28 may 2010

REÚNESE A COMISIÓN DE FACENDA E A DE ASUNTOS DO PLENO

Na mediodía de onte reuniuse na casa consistorial a Comisión de Facenda e Especial de Contas para aprobar a Conta Xeral do Orzamento do exercicio 2008, que será remitida ó Consello de Contas de Galicia e o Tribunal de Contas.

Trala Comisión de Facenda reuniuse a Comisión de Asuntos do Pleno na que se aprobou ceder á comunidade veciñal do monte en man común da Seara, arrendado polo concello durante once anos, o aproveitamento cinexético do monte; designar a D. Urbano Nuñez Rodríguez para o cargo de Xuíz de Paz substituto do Xulgado de Paz de Quiroga; e ceder á comunidade veciñal de Pacios da Serra o uso e goce do edificio da antiga escola de Pacios da Serra para o seu uso en actividades comunais.

Todos estes puntos serán debatidos na sesión plenaria extraordinaria que a corporación municipal celebrará o vindeiro luns a partir da unha da mediodía.

27 may 2010

SOCIOS DO CENTRO SOCIAL PERCORRERÁN A RUTA DO FERRADAL

O Centro Social para a Terceira Idade organizou para o vindeiro xoves, 3 de xuño, unha actividade de aire libre e sendeirismo, polo val do río Soldón, para percorrer a ruta do Ferradal, unha ruta que ten o aliciente da paisaxe de montaña e do río.

A actividade está dividida en tres grupos. O primeiro grupo que fará a ruta dende Rugando a Ponte Soldón; o segundo grupo fará a ruta dende Quiroga Ponte Soldón e un terceiro grupo que participará soamente no xantar e as actividades lúdicas.

40 socios farán a ruta a pe dende Rugando ata Ponte Soldón, cun percorrido de 10,5Km cunha dificultade media baixa. Este grupo sairá das inmediacións do centro social ás oito da mañá, para comenzar a camiñata en Rugando sobre as oito e cuarto. Os caminantes deberán ir equipados con roupa e calzado axeitado e bastón de apoio en caso de precisalo. Este grupo estará dirixido por Agapito Vila, experto camiñante e coñecedor desta ruta.

Outros 15 participantes farán a ruta a pé dende Quiroga ata Ponte Soldón, cun percorrido aproximado de 4,5Km. Para coincidir na súa chegada a Ponte Soldón coa chegada do grupo que sae dende Rugando estes camiñantes teñen previsto sair de Quiroga ás once da mañá.

Un terceiro grupo participará no xantar con todos os demais e nas actividades lúdicas e a visita ao entorno cultural e etnográfico do Soldón. Este grupo desprazarase ata o punto de encontro por medios propios.

A última hora da tarde emprenderase o regreso cara Quiroga na que os caminantes farán a ruta novamente a pé, contando co apoio do coche de Protección Civil do Concello.

26 may 2010

SENDEIRISMO DE LIMPEZA POLO RÍO QUIROGA

A Área Social do concello de Quiroga, en colaboración coa Deputación Provincial, organíza unha actividade de “Sendeirismo de limpeza polo río Quiroga”, dirixido a nenos e nenas de 10 a 12 anos.

Esta actividade terá lugar os mércores do mes de xuño de 18:30 a 20:00 horas e consistirá en limpar as beiras do río, xunto con dous monitores ó mesmo tempo que coñecerán a flora e fauna existente neste lugar, como recompensa convidarase ós participantes a unha merenda.

Como premio polo traballo realizado todos os participantes terán unha camiseta e unha mochila diseñadas por eles mesmos. Para apuntarse poden facelo na Casa de Cultura antes do día 1 de xuño.

25 may 2010

UN NOVO MIRADOR PARA DIVISAR O VAL DO RÍO QUIROGA

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado do concelleiro Angel Rodríguez e un técnico municipal, achegouse ata Bustelo de Fisteus onde se comenzou a construcción dun mirador.

Nestes momentos trabállase na base do futuro mirador, que se construirá prácticamente igual que o resto dos miradores do municipio, é decir a base de lousa e pedra ornamental.

Dende este novo mirador podense contemplar unhas espectaculares vistas do val do río Quiroga, coa vila quiroguesa ó fondo, e ancestrais soutos de castiñeiros na parte esquerda.

24 may 2010

A ASOCIACIÓN DE MULLERES SAN MARTIÑO VAISE DE EXCURSIÓN A SEGOVIA

A Asociación de Mulleres San Martiño organizou unha excursión para esta fin de semana, 29 e 30 de maio, a Segovia e a Sepúlveda.

A viaxe que está dirixida ás socias e as súas familias farase en autobús, sáindo de Quiroga o sábado ás 6:30 da mañá para chegar sobre as 11:30 á cidade de Segovia, onde un guía local os agardará para realizar unha visita pola cidade.

O domingo a visita será á vila medieval de Sepúlveda, onde permanecerán ata as seis da tarde, momento previsto para a saida de cara a Quiroga.

Durante os dous días os visitantes degustarán os productos típicos desta zona como é o cochinillo asado, o cordeiro ou a sopa castellana.

21 may 2010

DETECCIÓN PRECOZ DO CANCRO DE MAMA

Dende o pasado martes está instalada nas inmediacións do Centro de Saúde, a unidade móvil para a realización de mamografías para a detección precoz do cancro de mama. As quiroguesas con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos foron citadas polo Sergas para que acudan a realizar estas revisións na unidade que estará en Quiroga ata o vindeiro xoves, día 27.

O programa, que empezou a funcionar con mulleres de 50 a 64 anos, chega na actualidade ata os 69. A partir dos datos do padrón e a base de datos da tarxeta sanitaria, o Sergas localiza ás mulleres comprendidas nesta franxa de idade e dirixelles unha invitación por carta para someterse a unha revisión que consta de duas mamografías de control e que se repite cada dous anos.

As placas son leidas por dous radiólogos especializados e os resultados sonlles comunicados a cada usuaria por carta certificada no prazo aproximado dun mes. No caso de que a mamografía suscite sospeita, o Sergas remitirá automáticamente unha cita médica para asegurar o diagnóstico e, si é o caso, iniciar o tratamiento.

A unidade móvil atende ás mulleres dende as oito e media da mañá ata a unha e media, e pola tarde dende as tres e cuarto as catro. As mulleres citadas deberán acudir acompañadas do Documento Nacional de Identidade.

20 may 2010

A III VOLTA CICLISTA POR LUGO PASARÁ POR QUIROGA O DÍA 30

A III volta ciclista as comarcas de Lugo que organiza o Club Ciclista Cidade de Lugo, pasará por Quiroga o domingo 30 de maio.

Esta proba da categoría Elite sub-23, de ámbito nacional desenvolverase os días 28, 29 e 30 de maio, nos que os participantes recorrerán a práctica totalidade da provincia.

Está previsto que os primeiros ciclistas cheguen a Quiroga o domingo sobre a unha e vinte da mediodía. Os corredores que veñen dende o alto do Boi pasarán pola rúa Real onde estará situada unha meta volante nas inmediacións da casa consistorial, para continuar camiño cara a N-120 en dirección a Monforte de Lemos.

No desenvolvemento desta proba o seu paso por Quiroga colaborará a Policía Local e voluntarios de Protección Civil.