30 abr 2014

CONVOCADO UN CONCURSO DE CUÑAS DE RADIO PARA ESTUDANTES

     Con motivo do Día das Letras Galegas 2014, A Rede de Dinamización Lingüística e o concello de Quiroga convocan un concurso de cuñas de radio orientadas a promover a lingua propia de Galicia O galego na onda. Co obxetivo de promover a reflexión sobre a lingua galega e a súa valoración positiva entre a mocidade do concello de Quiroga, á vez que se difunden as posibilidades da comunicación radiofónica entre a mocidade. No concurso poderá participar o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Tanto individualmente como en grupos de ata catro persoas. Establecéndose catro categorías:
          Categoría A: matriculados no primeiro e no segundo curso da ESO.
          Categoría B: matriculados no terceiro e no cuarto curso da ESO.
          Categoría C: matriculados en Bacharelato.
       As cuñas de radio, que non poderán exceder os 60 segundos de duración, deberán ser inéditas, estar gravadas en lingua galega e estar orientadas a promover o seu uso e valoración social. Poderán incorporar música, sempre que esta sexa orixinal ou conte con licenza.
      Cada participante ou grupo participante poderá enviar un máximo de dúas cuñas ao concurso. As cuñas grabadas en CD deberán de enviarse a Radio Municipal de Quiroga antes do 17 de maio. Cada  CD irá nun sobre rotulado cun título e coa categoría en que compite.  A canda el deberá entregarse un sobre pechado onde consten o nome, apelidos e idade(s) do(s) concursante(s); o centro educativo onde estuda e un teléfono de contacto
      Outorgaranse un primeiro e un segundo premio por categoría consistentes nun obradoiro de radio impartido na radio municipal de Quiroga a partir do mes de setembro. Os gañadores dos primeiros premios, ademais, entrarán nunha segunda fase do concurso en que a súa cuña competirá coas gañadoras dos outros concellos da Rede de Dinamización Lingüística onde se desenvolve esta actividade. Os gañadores da segunda fase do concurso recibirán como premio a realización dun programa radiofónico na Radio Galega coa colaboración de profesionais deste medio e un lote de libros.

COMEZAN AS OBRAS DE CONSTRUCCIÓN DO CENTRO SOCIOCULTURAL DA RIBEIRA

Comezou a obra de destierre para a construcción dun centro socio-cultural na Ribeira. Ata a obra achegouse esta mañá o rexedor local, Julio Alvarez, e a enxeñeira encargada da obra.
A que se vai iniciar agora é a primeira fase do centro para o que se conta cunha subvención do  Plan de Obras e servizos, P.O.S. da Deputación. Esta primeira fase do proxecto está presupostada en preto de 30.000 €, dos que 14.000 serán aportados pola Deputación Provincial e 15.000 polo propio concello.
O concello conta tamén con outra subvención aportada polo GDR Ribeira Sacra para a segunda fase da obra.

A obra ten que estar rematada antes de que remate este ano, ainda que dende o concello barallase que esté rematado coindicindo coas festas de Hospital a finais do mes de agosto.

A CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA VAI REPARAR OS DANOS DO PASEO FLUVIAL NO RIO QUIROGA

           A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil lle colocaba onte os carteis de inicio dos traballos para a execución da obra de reparación de danos no paseo fluvial do regueiro da Ribeira, en Quiroga.
          Estes traballos, cun presuposto aproximado de 40.000 €, encóntranse englobados nas medidas urxentes para reparar os danos causados nos dous primeiros meses de 2014 polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e a costa cantábrica, declarándose de emerxencia con data 12 de marzo de 2014.
          A Confederación Hidrográfica procedeu xa ao peche e á sinalización da obra, permanecendo pechado ao tránsito o paseo lindante co río Quiroga, durante o transcurso das obras.

Estas obras son contestación á petición que o alcalde de Quiroga lle facía ao presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Marín, no mes de decembro, o día 16, cando acudía a comprobar as obras de restauracion hidrolóxico forestal do río Quiroga. Naquel momento estabanse a retirar ramas e arbores secas así como material vexetal acumulado a ambas as duas marxes do río Quiroga, nun tramo aproximado de 3 km, que en momentos de intensas chuvias podían provocar taponamentos e desvordamentos.

24 abr 2014

O MESÓN ESCALEIRA GAÑA A III EDICIÓN DO QUIROGA DE TAPAS

        O mesón Escaleira alzouse co primeiro premio do terceiro concurso de tapas de Quiroga coa tapa «vieira envolvida en kikos de millo, crema de San Simón e soia e marmelada de tomate». O III concurso “Quiroga de Tapas” fallouse onte na Casa da Cultura.  

          A xerente da asociación provincial de empresaros da hostelería, Beatriz Vila, foi a encargada un ano máis de abrir as urnas e de facer o reconto dos votos emitidos polos participantes no concurso. Para elo contou coa axuda dos concelleiros Rosa Arza e José Luis Rivera.

En total participaron nesta edición 20 establecementos. Todos eles recibiron un diploma de participación. Cada vez que un cliente degustaba a tapa presentada a concurso, o establecemento participante debía selarlle  a cartilla de votación, na casilla correspondente o seu establecemento. Cando o cliente completaba a degustación de todas as tapas presentadas a concurso podía votar a súa tapa favorita utilizando o tapacartón e introducindo o mesmo nas urnas oficiais do concurso. As urnas recolléronse o día seguinte do remate do concurso, non sendo válida ningunha urna que non tivese intacto o seu precinto.

No reconto de votos non se daba por válida ningunha cartilla de votación que non contivese o selo de todos os establecementos participantes; voto, escrito de forma lixible e nome, apelidos e teléfono de contacto da persoa emisora do voto.

          A tapa do Mesón Escaleira, que foi a que recibiu máis votos por parte da clientela, foi galardoada con cen euros e unha placa conmemorativa. O segundo premio do certame foi compartido entre os locais Adega de María e pub Ruxe-Ruxe, xa que conseguiron o mesmo número de votos. O terceiro premio recaeu no mesón Ferreiriño. 


Doutra banda, tres clientes que participaron no concurso resultaron agraciados con diversos premios no sorteo. Os premiados foron María José Valladares Marzabal, con 300 euros cunha cesta de produtos típicos. Javier Núñez Fernández, cunha cea con circuíto termal e aloxamento no balneario de Augas Santas. E Consuelo Pérez Fuentes, cunha cea ou comida na hospedaxe de turismo rural de Rugando.

22 abr 2014

MULTITUDINARIA UNHA FEIRA DO VIÑO NA QUE SE PRESENTARON UNS VIÑOS EXCELENTES

Quiroga celebrou un ano máis unha multitudinaria Feira do Viño. Ante a posibilidade de chuvascos durante a fin de semana, a comisión organizadora decidiu instalar con bo criterio unha carpa no recinto feiral.
O programa de actos, comezaba o sábado ás seis e cuarto da tarde coa inauguración oficial do recinto feiral. Ainda que dende a mañá xa eran moitas as persoas que se achegaban para probar os primeiros viños da feira. O encargado de cortar a cinta foi o director xeral de desenvolvemento rural, Antonio Crespo Iglesias.
Tras a inauguración os actos trasladábanse ata o Auditorio Municipal, onde actuaba a Coral Polifónica de Quiroga, presentando o seu novo repertorio.
A música e a danza tradicional galega tamén tiveron unha parte destacada coas actuacións da banda de gaitas San Martiño, e dos grupos de danzas Arume da Queiruga e San Martiño.
Os actos no Auditorio Municipal rematarían coa entrega dos premios aos gañadores do certame de Cartas de Amor vila de Quiroga deste ano.


Ás oito e media do serán, chegaría como sempre o momento máis multitudinario da Feira do Viño, cando era case imposible moverse polo recinto feiral. A actriz galega Cristina Castaño, Judith Bécker, na serie de Tele5 La que se Avecina, deu o pregón desta edición, reunindo unha verdadeira multitude. Cristina Castaño naceu en Vilalba, pero criouse en Santiago, e non coñecía Quiroga nin a Ribeira Sacra, pero foise namorada desta zona. O pregón estivo á altura das expectativas e terminou ao grande, demostrando as súas dotes de cantante ademais de actriz, coa interpretación a un tempo do Miudiño por parte da pregoeira e do público. 

          A actriz aseguraba non ter palabaras para resumir a súa experiencia deste fin de semana en Quiroga como pregoeira da Feira do Viño. Xa de volta en Madrid, Cristina Castaño desfacíase en eloxios cara Quiroga e os quirogueses, dos que dixo lle fixeron “un recibimento marabilloso, tanto pola xenerosidade do alcalde como polo cariño da xente en xeral». Palabras parecidas xa as decía diante das nosas cámaras ao remate do pregón.
  
 Tras o pregón desfilaron polo palco os representantes dos participantes no concurso de camisetas. Tras a exposición das camisetas a pregoeira tivo que escoller a gañadora, á que lle entregou un trofeo e 100€ en metálico.

O domingo, a unha menos cuarto, no museo etnográfico, as autoridades políticas que acudían a feira deste ano, facíanlle entrega das medallas aos colleiteiros participantes nesta edición.
A mediodía o recinto feiral voltaba a encherse para seguir disfrutando dos once viños tintos e os once brancos que participaron na feira, e que todos eles recibiran a calificación de excelentes na cata previa á feira.

Antes de emprender camiño de regreso aqueles que nos visitaron estes días e de reposar o corpo tras a festa os quirogueses, voltouse vivir unha animada xornada na que os colleiteiros unha vez máis estiveron satisfeitos coas vendas acadadas.

16 abr 2014

453 CORREDORES INSCRITOS NA X CARREIRA POPULAR FEIRA DO VIÑO

O departamento de deportes do concello organizou un ano máis a Carreira Popular Feira do Viño. A décima edición da carreira que terá lugar o venres día 18 de abril e conta xa con 453 participantes inscritos.
  Ás catro e cuarto comenzará a carreira na categoría de pitufos, cun recorrido de 100 metros (ata aproximadamente o cruce coa avenida do Caurel). Cinco minutos máis tarde sairán os prebenxamíns e os benxamíns, cun percorrido de 500 metros, é decir unha volta ata a Praza de España. A continuación participará a categoría Alevín cun recorrido de 1.000 metros – 1 volta ata o bar Zorro. E finalmente farano os da categoría Infantil e Cadete, cun recorrido de 2.000 metros, ata as piscinas municipais e volta á meta.
          Ás cinco da tarde comenzará a Proba Absoluta, cun percorrido de 9.400 metros; e que comprende as categorías xuvenil, senior e veteranos; masculino e feminino. O percorrido consta de dúas partes. Na primeira, os corredores sairán de diante da Casa do Concello para ir ata a zona das piscinas para regresar ó lugar de partida. Neste punto comeza a segunda parte, na que os participantes terán que completar 2 voltas por un tramo do paseo fluvial.
          Este ano a proba de adultos estará novamente controlada a través dun CHIP que se entregará a cada corredor no momento da recollida do dorsal e que se colocará na zapatilla antes da saída da proba.
          Haberá trofeos e medallas para os tres primeiros de cada categoría tanto masculino como feminino, e os tres primeiros locais. Cada participante recibirá unha camiseta técnica como obsequio ata esgotar existencias e disporase novamente de servizo de fisioterapeuta na meta para atender calqura problema que surxa ao longo da realización da proba.
          O sistema de cronometraxe usado será o "Championchip", polo que houbo que inscribirse previamente na web Championchip Norte (única forma de inscrición na proba absoluta).

Os corredores que participan nas carreiras das categorias dende pitufos ata cadete  contan coa posibilidade de inscribirse o mesmo día da proba diante da Casa do Concello.