9 dic 2016

O DÍA 7 DE XANEIRO CELÉBRASE A II EDICIÓN DE " CANTOS DE TABERNA"

O Concello de Quiroga, a través da Área de Xuventude, organiza para este Nadal  a segunda edición de "Cantos de Taberna".

Os obxectivos  desta actividade  son a  dinamización social  e a recuperación das nosas tradicións musicais. Os cantos nas  tabernas foron  unha maneira de divertimento, de ocio  e un xeito  de producir e manter a  importante  tradición musical da comarca.

Para levar a cabo esta segunda edición de “Cantos de Taberna”, o Concello de Quiroga conta coa participación de quince establecementos de restauración  da vila  ( cafeterías, bares e pubs) onde de se van realizar as actuacións o día 7 de xaneiro a partir das 17:00 h .Conta  tamén coa colaboración  da Empresa  Tourgalia.

Cada agrupación musical participante realizará unha actuación de media hora en cada  establecemento, para rematar  a ronda na zona dos Pubs cunha foliada conxunta.

Poden participar todas as agrupacións interesadas ata  un máximo de 15 e o número de integrantes de cada agrupación non ha de superar os 10 membros.

Para inscribirse poden chamar á Casa da Cultura ao número de telf: 982435125. 


1 dic 2016

O VICEPRESIDENTE DA XUNTA, ALFONSO RUEDA, VISITABA QUIROGA PARA A ENTREGA DE EQUIPOS DE COITELAS E CUÑAS PARA COMBATER AS NEVARADAS DO INVERNO

Quiroga recibía a visita do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. O motivo da visita foi a  entrega de equipos de coitelas e cuñas para mellorar a capacidade de resposta de varios concellos de Ourense e Lugo fronte ás nevaradas do inverno.
 O acto contou tamén coa presenza dos delegados  territoriales  da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e en Ourense, María Sol Díaz , o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, así como os alcaldes de Quiroga, Julio Álvarez e a súa homologa do Caurel, Lola Castro. Trátase dun material moi necesario que permitirá mellorar a circulación e a seguridade viaria dos veciños destas localidades, onde se adoitan dar nevaradas e xeadas o longo do inverno.Segundo añadiu o Vicepresidente, Alfonso Rueda, aínda que os medios son cada vez maiores para loitar contra a neve e o xeo, cómpre recordar a importancia da responsabilidade nas estradas e de que os usuarios estean informados da situación das vías cando vaian realizar algún desprazamento
 No transcurso do acto fíxose entrega de seis equipos de coitelas para os concellos de Becerreá, Cualedro, Chandrexa de Queixa, Folgoso de Courel, Piñor e Quiroga. E tres equipos de cuñas para A Gudiña, Castro Caldelas e Maceda.

 A Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias, destinou preto de de 118.000 euros para a compra deste material, que xa teñen a súa disposición os concellos. 

A AREA DE EDUCACIÓN E INFANCIA DO CONCELLO, ORGANIZA O CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de Quiroga dentro da súa area de Educación e Infancia organiza o concurso dePostais de Nadal.

Este concurso vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. A postal ten que versar sobre o tema do Nadal e ocupar medio folio. Os traballos deberán presentarse na casa da cultura antes do día 16 de decembro, acompañados dun sobre pechado que conterá os datos do autor. 

O concurso conta con cinco categorías, de 3 a 4 anos, de 5 a 6, de 7 a 8, de 9 a 10 e a última categoría para o rapaces e rapazas de 11 a 12 anos. Os gañadores de cada unha das categorías recibirán premios sorpresa que serán entregados o 17 de decembro no Festival de Nadal que se celebrará no Auditorio Municipal.


29 nov 2016

O CONCELLO E O CENTRO SOCIAL POÑEN EN MARCHA A "OPERACIÓN QUILO SOLIDARIO"

O Concello de Quiroga en colaboración co  Centro Social puxo en marcha a Operación Quilo Solidario,”Por un fin social”,  trátase dunha actividade de carácter social dirixida a todas as persoas que queiran  aportar o seu quilo de solidariedade.
     Con esta iniciativa pidese a colaboración dos veciños para participar nesta causa solidaria aportando un quilo de alimentos non perecedeiros, tales como legumes, conservas, galletas, aceite ou productos de aseo persoal.Todas as aportacións serán recollidas nas instalación do Centro Social de Quiroga.
       Por outra banda, o Centro Social tamén é receptor para a recollida de roupa usada en bó uso, a roupa que se entregue ten que estar limpa en un bó estado de uso.

     A Operación Quilo Solidario permanecerá aberta durante o mes de decembro, pero as aportacións poden seguir ata que o Concello de Quiroga dé por pechada a recollida, que se enviará aos destinos que máis o necesiten.

23 nov 2016

A BIBLIOTECA MUNICIPAL CONVOCA O CERTAME DE POESÍA INFANTIL "NADAL 2016"

                                  
A Biblioteca Pública Municipal de Quiroga convoca o Certame de Poesía Infantil “Nadal 2016”de acordo as seguintes bases :


1- Poden participar tódolos nenos e nenas, con poemas sobre o tema xenérico de “O Nadal”.

2- Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos,C, de 12 a 16 anos.


3- Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe.Os poemas estarán escritos en galego e a súa extensión será como máximo dun folio por una soa cara. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.

4- O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 15 de decembro, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Municipal.


5- O xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada categoría e modalidade un máximo de tres traballos. Os autores seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros.

6- Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Bilioteca Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.


7- O fallo do xurado local farase público antes de rematar a segunda quincena de decembro de 2016.

8- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública Municipal que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.


9- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.

10- A presentación das obras  a este certame supón a aceptación das presentes     bases.


A OMIX DE QUIROGA ORNANIZA XORNADAS INFORMATIVAS DO CARNÉ XOVE

A Oficina Municipal de Infomación Xuvenil de Quiroga, organiza para os días 28, 29 e 30 de novembro, unhas xornadas informativas do carné xove, no IES de Quiroga.
O estudantado poderá recoller información na mesa informativa que se instalará durante os recreos e ademais, quen o desexe, poderá facer alí mesmo o carné xove.
O seu obxectivo, é facilitar unha tarxeta persoal e intransferible á disposición da mocidade galega de 12 a 30 anos, que a acredita como tal, e coa que obtén descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos ao programa do Carné Xove, agás excepcións propias de cada comunidade ou país.

7 nov 2016

O CONCELLO XA TEN EN MARCHA OS ACTOS PARA A CELEBRACIÓN DO SAN MARTIÑO

O Concello de Quiroga, dende a súa Área de Cultura, xa ten en marcha un amplo programa para a celebración do noso patrono, o San Martiño.
      Os actos comezan o xoves día 10 pola tarde coa disputa de dous encontros de futbol sala no pavillón municipal, entre as EDM.de Quiroga e as da Rúa, os enfrontamentos serán as seis na categoría de prebenxamíns e as sete os Benxamíns.
      O venres, propio día de San Martiño, festa local na vila, comezarase ás once menos cuarto cunha alborada coa banda de gaitas.
     Ás doce do mediodía misa solemne e procesión, encabezada pola imaxe do noso patrono. A unha e cuarto, na Praza Maior, actuacións do grupo de danzas e da banda.
     Ás catro da tarde e de novo na Praza Maior, xogos populares infantís para todos os rapaces que queiran participar. As sete dará comezo un gran magosto onde non faltará o viño novo e a música a cargo do Dúo Camelia.
    Pero os actos de San Martiño continuarán o sábado día 12 no Auditorio Municipal onde terá lugar un festival da Presentación do Cancioneiro Antropolóxico de terras de Quiroga , Ribas de Sil e Montaña do Lor.

    O domingo, ás sete,  tamén no Auditorio e para pechar os actos desta festividade terá lugar a representación teatral “O Menciñeiro á Forza”, interpretado polo Grupo Augas do Sil de San Clodio, dentro do programa Buxiganga da Deputación Provincial.