanente.

A concelleira de cultura, Loli Sánchez Durán, foi a encargada de recoller esta obra que colga das paredes do Auditorio Municipal xunto con outros cadros de diversos artistas.

          A obra é un díptico pintado ao óleo sobre  unha pizarra de 100x60 cm, que leva o título de  ¿CUÁL?”   .

A autora que xa realizou unha exposición das súas obras na sala de exposicións quixo deixar unha  obra para disfrute de todos os veciños  e veciñas de Quiroga.

REMATA O CURSO DA LUDOTECA MUNICIPAL CUNHA FESTA INFANTIL


A Área de Educación do Concello de Quiroga, poñerá fin mañá pola tarde ao o servizo de Ludoteca municipal, que se desenvolve dende o mes de setembro ata xuño.
O servizo remata cunha festa na casa da cultura para todolos rapaces que participaron ao longo deste curso. Na festa que comenzará ás cinco da tarde, e que se prolongará ata as sete, non faltará unha boa merenda e animados xogos.
A Ludoteca tiña lugar todolos martes e xoves de cada semana, con excepción nas datas de Nadal e Semana Santa, nas que houbo un servicio especial.
As clases impartíronse na aula da ludoteca, baixo da Casa de Cultura, en horario de 17:00 a 18:00 horas para pequenos/as de 3 a 6 anos e de 18:00 a 19:00 horas para os nenos e nenas de 7 a 9 anos.