14 oct 2014

O CONCELLO DE QUIROGA CONCEDERÁ AXUDAS AOS ESTUDANTES QUE TEÑAN QUE DESPRAZARSE FORA DO MUNICIPIO

 Dende a área de Xuventude do concello de Quiroga, e para o curso escolar 2014/2015, concederánselle axudas a todos aqueles estudantes, empadroados en Quiroga, que cursen os seus estudos fóra do val.

Para poder optar a estas axudas, de ata 200 €uros por persoa, teñen que acudir á Casa de Cultura ou á Oficina Municipal de Xuventude e cubrir unha solicitude cos seus datos. Ademais deberán adxuntar un certificado de empadroamento e unha copia da matrícula, durante o curso escolar, ademáis de aportar, cando lles seña posible, os tickets do medio de transporte que utilicen ou do gasóleo ou gasolina, no caso de utilizar un vehículo propio.

O concello aboará a cada solicitante unha cantidade máxima de 200 €uros, da que se pagará en decembro un 60% e no mes de xuño o 40% restante.


9 oct 2014

QUIROGA ACOLLERÁ UN CURSO DE PRIMEIROS AUXILIOS ANTE ACCIDENTES NO SECTOR AGRO GANDEIRO E FORESTAL

A Conselleria de Traballo e Benestar do Instituto Galego de Seguridade e Saude Laboral, en colaboración co Concello de Quiroga vai impartir un Curso Básico de Primeiros Auxilios: Actuacións ante os accidentes laborais para o sector agro gandeiro e forestal.

O obxectivo deste curso é dotar os traballadores do sector agro gandeiro e forestal dos coñecementos e habilidades básicas e necesarias para prestar, o máis eficazmente posible, os primeiros auxilios ante unha situación de urxencia producida por un sinistro laboral.

O curso vai destinado a persoas traballadoras ocupadas e desempregadas do sector agro gandeiro e forestal, e que estén empadroados en Quiroga, Folgoso do Courel ou Ribas de Sil; ou que traballaaran ou traballen nun centro de traballo situado nun concello de plan de zona.

O número de prazas mínimo será de 15 alumnos ata un máximo 20 alumnos.

O curso que consta de 20 horas, 4 ao día, impartiríase no Telecentro da Casa da Cultura dende o día 27 ata o día 31 de outrubro, en horario de tarde.

As persoas interesadas en participar poden entregar as solicitudes no concello de Quiroga, dende onde se remitirán ao Instituto Galego de Seguridade e Saude Laboral, antes do venres 17 de outubro.


30 sept 2014

NESTE MES DE OUTUBRO COMEZAN NOVAS ACTIVIDADES DE EDUCACIÓN E XUVENTUDE

Dende as áreas de Cultura, Igualdade e Xuventude do concello de Quiroga, organízanse clases de zumba e batuka, que comezarán o xoves día 2 de outubro.
         
Estas clases teñen un custo por persoa e mes de 15 €uros e levaranse a cabo os xoves de 19:00 a 20:00 horas.

Por outra banda, e, dende a área de Educación organízase, como cada ano, a Ludoteca municipal para o curso escolar 2014/2015.

A finalidade da ludoteca é a conciliación da vida familiar e laboral ademais de lúdico-educativa, porque o xogo é esencialmente fonte de experiencias novas e un medio de expresión, comunicación, relación e realización persoal.

Os días da ludoteca serán os martes e os xoves cun horario ininterrompido das 16:30 ás 20:00 horas, e terá un custo por mes de 10 €uros, con desconto para irmáns, familias numerosas, monoparentais e para alumnos que estén apuntados a catro actividades ofertadas dende o concello de Quiroga. Este servizo comezará o xoves día 2 de outubro e, como terá lugar ó rematar o colexio, os nenos e nenas poderán levar a merenda.

