20 jun 2018

TODO LISTO PARA A CELEBRACIÓN DO SAN XOÁN


     O departamento de cultura do Concello de Quiroga, encargado de organizar os actos da festividade de San Xoán , xa ten todo listo para a celebración este sábado día 23 de xuño a partir das nove da noite.

Máis de 100 kilos de sardiñas frescas, típico producto destes festexos en Galicia, asaranse no merendeiro do parque da Constitución para a degustación de todos os veciños e visitantes que se acheguen por alí, acompañadas de pan, viño e refrescos.


    Xa  a media  noite continuarase coa tradición desta noite, acenderase a tradicional fogata para que todos os valentes se animen a saltala para espantar os malos augurios.

12 jun 2018

QUIROGA CONTA CUNHA AMPLA OFERTA DE ACTIVIDADES PARA OS MESES DE VERÁN


O  Concello  de  Quiroga acaba de editar a programación cultural para este verán na que se inclúe unha ampla oferta de  actividades que teñen como destinatarios todos o sectores da poboación.

Unha boa cantidade de actividades van dirixidas aos máis pequenos, por ser eles os que dispoñen de máis tempo libre no verán. Cabe salientar, entre as actividades dirixidas a este sector,  os  Campamentos de Verán  que se desenvolverán de luns a venres, ao longo da mañá durante os meses de xullo  e agosto. Completan a oferta infantil   espectáculos de maxia ,  animación de rúa “ HAKUNA MATATA” a cargo de Troula animación, obradoiro de cómic, certames e concursos.
 
Exposicións de debuxo, pintura ou fotografía de artistas locais e foráneos ocuparán a sala de exposicións municipal durante  este trimestre.

Para tódalas idades competicións e actividades deportivas entre as que salientamos o xa tradicional Campus de fútbol e como novidade este ano o I Campus de Voleibol Concello de Quiroga, Night Trail Quiroga, IV Torneo de “Stree Soccer” ou a III Torneo Futsal Feminino Val de Quiroga.

A Área de Xuventude desenvolverá un Campo de Traballo Internacional entre  o 1 e o 17 de Xullo, a Festa da Cervexa Artesá e a Festa da Xuventude , entre outras actividades.

A Noite  de  San  Xoán,  as Festas de Verán ,  a Festa da Comunidade e a XXVII Feira do Mel  incrementarán as actividades de ocio e lecer, achegando coa súa programación propia,  actividades deportivas,  lúdicas e musicais  para todos os veciños e veciñas ao longo do verán.




V ENCONTRO DE CORAIS, O DÍA 16 DE XUÑO EN QUIROGA


   A Coral Polifónica de Quiroga, en colaboración co Concello Quirogués,  FECOGA e  a  Consellería  de  Cultura, organiza  o V Encontro de Corais previsto para o sábado 16 de xuño na igrexa parroquial, San Martiño.

   O programa previsto comezará as oito menos cuarto  dende a Casa de Cultura
 cun desfile e pasarrúas  a cargo do  Grupo de Música Tradicional a Rexouba do Centro Social  “Sagrada Familia”de A Coruña.

   As oito do serán dará comezo o Concerto das Corais participantes no interior da Igrexa Parroquial “San Martiño”: En primeiro lugar actuará o Orfeón Valdeorrés composta por 40 membros e dirixido na actualidade por José Ramón Mansilla.

Deseguido  actuará  a Coral  Polifónica Centro Social “Sagrada Familia” de A Coruña,   que  foi  fundada no ano 1990  e na actualidade está composta por 36 voces mixtas, dirixidas  por  Otilia Villar Pampín. Esta formación ten unha gran e dilatada carreira, participando en numerosos actos, oficiales e privados, recibindo numerosos premios polo seu traballo.

Neste quinto Encontro de Corais tamén participará o  Grupo “A Rexouba”  pertencente a este mesmo centro da  “Sagrada Familia” de A Coruña,que nace no ano 2005 como un grupo de música tradicional galega. Un grupo no que non importa a idade, só as gañas de aprender e pasalo ben a través da gaita e a percusión tradicional galega.

Para rematar este concero actuará a Coral Polifónica de Quiroga, organizadora deste Quinto Encontro de Corais no Val de Quiroga.


16 may 2018

O 7 DE XULLO QUIROGA CELEBRA A III NIGHT TRAIL QUIROGA


A  terceira  Night  Trail  Quiroga  xa ten data, será o sábado 7 de xullo ás dez e media da noite.

A carreira e andaina nocturna que se leva celebrando dende o 2016 volve contar  nesta nova edición  con  tres distancias:
A andaina e trail de 10kms, a de 17 kms ( andaina e trail) e a de 25 kms  só trail. 


Os interesados en participar poden realizar as inscripcións na web ChampionChip Norte, de xeito presencial no Concello de Quiroga (en horario de 10 h a 14 h de luns a venres) ou vía fax (entregando unha copia dá transferencia bancaria).

Os  atletas menores de 18 anos precisan autorización ou acompañamento dos país ou titores. Dende a organización deste evento queren lembrar que os  primeiros 200 corredores que se inscriban  recibirán unha luz  frontal con pilas (excepto na andaina) e camiseta técnica. Cando se esgoten os 200 frontais, todos os inscritos recibirán unha camiseta técnica. 



ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NA IV MARCHA CICLOTURISTA RED BOI QUIROGA-CAUREL


    O Departamento de Deportes do Concello de Quiroga  organiza a IV Marcha Cicloturista  Red  Boi  Quiroga- Caurel,  para o domingo 3 de xuño e recorrerá as espectaculares montañas de Courel e Quiroga, un recorrido que non deixará indiferente a ninguén. As inscripcións xa están abertas e os interesados en participar neste proba pódenas facer na páxina www.championchipnorte.com, tendo de prazo ata o día 31 de maio as doce da noite.

     A  marcha está aberta a todo ciclista maior de 16 anos, e o importe da inscripción ascende a 12 euros, sendo obrigatorio o uso de casco protector.
 A saída está prevista para as nove da mañá dende as inmediacións da praza España, onde tamén se fará efectiva a recollida de dorsais entre as oito da mañá e as nove menos cuarto.

     Os participantes farán un recorrido de 97 km. Tras a saída dirixiranse pola rúa Real ata o Paseo Fluvial, para cruzar novamente a rúa Real en dirección a estrada do Caurel, pasando pola Hermida, Campodola, O alto do Boi, Folgoso, Seoane, A Seara Outeiro, Fisteus, A Ribeira, Os Novaes e San Clodio para rematar novamente no punto de saída.
         
     Durante o recorrido estarán instalados 2 puntos de avituallamento. Á finalización da Marcha servirase unha comida a todos os participantes, que tamén recibirán unha camiseta como recordo da proba.

O CONCELLO ORGANIZA DIFERENTES ACTOS CO GALLO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS


       O Concello de Quiroga,  organizou para o17 de maio, Día das Letras Galegas, os seguintes actos:
                             
      Ás 12:30 h, no Concello,  terá lugar a entrega de premios aos gañadores do Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas, 2018, na súa fase local convocado pola Biblioteca Pública Municipal e na súa fase provincial pola Biblioteca Nodal de Lugo coa colaboración  da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

                     
     Trala entrega destes premios, a unha do mediodía e no  Salón de Sesións do Concello , comezará  o Acto Solemne de Nomeamento de  Filla  Adoptiva de Quiroga  á Sra. Dª. Celia Díaz Núñez, escritora galega nacida no Páramo   pero que aos poucos anos se trasladaba  a vivir a Quiroga, a terra da súa nai.

    Celia é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela; e tamén diplomada en Maxisterio pala Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo.Na actualidade reside en  Ourense, onde exerce como profesora de lingua e literatura galega en ensino secundario.

     Como escritora posúe unha extensa carreira literaria, cultivando xéneros  como o teatro, o ensaio ou a novela; tamén, é autora de libros de texto de lingua galega de educación secundaria.
     O pasado ano   presentou  a súa última novela "Unha verdade amarga", editada pola editorial Galaxia.

    Pola súa dilatada e gran carreira literaria conta con varios premios literarios: Foi gañadora do Premio Pura e Dora Vázquez na 1ª e 9ª edición coas obras “Adeliña”  e “Rugando” (publicadas en 2004 e 2012, respectivamente). Tamén  gañou o II Premio Internacional Barriga Verde de textos para teatro de monicreques coo obra “Cataventos e Cía”.

    Pola súa relación con Quiroga moitas das súas obras están ambientadas en aquí: "Rugando" (narrativa) 2012; "A boca do monte" (narrativa) 2016; "Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores" (ensaio) 1995;
                     
      E tras o acto solemne, todos os presentes sairán as portas da Casa do Concello onde dará comezo a actuación  Grupo de Gaitas local “O Recanto”.

4 may 2018

OS MONTES DA CONCHADA ENTRAN NUN PROXECTO PILOTO PARA PLANTAR OLIVEIRAS


O alcalde de Quiroga , Julio Alvarez, recibiu na Casa Consistorial  de Quiroga, ao Subdirector  de  Mobilidade do Banco de Terras de Agader, Alejandro Ignacio Sánchez  de  Dios, o Secretario  Xeral  de  Agader, Severino Alvarez Monteserín, e un técnico da dirección de Agader. O motivo desta xuntanza foi unha primeira toma de contacto para estudar a viabilidade de levar a cabo un proxecto piloto en Quiroga dentro do programa "Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial", que impulsan a Fundación e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) en colaboración coa Universidade de Santiago.

O proxecto de investigación "Propiedade, mobilidade da terra e valorización territorial" ten por  obxectivo loitar contra o abandono poñendo en valor terras cultivadas que foron abandonadas voltando a poñelas en producción.

O proxecto piloto que se pretende levar a cabo en Quiroga centraríase nas terras que pertencen á Mancomunidade de Montes da Conchada, onde se traballa sobre a posibilidade de plantar nelas oliveiras como primeira opción e en segundo lugar a creación de viñedo.

Tras a xuntanza na casa do concello, os participantes desprazáronse ata a zona onde se podería levar a cabo este proxecto para o que se dispón dunhas 400 hectáreas de terreo. O subdirector de movilidade de Terras, Alejandro Ignacio Sánchez, amosábase moi optimista tras esta visita que se realizou antes de concretar os traballos a levar a cabo.

A partir da vindeira semana comezarase a traballar neste proxecto coa delimitación da propiedade dispoñible e estudando a potencialidade do proxecto.