9 sept 2011

A CONCELLEIRA DE XUVENTUDE ENTREGA O PRIMEIRO BONOBÚS DESTE CURSO

Un ano máis, coincidindo co inicio do curso universitario, o Concello de Quiroga pon en marcha o programa do Bonobús. Programa co que o concello axuda economicamente a todos aqueles rapaces empadroados en Quiroga que cursan os seus estudos universitarios nos distintos campus galegos.

Esta mañá a concelleira de xuventude, Rosa Arza, fixo entrega do primeiro Bonobús da tempada. Esta axuda pódese solicitar na Oficina de Información da Xuventude situada na Casa da Cultura.

O concello subvenciona nun 50% o servizo de transporte ás distintas universidades de Galicia. Así os mozos que se despracen ao campus de Santiago terán que aboar polo bono anual 550 €; os que se despracen a Lugo, 340 €; á Coruña, 612,5€; a Vigo, 715 e os que vaian a Ourense abonarán 242,5€.

Cada persoa terá dereito a dúas viaxes semanais durante o curso escolar, unha de ida e outra de volta. As saídas do autobús universitario serán os domingos e os retornos os venres; en caso de existir pontes, as saídas produciranse os días festivos e os retornos as vésperas de festivos.

Para os desprazamentos a Santiago e Lugo, os universitarios poderán optar por todas as expedicións que a empresa Monbús teña en funcionamento.

O servizo, que comezará o vindeiro día 11, estará en funcionamento ata o 8 de xuño do 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario