20 sept 2018

CONTINUAN EN MARCHA AS CLASES DE MÚSICA


Continuan  en  marcha todos os  martes    as clases  de  música e movemento, guitarra, piano e instrumentos de vento metal  ofertadas  polas  áreas de  Educación  e  Xuventude do Concello de Quiroga.

Os horarios nos que se desenvolverán estas  clases serán os martes de 18.30 h. a 19.30 h. para nenos e nenas así mesmo, no caso do  alumnado de guitarra nivel 1 o  horario de 19.30 h. ata as 20.30 h. mentres que os alumnos e alumnas de guitarra nivel  2 acudirá ás aulas en horario de 20.30 h. a 21.30 h.

Todas as persoas que estean interesadas nesta actividade poden chamar ao teléfono 982 435 125 tanto para inscribirse como para recibir máis información. Unha vez máis o profesor Antonio García Lago será o encargado de impartir estas clases.


A VOLTA CICLISTA A GALICIA PASARÁ POR QUIROGA


A Federación Galega de Ciclismo está a ultimar os preparativos para a realización da Volta Ciclista a Galicia 2018.
Quiroga tamén terá protagonismo na gran rolda galega. A rúa Real quiroguesa acollerá a meta volante da cuarta etapa, con saída e chegada en Monforte de Lemos, que terá lugar o vindeiro domingo 23 de setembro. Está previsto que o pelotón chegue a Quiroga pasadas as 12.00 h. con preto de 100 km. nas pernas.
O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, trasladou a importancia de difundir un evento como a Volta que ano tras ano logrou gañar á afección galega que segue as evolucións do pelotón elite e sub 23 participantes na proba, a auténtica antesala do ciclismo profesional.
A Volta Ciclista a Galicia alcanza con esta a súa edición número 17 desde que adquiriu o formato amateur. Este ano contará con dezanove equipos que disputarán catro etapas entre os días 20 e 24 de setembro. Verín acollerá a espectacular contrareloxo por equipos inicial mentres que Sanxenxo, Boiro e Monforte de Lemos completarán o calendario de competición da carreira.

20 ago 2018

O 1 DE SETEMBRO TERÁ LUGAR O XX ENCONTRO DE POETAS NO VAL DE QUIROGA


O Concello de Quiroga organiza o XX Encontro de Poetas no Val de Quiroga que terá lugar o 1 de setembro na Casa de Cultura de Quiroga.

O encontro contará cun recital poético, actuacións musicais e entrega de medallas aos participantes; desenvolverase a partir das sete e media da tarde no salón de actos Anxel Fole da Casa de Cultura.

As persoas interesadas en participar neste recital poden anotarse na Casa de Cultura ata o día 30 de agosto, ben persoalmente ou no teléfono 982.43.51.25.

17 ago 2018

O PÁRROCO JESÚS RÍO RAMILO PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DO LIBRO "TIERRAS DE QUIROGA.NOTAS PARA LA HISTORIA DE LA COMARCA"


A  Igrexa  Parroquial  de Santa  María  da  Ermida, acollerá o sábado 25 de agosto, a partir das oito do serán,  a presentación da segunda edición do libro
 “ Tierras de Quiroga. Notas para la historia de la Comarca” de Jesús Río Ramilo.

A obra recolle un estudo da comarca que inclue os municipios de Folgoso de Caurel, Ribas de Sil e Quiroga. Neste tomo o autor, o párroco Jesús Río, fai un percorrido polas súas xentes e os productos da comarca.

A obra iniciase cunha  análise  da evolución da poboación dende a Idade Media ata a actualidade e continúa cun estudo da produción agrícola e gandeira. Neste punto fai fincapé nos productos da zona, como o viño e o aceite. Así como doutros máis exóticos como a seda. Tamén se abordan as feiras nas que estes artículos se adquirían.

O autor tamén  repasa os ríos e as montañas como fonte de recursos de pesca e hidroeléctrica. Fálase ademais dos minerais como o ferro, a lousa e metais preciosos como o ouro e a prata.

16 ago 2018

O VINDEIRO 20 DE AGOSTO ORGANIZASE UNHA XORNADA DE DIFUSIÓN DO PATRIMONIO XEOLÓXICO E DO PATRIMONIO GASTRONÓMICO DENTRO DO PROXECTO XEOPARQUE MUNDIAL DA UNESCO MONTAÑAS DO COUREL


Dentro do Proxecto do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, organízase unha xornada de difusión do patrimonio xeolóxico e gastronómico que terá lugar o vindeiro luns día 20 de agosto na Casa de Cultura de Quiroga.

O acto comezará a partir das oito do serán coa intervención de Enrique Díaz Martínez, quen falará de que é, para que serve e onde atopar o patrimonio xeolóxico. Deseguido será o investigador Daniel Ballesteros quen tratará As rochas das Montañas do Courel, os nosos recursos máis sólidos.

As nove e media terá lugar a presentación do libro Las Montañas de o Courel: una geología muy humana. A xornada rematará cunha cata de viños xeolóxica.


Todo aquel que desexe  participar nesta xornada pode  anotarse canto antes, xa que o límite de prazas está pechado a 50 persoas. As inscricións poderanse facer no correo grupogdr8@yahoo.es ou tamén no número de WhatsApp 609 81 49 25.




OS VECIÑOS DE MARGARIDE CELEBRAN A SÚA VIII FESTA DO OURO


 Margaride do Lor celebra a súa VIII Festa do Ouro que organiza a Asociación de veciñ@s de Margaride.

 Os actos comezarán ás 12 cunha visita ás adegas romanas, ás dúas  haberá unha misa en latín que dará paso ao xantar no campamento castrexo-romano, cun menú composto por polbo e máis churrasco.

 Xa pola tarde haberá xogos infantís e ás 19h a festa contará coa presenza de José Epinosa, presidente de AMIAQUIGAL e profesor titular de Bioloxía e Xeoloxía que ofrecerá unha conferencia sobre a Traxectoria e evolución da olivicultura en Quiroga.

 Para pechar o programa haberá festa, unha cea no campamento ás 22h e verbena a medianoite; ás once da noite  realizaranse rituais celtas como o da boa sorte, sacrificio humano, ruta seguindo as estrelas, queimada e voda e bautizo.

QUIROGA ACOLLE ESTE SÁBADO O V QUI-ROMA, ¡¡¡ VOLTA O ESPECTÁCULO!!!



Quiroga acollerá mañá  sábado 18 de agosto a V Festa Castrexo Romana, o Qui-Roma.
       
  Este ano contarase de novo coa  "II Ruta de Cabalos Qui-roma", organizada polos Cabaleiros do Val, que comezará ás dez da mañá. Ás once abrirase o mercado Qui-romano. A partir das once e media comezarán os desfiles a cargo da Garda romana  Lucus  Equites e dos castrexos Wyrdamur  pola rúa Real. As doce en punto do mediodía dará comezo unha alborada a cargo dos gaiteiros romanos Os Palletas na Praza Maior.

      Como todos os anos haberá   paseos en burro para os nenos e nenas  ao  longo de toda a mañá e tamén se contará con demostracións artesanais en coiro.

     Pola  tarde haberá escola de gladiadores para os máis pequenos con loitas e xogos tantos infantís como para adultos.

Sobre as seis dará comezo unha gran batucada a cargo de XITUME de Xinzo de Limia que animarán o V Qui-Roma.

As oito e media está previsto o desfile Quiromano a cargo de ARDE LOUCOS ao longo de toda a rúa Real e o seu remate a loita de gladiadores. E tras a cea-castrexo-romana, sobre as once e media dará comezo un espectáculo nocturno a cargo de Wyrdamur chegados dende Murcia. Unha vez que rematen comezará a festa animada pola Disco-móvil FABRIK.