24 jul 2013

NOVE APICULTORES CONCURREN Á XXII MOSTRA DO MEL


O Concello de Quiroga, está a traballar na organización da XXII Mostra do Mel de Quiroga, que terá lugar o sábado día 10 de agosto coincidindo coa feira mensual máis importante do ano e nesta edición coas festas de verán de Quiroga.
Puntual a súa cita de todos os veráns durante 21 anos, este evento gastronómico ten como obxectivo principal dar a coñecer as magníficas calidades do mel que se produce na zona de Quiroga, que comparte un lugar destacado con produtos como o viño, o aceite ou as castañas.
A programación variará pouco con respecto ás anteriores edicións, daquela o xoves día 8 de agosto a partir das oito e media do serán na Casa da Cultura sortearanse os postos de venda e entregaránselle as credenciais aos nove apicultores participantes. O sábado, 10 de agosto, ás once da mañá inaugurarase o recinto feiral onde se poñerá a venda e exposición o mel e outros produtos típicos da zona. Estes productos estarán a disposición de quen o desexe dende primeiras horas da mañá ata despois do xantar.
Os apicultores participantes nesta edición son José Río Espada, de Pacios de Mondelo; Isabel Marcos López, da Ponte – Rodela; Manuel Macía González, das Estradas; Ángel Gómez Martínez, de Paradapiñol; Andrés Campo García, de Fisteus; Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais; Agripino Ferrira Machado, de Quiroga; Blanca Carballo Rodríguez, de Quiroga e Manuel Macía Castiñeira, tamén de Quiroga.
Como xa sucedera na anterior edición da mostra, a Delegación de Cultura mediante o Museo Etnográfico de Quiroga, organiza un fiadeiro tradicional, no que poderán observarse os procesos do traballo tradicional coa la de ovella. Nesta ocasión esta demostración que serán entres as once e media da mañá e a unha e media, no mesmo recinto da mostra, incrementarase coa colaboración dos artesáns de Campos de Vila da carpintería "Armaoir" que farán unha demostración do traballo da madeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario