1 ago 2019

AMPLO E VARIADO PROGRAMA PARA CELEBRAR AS FESTAS DE VERÁN DE QUIROGA


A  orquestra  Panorama coa súa xira “Number One Tour”e a gaiteira Susana Seivane serán as actuacións estelares das festas de verán de Quiroga.  A actuación  da orquestra Panorama, a primeira das actuacións que esta orquestra realizará na zona sur da provincia.

 O xoves día 8 terá lugar a Festa da Xuventude que incluirá dentro do seu programa a III Edición da Festa da Cervexa Artesá na praza de España. A nota musical correrá a cargo  do DJ Michel dende as seis da tarde, e sobre as once da noite preto da Praza España, comezará a actuación da afamada orquestra PANORAMA.

    O  venres día 9 , a partir das seis da tarde quinto Torneo de Street Soccer no parque da Constitución e o primeiro Torneo de Street Voley.  E pola tarde-noite, nas inmediacións do Parque da Constitución celebrarase a décimo cuarta  Festa da Comunidade. Unha vez que remate a merenda comezará un animado baile a cargo do Dúo Camelia.

      O sábado, día 10, a partir das doce do mediodía, inauguración da XXVIII Mostra do Mel de Quiroga. O grupo de gaitas Os do Recanto serán os encargados de poñer a nota musical no recinto feiral. As doce do mediodía e as oito do serán, contarase cun espectáculo de maxia”PETITE CARAVANE”, a cargo da compañía  Animatium na caravana ubicada na rúa Real.

       A festa popular correrá a cargo do grupo ATENAS a partir das dez da noite e as doce e media o concerto da gaiteira galega SUSANA SEIVANE.

          O domingo ás doce e media do mediodía alborada coa banda de Música de Chantada e a  unha e media do  mediodía concerto da mesma diante  da Casa do Concello. Pola tarde, na Praza España  de novo contaremos co Concurso Pinta con Xiz no Chan, e farase entrega de premios aos gañadores do concurso  de Debuxo Infantil.


         As oito da tarde, espectáculo infantil de rúa, “ O FOLIÓN ZAMPÓN” a cargo de Fantoches Baj, ao longo da rúa Real. A partir das nove e media da noite  festa popular a cargo do grupo NAZARET. E a partir das doce gran verbena a cargo do grupo LIMÓN.



A FESTA DA XUVENTUDE INCLURÁ A III FESTA DA CERVEXA ARTESÁ


xoves día 8 terá lugar a Festa da Xuventude que incluirá dentro do seu programa a III Edición da Festa da Cervexa Artesá na praza de España. A nota musical correrá a cargo  do DJ Michel dende as seis da tarde, e sobre ás once da noite preto da Praza España, comezará a actuación da afamada orquestra PANORAMA.


Dentro das bases para a participación nesta festa está recollido que no  recinto da festa non estrá  permitida a venda de cervexa que non sexa artesá como tampouco ningún outro tipo de bebida alcohólica. O prezo fixado para a caña é de 1,50€.

As persoas interesadas en inscribirse, poden solicitar o formulario de solicitude na casa de cultura ou senón tamén poden chamar o seu número, onde serán informados de todos os detalles da festa. Dado que o número de participantes está limitado a 8 e dando preferencia aos cervexeiros locais, a admisión de participantes farase por orden de rexistro de entrada.

O 9 DE AGOSTO CELÉBRASE A XIV EDICIÓN DA FESTA DA COMUNIDADE


O venres día 9 de agosto e dentro do programa das Festas de Verán de Quiroga, terá lugar a 14ª edición da Festa da Comunidade.

Como xa  é habitual a festa celebrarase nas inmediacións do parque da Constitución a partir das nove e a ela poden acudir todos os veciños ou visitantes. Os asistentes poden previamente mercar os vales que están a venda tanto no Centro Social como nas seguintes  cafeterías e bares da vila; As Plameras, Quiper,Lago.Felix,Zorro, e Ferreiriño, así como tamén se poden adquirir o  mesmo día da cea a un prezo de 6 euros.

O menú que se poderá degustar nesta cea vai ser paella e xeado todo elo acompañado de bebidas.

          A festa da Comunidade dende hai xa catorce anos forma parte dos actos que o Concello organiza para celebrar as súas Festas de Verán, sendo deste xeito un atractivo máis dentro do turismo gastronómico da nosa bisbarra.


E unha vez que remate a merenda-cea, dará comezo un animado baile con música en directo no propio recinto da festa a cargo do Dúo Camelia.



O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZA UN NOVO CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL QUE TERÁ COMO TEMA O XEOPARQUE


O Concello de Quiroga, dende a Área de Educación e infancia, organiza novamente  un Concurso de Debuxo Infantil. As bases son as seguintes:

1.-Este concurso está dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos.

2.-O debuxo debe ser orixinal e realizado por calquera medio plástico: lapis, tinta, acuarela, acrílico, óleo, colaxe, gravado ou mixtos.

3.-O tamaño mínimo será de formato A4 e o tema do debuxo será Quiroga e o Xeoparque.

4.-Ao reverso do debuxo irán os datos do autor: nome e apelidos, teléfono e dirección.

5.-O debuxo presentarase na Casa de Cultura dentro dun sobre pechado sen ningunha escritura no seu exterior, sendo o último día para entregalos o 8 de agosto.

6.-Os traballos serán avaliados en catro categorías:

A: nenos de 3 a 5 anos.

B: nenos de 6 a 8 anos.

C: nenos de 9 a 12 anos.


7.-Dentro de cada categoría haberá tres postos premiados e os premios serán “PREMIOS SORPRESA”.

8.-Os premios os nenos e nenas gañadores entregaránselles o domingo día 11 de agosto ás oito menos cuarto do serán na Praza España.

9.-Os traballos quedarán en propiedade do Concello de Quiroga para posteriores exposicións.

10.-A participación neste concurso supón a aceptación das presentes bases.



6 jun 2019

PREMIO DE AGADER PARA A XESTIÓN DO XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL


A Asociación Montañas de Courel, formada polos concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, ven de recibir un premio de AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, na modalidade de turismo pola xestión realizada para o Xeoparque Montañas do Courel.

A candidatura obtivo 90 puntos, a máxima puntuación acadada por todas as solicitudes premiadas, un total de 8, en diferentes categorías.

 Estes son os décimos premios de Agader para as iniciativas de desenvolvemento rural. Entregaranse o vindeiro 21 de xuño e consisten nun diploma e unha dotación en metálico de 10.000€.

O xurado encargado de outorgar as iniciativas presentadas estaba formado polos directores xerais de igualdade, de políticas culturais, de turismo, de patrimonio cultural,  de xuventude, de gandaría e agricultura e industrias agroalimentarias; así como o secretario xeral de Agader e o presidente da Fegamp. Este xurado premia a Montañas do Courel como un proxecto global de desenvolvemento turístico.



O CENTRO DE DÍA ABRIRASE EN AGOSTO


O Centro de Día da Ribeira abrirase o día 1 de agosto. Así o anunciou o Concello de Quiroga que xa abriu o prazo de presentación de solicitudes de praza a través das oficinas de servizos sociais municipais.
O centro que se define como xerontolóxico, socio -  terapéutico e de apoio ás familias conta con 25 prazas para persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela.
Permanecerá aberto todos os días laborables dende ás oito da mañá ata as oito do serán. Dentro deste horario os usuarios poderán ter xornada completa ou media xornada con ou sen comida.
Dentro dos requisitos mínimos para poder ser usuario deste servizo está o de ter cumpridos os 65 anos ou 50 en caso de dependentes con circunstancias persoais.
Estes requisitos foron fixados por unha Comisión de Estudio na que tiveron representación todos os partidos políticos da corporación municipal. Esta comisión tiña como cometido elaborar unha memoria xustificativa  na que se recolleran as condicións máis idóneas para poder abrir este centro.
Unha destas condicións era que a xestión do centro fora indirecta, é dicir que non a xestionase o concello directamente se non que se sacara a concurso para que fora outra entidade quen a xestione, polo que se elaboraron unhas bases de licitación para que este servizo saíra a concurso. 
Tras rematar todos estes trámites agora ábrese o prazo para a solicitude de prazas. As persoas interesadas poden pasar polas oficinas de servizos sociais do concello.
O Centro de Día ocupa a primeira planta do edificio polivalente da Ribeira. Na súa planta baixa atópase o centro social da Ribeira. E contémplase que na segunda planta serva de lugar de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social.

O PARO BAIXA EN 20 PERSOAS NO MES DE MAIO


A Consellería de Economía, Emprego e Industria fixo públicos os datos do paro do mes de maio. A comarca de Quiroga baixou o seu número de parados neste mes en 20 persoas, situándose o número de parados en 268.
Segundo datos da Xunta durante este mes de maio, no municipio de Quiroga houbo 179 persoas sen emprego, seis menos que no mes anterior, das que a maioría, 106, buscaban emprego no sector servizos. A moita distancia séguelle o sector da industria con 28 parados, 18 na construción, e 10 en agricultura e gandería.
Tamén se contabilizan 17 persoas que aínda non atoparon o seu primeiro emprego.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén fixo públicos que o parados no concello de Ribas de Sil baixaron durante este mes en doce, situándose o número de persoas sen emprego en 49; e en Folgoso do Courel o número de parados diminuíu en dúas persoas quedando en 40 persoas no mes de maio.