Dende a área de Xuventude, organízase para os xoves 9, 16, 23 e 30 de outubro o obradoiro “Customiza as túas camisetas”.
Este obradoiro levarase a cabo na Casa de cultura entre as 20:15 e as 21:15 horas e ten carácter gratuíto, os participantes só deben levar camisetas básicas, que adornarán e modificarán para finalmente quedarse con elas e levalas á última moda.
E por último, como en anos anteriores seguimos coas clases de scrapbooking, organizadas dende ás áreas de Educación e Xuventude, os luns para os maiores de 12 anos de 17:45 a 19:45 horas, e os venres, para os menores de 12 anos de 18:00 a 19:00 horas. Tamén de carácter gratuíto, os participantes só teñen que poñer os materiais.


Para apuntarse a calquera destas actividades hai que pasar pola casa de cultura ou chamar o teléfono 982 435 125.

QUIROGA SÚMASE AO CONVENIO DE CAMBIO DE DOMICILIO DA DGT

A Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yuguero Plaza, e o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, asinaban esta mañá na casa consistorial un convenio entre estes dous organismos para Cambio de Domicilio.
Este acordo supón a axilización dos trámites administrativos que o cidadán realiza diariamente nas xefaturas provinciais de Tráfico, facilitando deste modo que se manteñan actualizados os domicilios dos titulares nos permisos de circulación e de condución.
Deste modo, cando un cidadán cambie de domicilio e o comunique ao concello para obter a alta ou a modificación no padrón municipal, se este o solicita, a entidade local comunicarao á DGT para que o actualice na súa base de datos e así evitar unha xestión aos veciños residentes nas localidades asinantes.

          Este convenio, ten como primeiro obxectivo mellorar a calidade dos servizos públicos prestados aos cidadáns mediante o fomento da colaboración e a comunicación entre administracións, máxime cando, como é o caso de Lugo, a Xefatura Provincial de Tráfico atópase na capital.


          Este concerto fará, ademais, "máis eficiente a xestión do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), imposto que é cobrado polo municipio no que o vehículo estea domiciliado, por iso resulta imprescindible que a dirección domiciliaria dos titulares de vehículos estea actualizada".

18 sept 2014

FÚTBOL SALA E VOLEIBOL OFERTAS DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

 A área de deportes do concello vai poñer en marcha as escolas deportivas municipais a partir do vindeiro mes de outubro, para nenos e nenas de 5 a 16 anos. Concretamente comezarán o 1 de outubro e prolongarán a súa actividade ata o 19 de xuño, data prevista para a súa clausura.

As Escolas deportivas ofertan fútbol sala e voleibol. Dentro das escolas deportivas haberá varias categorías: prebenxamín para os nacidos entre o 2009 e o 2007; benxamín, para os nacidos no 2005 e 2006; alevín, para os nacidos no 2004 e o 2003; infantil, para os nacidos no 2001 e 2002; e finalmente a categoría cadete para os naciodos entre 1999 e o ano 2000.

 Os adestramentos irán en función da categoría. Así os prebenxamíns entrenarán os martes e venres a partir das catro e media da tarde. Os benxamíns farano os luns ás sete da tarde e os xoves ás catro e media. Os alevíns entrenarán os martes e xoves ás cinco e media e finalmente os intantis e cadetes farano os mercores ás sete da tarde e os venres as cinco e media. Pola súa banda en boleibol entrenarán os luns e mércores ás seis da tarde.

O prezo das escolas deportivas está fixado en 10 € mensuais para os empadroados en Quiroga e 12 € para os non empadroados. O pago poderase facer de diferentes formas, mensual, trimestral ou nun único pago polo que se aforran 20 €.

Esta cuota inclúe unha equipación. Como as Escolas Deportivas usarán as mesmas equipación do ano pasado, os participantes poderán escoller co pago da inscripción unha nova equipación ou unha mochila.
         

Os rapaces e rapazas interesados en participar deberán de cubrir unha inscripción que entregarán na casa da cultura.

12 sept 2014

O CONCELLO OFERTA PARA ESTES ÚLTIMOS MESES DO ANO, OBRADOIROS DE CESTERÍA, DE IGUALDADE, E CLASES DE MÚSICA.

         A delegación de Cultura, a través do Museo Etnográfico organiza un obradoiro de Cestería Tradicional a celebrarse dende o 13 de outubro ata o 17 de decembro.
O obradoiro de 40 horas celebraríase os luns e mércores dende as sete da tarde ata as nove da noite.  O prezo do obradoiro é de 30 €, no que vai incluído os materiales utilizados e as pezas que se elaboren.
       As persoas interesadas en participar deberán de inscribirse antes do día 10 de outubro na casa da Cultura.

       Dende  a oficina de xuventude organízase para o xoves día 25 de setembro un obradoiro pola igualdade, dirixido a rapaces e rapazas de 12 a 17 anos.
Con este obradoiro preténdese educar en igualdade aos nenos e nenas a través de divertidos xogos, como a Oca da Igualdade, cos que se pretende fomentar o respeto, a tolerancia e a igualdade.
O obradoiro terá lugar na casa da cultura a partir das seis e cuarto da tarde ata as oito do serán.
     A área de Xuventude, en colaboración coa área de Educación, organiza novamente clases de guitarra e piano.

      Todas as persoas interesadas en acudir a esta actividade, que ten un custo de 15 € mensuais, terán unha reunión o xoves, 18 de setembro, a partir das oito e media do serán na casa da Cultura.
     
       O concello de Quiroga, a través dos seus departamentos de educación e cultura vai poñer en marcha unha escola municipal de música.

A nova escola terá varios apartados: Música e movemento para os nenos e nenas de 4 a 6 anos; linguaxe musical e intrumento para os maiores de 7 anos; e formación musical de adultos con iniciación a armonía clásica e moderna, iniciación á improvisación, música de cámara.
As persoas interesadas en participar poderán escoller entre varios instrumentos: oboe, frauta, fagot, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba e percusión.
As clases comezarían o 1 de outubro, polo que as persoas interesadas en participar xa se poden inscribir, cubrindo unha solicitude que se entregará na Casa da Cultura.

10 sept 2014

150 ALUMNOS INICIARON ESTA MAÑÁ O NOVO CURSO NO C.E.I.P. DE QUIROGA

150 Alumnos de educación infantil e primaria comezaron esta mañá o seu curso 2014/2015. O curso que virá marcado pola implantación de Lomce comezou en horario de xornada única (10 da mañá ata 14:30h ou 15:30, si son usuarios do comedor). Un ano máis o alumnado de 40 de Infantil, que comeza no centro por primeira vez entraba en dous turnos o primeiro ás dez da mañá e o segundo sobre as doce da mediodía, nun período de adaptación que se prolongará todo este mes de setembro.
          Co inicio do curso escolar empezaron a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, "tralas modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais".
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia mantén as axudas para a adquisición de libros de texto en todos os cursos do ensino obrigatorio. Así mesmo, os requisitos de renda per cápita familiar para a obtención das axudas foron os mesmos que nos anos anteriores.
Como novidade este ano poténciase a formación de bancos de libros establecendo a obriga de incorporar, logo de rematar o curso, os libros adquiridos con cargo á axuda a un fondo solidario que se constituirá nos centros, como medida que favorece o establecemento dun sistema de socialización do seu uso.
O CEIP de Quiroga adáptase ás tecnoloxías da información xa que foi un dos selecciónados para o proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014-2015. Polo que este ano ponse en marcha unha plataforma de contidos curriculares dixitais completos, gratuítos para as familias e accesibles sen necesidade de conectividade. Así, o alumnado matriculado en 5º de educación primaria, non accederá ás axudas para libros, xa que a inclusión neste programa permitiralles ter á súa disposición e de xeito gratuíto unha contorna virtual de aprendizaxe con libros e outros materiais dixitais cos que poderán desenvolver a totalidade do currículo.
A iniciativa, que forma parte do Proxecto Abalar, prevé alcanzar en tres anos a alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO.

O curso que comezou esta mañá prolongarase ata o venres 19 de xuño do 2015.