31 mar 2011

ACTIVIDADES PROGRAMADAS NO PROXECTO DE APERTURA DE CENTROS EDUCATIVOS FÓRA DO HORARIO LECTIVO

O Concello de Quiroga quere informar da ampliación das actividades programadas no marco do Proxecto de Apertura de Centros Educativos fóra de horario lectivo, cofinanciadas por este Concello e pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se están a desenvolver ao longo do ano en colaboración co CEIP DE QUIROGA E O IES DE QUIROGA .

A partir do mes de abril ampliarase esta oferta con dúas novas actividades: Reforzo educativo e Pintura. Ademais comezarase unha nova etapa de teatro.

Para os alumnos/as de E.Infantil:

-Inglés: os mércores de 16.45 h a 17.45 h

-Pintura: sábados de 10.00 h a 12.00 h

-Teatro: sábados de 12.00 h a 13.00 h

Nos meses de xullo e agosto: piscina. De luns a venres, unha hora diaria.

Para os alumnos/as de Primaria:

Inglés: os mércores de 16.45 h a 17.45 h

Reforzo a través das novas tecnoloxías (informática): os martes 17.00 h a 18.00 h

Reforzo en técnicas instrumentais básicas ( matemáticas e lingua) para alumnos/as de 5ºe 6º: os luns e os xoves de 18.00 h a 19.00 h.

Reforzo a través de actividades de comunicación: comprensión e expresión para alumnos/as de 1º a 4º: os luns e os xoves de 17.00 h a 18.00 h.

-Pintura: sábados de 10.00 h a 12.00 h.

-Teatro: sábados de 12.00 h a 13.00 h.

Nos meses de xullo e agosto: piscina. De luns a venres, unha hora diaria.

Para os alumnos/as de 1º e 2º da ESO:

Inglés: os mércores 18.45 h a 19.45 h

Reforzo a través das novas tecnoloxías (informática): os martes 18.00 h a 19.00 h

Reforzo en técnicas instrumentais básicas (matemáticas e lingua) de 18.00h a 19.00 h

-Pintura: sábados de 10.00 h a 12.00 h

-Teatro: sábados de 12.00 h a 13.00 h

Adultos (pais e nais):

Inglés: os mércores de 17.45 h a 18.45 h

A participación nestas actividades é totalmente gratuíta, sendo impartidas por persoas expertas na materia. Para informarse e realizar a inscrición hai que dirixirse á Casa da Cultura (Telf:982435125) .

29 mar 2011

CONTACONTOS " PALABRAS DE CHAPEU.CONTOS PARA XOGAR"


Co gallo da Celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil o vindeiro sábado día 2 de abril , o Concello de Quiroga organiza unha actividade de CONTACONTOS “PALABRA DE CHAPEAU” a cargo de Helga Méndez de Teatro Patán.

Esta actividade dirixida a público infantil, terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura o vindeiro sábado ás 19.00 h. e nela poden participar todos os nenos e nenas que o desexen.



25 mar 2011

ÁBRESE O PRAZO PARA PRESENTAR AS SOLICITUDES DA SUBVENCIÓN PARA O REMATE DE FACHADAS E CUBERTAS NO ÁMBITO RURAL

O concello de Quiroga, a través dun bando, informa que se abre o prazo de presentación de solicitudes de axuda para a tramitación da subvención de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrucción de edificios e vivendas no ámbito rural.

Para máis información ou realizar os trámites da subvención, poden acudir á oficina do Portelo Único de Vivenda, situada na rúa Caurel (antigo cárcere) de Quiroga. No horario de 9:00 a 14:00 de luns a venres ou chamando ao teléfono 982 42 83 97.

22 mar 2011

ESTE MÉRCORES O PROGRAMA DA TVG "A SOLAINA" FARÁ UNHA RETRANSMISIÓN EN DIRECTO DENDE A PRAZA MAIOR

Este mércores día 23, pola tarde, vai ter lugar na Praza Maior a emisión en directo do programa da Televisión de Galicia “A Solaina”. Un programa de variedades que percorre a maioría dos concellos da xeografía galega.

