15 dic. 2011

UN PASO MAIS PARA A DECLARACIÓN DO PREGAMENTO DE CAMPODOLA COMO MONUMENTO NATURAL

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública o proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós.

A Lei do Parlamento galego de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

No artigo 13 da Lei de conservación da natureza, defínese a figura de monumento natural como aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

O pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós consiste nun pregamento xeolóxico de tipo deitado, no cal pode apreciarse con total claridade a ondulación dos estratos superiores da codia terrestre provocada polas forzas tectónicas, nun proceso que neste caso tivo unha duración de 500 millóns de anos. A súa singularidade estriba en que pode apreciarse con total nitidez este proceso grazas ao encaixamento do río Ferreiriño, que deixa ao descuberto a estrutura interna do sinclinal nun grande corte transversal, o que o converte nun dos puntos da xeoloxía estrutural máis importante de España e lle confire un gran valor científico-educativo.

Cómpre, por tanto, manter a integridade dos valores xeolóxicos e fomentar o seu coñecemento, polo que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza iniciou o procedemento de declaración no ano 2009.

Nos monumentos naturais, con carácter xeral estará prohibida a explotación de recursos, salvo naqueles casos que por razóns de investigación ou conservación se permitan, logo da pertinente autorización administrativa.

Tras a publicación no DOGA abrese un período de información pública por un prazo de 20 días hábiles que permita a participación do público en xeral no procedemento de declaración do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós coa finalidade de que as persoas ou entidades que se consideren afectadas poidan remitir suxestións ou alegacións á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario