16 mar 2011

O DOMINGO 20 DE MARZO CELEBRASE A XI MOSTRA DO ACEITE

Esta mañá reuníase a comisión organizadora da XI Mostra do Aceite que se celebrará o vindeiro domingo 20 de marzo no lugar das Farrapas en Bendilló.

A mostra inaugurarase ás once da mañá, para media hora despois poñer en funcionamento o muíño no que se realizará unha demostración da elaboración tradicional do aceite. O primeiro paso é moer as olivas, para o que se pon en funcionamento o muiño movido por un burro ata triturar totalmente o froito. A pasta das olivas recóllese do muiño e vaise colocando nos capachos, que son esteiras de esparto, e botáselles auga quente. Os capachos colócanse uns enriba doutros á espera de seren prensados. O líquido sae ao sometelo á forza da prensa, onde pola súa propia densidade se irá separando o aceite da auga.

A novidade deste ano será a recuperación dunha cata que terá lugar ás 12 do mediodía no interior da Capela. Sobre as doce e media está previsto que comecen as actuacións de música e danza tradicional galega que correrán a cargo das agrupacións locais: Banda de gaitas San Martiño, grupo de gaitas O Recanto e o grupo de danzas San Martiño.

No recinto da mostra ademais do produto estrela, o aceite, poderanse ver e mercar produtos típicos da nosa zona. Nesta edición estará á venda o aceite dos cinco colleiteiros habituais neste evento: Inocencio Ogando García, Jesús Bao Mondelo, Luis Vicente Arias Prieto, Guillermo Nogueira Veloso e Manuel Mondelo Rodríguez.

A organización do evento coida ao máximo a súa imaxe, as tarefas de limpeza e mantemento do recinto sucédense ao longo do ano para que se atope nas mellores condicións á hora de instalar a carpa e os stands precisos para o día da mostra. A presentación do produto faise de xeito uniforme, todos os colleiteiros empregan o mesmo tipo de envase, etiqueta e bolsa para a exposición e a venda do produto. Para acadar esta imaxe corporativa a organización achega a todos os produtores os envases, as etiquetaxes e as bolsas. No recinto feiral instalaranse outros postos con todo tipo de producos típicos da zona: mel, viño, castañas, licores, pan etc.

Para facilitar o acceso de todas as persoas ao recinto da feira e ao muíño do aceite, como todos os anos contarase coa colaboración da Garda Civil, Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario