18 nov 2011

QUIROGA ACOLLE UNHA ETAPA DA VOLTA A GALICIA DE COCHES CLÁSICOS E UNHA CONCENTRACIÓN MOTEIRA

Quiroga acollerá durante este mes de novembro unha etapa da volta a Galicia de automóviles clásicos e unha concentración de motos de carretera.

O sábado día 19, a VIII edición da volta a Galicia de Automóviles Clásicos, organizada pola Escudería de Clásicos de Ourense, fará un recorrido por estradas comarcais e locais, facendo un reagrupamento de 20 minutos en Quiroga. Este reagrupamento terá lugar sobre a unha da mediodía no aparcamento de autobuses do colexio. Estes vehículos que respetarán en todo momento as normas de circulación ao moverse por vías abetas ao tráfico, non superarán os 50Km por hora, e chegarán a Quiroga procedentes de Seoane do Caurel.

O seguinte sábado día 26 de novembre, quen chegará a Quiroga será a primeira concentración de motos de carretera da asociación veciñal Piño Santa Bárbara. Esta concentración composta por unhas 40 motos, sairá ás catro da tarde dende a Pobra de Brollón, e tras recorrer Bóveda, O Incio e Folgoso do Caurel, chegará a Quiroga.

15 nov 2011

QUIROGA ACOLLE O PROGRAMA DEPORTIVO "NON TE RETIRES VOLTA A XOGAR"

A área de deportes do Concello de Quiroga e a Deputación Provincial de Lugo organizan un programa deportivo de actividade física para a xente maior.

O programa denominado “Non te retires volta a xogar” terá lugar os mércores a partir das seis da tarde no centro social. Este programa  comezará o mércores 16 de novembro. 

Durante as sesións, que serán de duas horas, traballarase a flexibilidade, a resistencia (mediante un exercicio de baixa intensidade pero sostido no tempo) e o fortalecemento e tonificación da musculatura máis precisa no día a día. Este programa pretende ademais atender as necesidades cognitivas deste colectivo, mediante a interactuación e a implicación dos participantes, como xeito de prevención dos problemas de illamento e falta de estímulos.

10 nov 2011

XUVENTUDE ORGANIZA UN CURSO DE ACHEGAMENTO A INTERNET 2.0

Dende a Oficina de Xuventude do Concello de Quiroga organízase para este mes de novembro un curso de achegamento a internet 2.0.

Este curso, impartido por un técnico entendido na materia, comezará o luns día 14, e terá lugar os días 14, 16, 21, 23 e 28 de novembro de 20:00h. a 22:00h. na aula Cemit da casa de cultura.

Os contidos do cursiño serán o correo electrónico, as redes sociais, os blogues,  as aplicacións online e a imaxe.

O custo do curso por persoa é de 10 € e para poder asistir hai que ter desenvoltura co ordenador, manexo do ratón, teclado etc.

Para anotarse pódese chamar ao teléfono 982435125 ou pasar pola casa de cultura.

A CASA DE CULTURA ACOLLE O SÁBADO UN TALLER DEMOSTRACIÓN DE BONSAIS

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá o vindeiro día 12, sábado, un taller demostración de bonsais a cargo de José Antonio Peña Alonso.

Os traballos a realizar nesta sesión consisten no modelado e transplante dunha peza comercial para conseguir un estilo “Balsa” e tamén se realizarán demostracións dos traballos de mantemento e pinzado de exemplares.

Ademais do obradorio, que se desenvolverá entre as 11:00h. e as 14:00h.; poderase ver unha miniexposición de exemplares moi interesante.

As persoas amantes deste arte, poden participar gratuítamente neste taller e resolver as posibles dúbidas que teñan no cuidado dos seus exemplares que poden traer para realizar as consultas os integrantes do taller.

Esta actividade, organizada pola área de Cultura do Concello de Quiroga, conta coa colaboración do “Grupo de Aficionados ao Bonsai Val de Lemos”.