Todas as persoas que queiran asistir a ver a retransmisión poden achegarse mañá mércores a partir das 4 da tarde á Praza Maior.

18 mar 2011

O CONCELLO DE QUIROGA SÚMASE Á CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DA ÁRBORE CUN ACTO INSTITUCIONAL NA XI MOSTRA DO ACEITE DE BENDILLÓ.

Día da árbore en Quiroga.

Domingo, día 20 de marzo
Lugar: Bendilló, no recinto da XI Mostra do Aceite de Quiroga, ás 11:45h.

Para sumarse á conmemoración do día Mundial da Árbore, o Concello de Quiroga organiza un acto que consistirá na plantación de varios oliveiras no contorno do muíño de aceite de Bendilló no lugar das Farrapas dentro do programa de actos preparados para a XI Mostra do Aceite de Quiroga, que será o domingo día 20 de marzo de 2011.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez estará acompañado neste acto polo Subdirector Xeral de Espazos Nauturais e Biodiversidade da Xunta de Galicia, Rogelio Fernández Díaz e por representantes da Fundación Xermán Estévez de Santiago de Compostela.

17 mar 2011

O C.I.M. ORGANIZA UN CURSO DE CATA DE VIÑOS PARA MULLERES

O Centro de Información á Muller ten previsto celebrar os días 25 de marzo, 1 e 8 de abril unha cata de viños.

O curso vai dirixido ás mulleres da comarca maiores de idade e celebrarase na sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga.
As interesadas en asistir ao curso pódense anotar no Centro de Información á Muller na Casa do Concello ou chamando aos teléfonos 982 43 89 51 ou  982 42 80 01.

A data límite de inscrición é o 24 de marzo, as prazas son limitadas.

16 mar 2011

O DOMINGO 20 DE MARZO CELEBRASE A XI MOSTRA DO ACEITE

Esta mañá reuníase a comisión organizadora da XI Mostra do Aceite que se celebrará o vindeiro domingo 20 de marzo no lugar das Farrapas en Bendilló.

A mostra inaugurarase ás once da mañá, para media hora despois poñer en funcionamento o muíño no que se realizará unha demostración da elaboración tradicional do aceite. O primeiro paso é moer as olivas, para o que se pon en funcionamento o muiño movido por un burro ata triturar totalmente o froito. A pasta das olivas recóllese do muiño e vaise colocando nos capachos, que son esteiras de esparto, e botáselles auga quente. Os capachos colócanse uns enriba doutros á espera de seren prensados. O líquido sae ao sometelo á forza da prensa, onde pola súa propia densidade se irá separando o aceite da auga.

A novidade deste ano será a recuperación dunha cata que terá lugar ás 12 do mediodía no interior da Capela. Sobre as doce e media está previsto que comecen as actuacións de música e danza tradicional galega que correrán a cargo das agrupacións locais: Banda de gaitas San Martiño, grupo de gaitas O Recanto e o grupo de danzas San Martiño.

No recinto da mostra ademais do produto estrela, o aceite, poderanse ver e mercar produtos típicos da nosa zona. Nesta edición estará á venda o aceite dos cinco colleiteiros habituais neste evento: Inocencio Ogando García, Jesús Bao Mondelo, Luis Vicente Arias Prieto, Guillermo Nogueira Veloso e Manuel Mondelo Rodríguez.

A organización do evento coida ao máximo a súa imaxe, as tarefas de limpeza e mantemento do recinto sucédense ao longo do ano para que se atope nas mellores condicións á hora de instalar a carpa e os stands precisos para o día da mostra. A presentación do produto faise de xeito uniforme, todos os colleiteiros empregan o mesmo tipo de envase, etiqueta e bolsa para a exposición e a venda do produto. Para acadar esta imaxe corporativa a organización achega a todos os produtores os envases, as etiquetaxes e as bolsas. No recinto feiral instalaranse outros postos con todo tipo de producos típicos da zona: mel, viño, castañas, licores, pan etc.

Para facilitar o acceso de todas as persoas ao recinto da feira e ao muíño do aceite, como todos os anos contarase coa colaboración da Garda Civil, Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil.