1 dic 2011

O CONCELLO DE QUIROGA ABRE MAÑÁ O SEU MUSEO XEÓLÓXICO

O Concello de Quiroga abrirá mañá venres, a partir das 12.30 da mediodía, o seu museo de xeoloxía e paleontoloxía . Realizarase un acto oficial de inauguración e a partir dese momento poranse a disposición do público as instalacións.

Na entrada do museo poderanse ver dous paneis de grandes tamaños, un sobre a ruta xeolóxica da comarca de Quiroga e outro no que se explican os principais acontecementos da Historia Xeolóxica e Paleontolóxica de Galicia.

Tras esta zona de recepción, o museo está dividido en cinco salas. A primeira está adicada a formación do territorio de Galicia, nesta sala o plegamento de Campodola será o maior representante, tamén se poderán ver varias mostras de minerais e rochas presentes na nosa comarca.

A segunda sala centrarase na historia paleontolóxica, onde se amosaran diferentes fósiles animais; entre os que destacan os da era Cuaternaria, como o oso das cavernas, a hiena, o rinoceronte lanudo, o uro, o cervo, o xabaríl e o corzo, todos eles poboadores da nosa serra.

A terceira sala será a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, explicará porque se producen as glaciacións.

A cuarta das salas centrarase nas primeiras ocupacións humanas da zona, aquí amosaranse as posibles liñas de penetración do home en Quiroga. Nesta sala poderánse ver dez cránios dos primeiros humáns e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida.

Finalmente a última sala, na que se exporán bloques de distintos minerais collidos na zona representará a parte da nosa minería. Hai ferro recollido na veneira de Vieiros, cal de Cereixido, lousa de Pacios da Serra, ouro de Montefurado e Antimonita de Vilarbacú. Estes minerais irán acompañados dunha explicación sobre a súa explotación e transformación.

Os responsables municipais confían en que o novo centro sexa un importante atractivo no terreo do turismo cultural e tamén un referente no plano educativo en toda Galicia, por ser o primeiro museo da comunidade dedicado exclusivamente a esta temática.

No hay comentarios:

Publicar un comentario