8 nov 2011

QUIROGA TRABALLA PARA ACADAR UNHA "DENOMINACIÓN ESPECÍFICA" PARA O ACEITE

A Comisión formada por olivareiros e un enxeñeiro agrícola que no seu día fixou as condicións esixidas para poder facer uso da marca Aceite de Quiroga, reuniuse novamente na tarde de onte na casa consistorial. Desta comisión tamén forma parte agora o biólogo e profesor de Ciencias Naturais do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga, José Espinosa.

A Comisión que fixara no seu día os requisitos de producción, elaboración e comercialización que se lles esixen os productores para acollerse ésta marca, tenta agora poder chegar a acadar unha denominación específica, máis adsequible que unha denominación de orixe.

Esta comisión creouse para supervisar que quenes usen a marca Aceite de Quiroga, cumpran uns requisitos tanto na producción e na elaboración como na comercialización do aceite; así como para regular e ordenar as plantacións de oliveiras.

O aceite elaborado pasará unha serie de controis que certifiquen a calidade do producto, como análises organolépticas, físico-químicas e bacteriolóxicas. A comisión trata agora de definir os parámetros destas análises para que só poida levar o nome de aceite de Quiroga aquel que entre dentro destes parámetros, o que garantizaría que a materia prima procede íntegramente da nosa zona, que o aceite está elaborado dentro do noso municipio e con aceitunas das variedades aceptadas pola Comisión, co fin de evitar fraudes e que aceite de fora se poida comercializar co nome de aceite de Quiroga.

4 nov 2011

QUIROGA RECOLLEU 165 KILOS DE ACEITE DE COCIÑA USADO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DE FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE COLECTORES PARA ESTE RESIDUO

O concello de Quiroga recibiu os datos do aceite de cociña usado recollido nos colectores que colocou no pasado mes de xullo.

No trimestre que comprende os meses de xullo, agosto e setembro estes colectores recolleron un total de 165 kilos de aceite de cociña usado. Desglosado por meses en xullo recolléronse 50 kilos, os mesmos que no mes de agosto, e en setembro esta cantidade aumentou ata situarse en 65 kilos.

En total o concello de Quiroga instalou catro contenedores para a recollida destes residuos, tres deles están situados na rúa Real e un na rúa Quiroga de Arxentina.

Para utilizar estes depósitos é preciso que o aceite usado se meta en botellas de plástico ben tapadas para que non vertan. Non se poden usar botellas de vidrio, xa que poden romperse ao tiralas dentro do colector.

A utilización destes colectores evita que se teña que eliminar o aceite de cociña usado polos desagües evitando problemas tanto de contaminación, xa que un litro de aceite usado pode contaminar máis de mil litros de auga, como problemas de atascos nas redes de saneamento ou proliferación de pragas e malos olores.

3 nov 2011

O CONCELLO ORGANIZA OS ACTOS PARA CONMEMORAR O PATRÓN DA VILA

A comisión organizadora da festa do San Martiño reuniuse na casa consistorial para rematar de organizar as actividades a desenvolver o día 11 de novembro, día de San Martiño, patrón da Vila.

Este ano os actos están integramente organizados dende o concello, xa que os veciños non se fixeron cargo desta festa tradicional do barrio da praza.

Nesta xuntanza presentouse o programa dunha festa que se centrará no venres día 11. Así os actos comenzarán ás once menos cuarto da maña, cunha alborada a cargo da banda de gaitas San Martiño.

As once da mañá terá lugar a carreira popular, que nesta edición é soamente de caracter local e na que haberá distintas categorías, dende pitufos ata cadetes. A carreira terá a súa saída e a súa meta diante da casa consistorial e o recorrido levará aos participantes pola zona da praza Maior.

Ás doce da mediodía comenzarán os actos litúrxicos, que se iniciarán coa tradicional procesión na que a imaxe do patrón da vila recorrerá a zona da praza Maior.

Á unha e cuarto os actos trasládanse ata a praza, onde o grupo de danzas San Martiño actuará acompañado da banda de gaitas do mesmo nome. Sobre as catro os cativos poderán disfrutas de xogos populares organizados dende a área de educación.

E finalmente a partir das sete da tarde poderase degustar o magosto acompañado de viño novo. A música da noite correrá a cargo do dúo local, Fondo Tropical.