30 mar 2010

NOVAS GRADAS NO PAVILLÓN MUNICIPAL

Mañá mércores inauguraranse as novas gradas do pavillón municipal coa celebración de varios encontros de fútbol sala dos equipos das Escolas Deportivas.

Operarios municipais traballaban estes días na colocación de 150 asientos plásticos que se sitúan enriba das gradas de cemento, para maior comodidade dos usuarios do pavillón municipal.

A inauguración do graderío terá lugar ás seis menos cuarto e a partir das seis comenzarán os encontros deportivos. O primeiro será un encontro entre o Quiroga alevín e o Ourense; e a continuación varios encontros dos equipos benxamíns e prebenxamíns.

29 mar 2010

PROGRAMA DA XXVIII FEIRA DO VIÑO

A carreira popular que se celebrará o vindeiro venres ás cinco da tarde abrirá o programa de actividades organizado para a vigésimo oitava Feira do Viño, que terá lugar os días 3 e 4 de abril.

O sábado ás seis e media da tarde inaugurarase o recinto feiral e media hora máis tarde terán lugar no auditorio municipal as actuacións da Coral Polifónica de Quiroga, da Banda de Gaitas e do Grupo de Danzas San Martiño, e farase entrega dos premios do certame Cartas de Amor Vila de Quiroga.

As oito está previsto que comence o pregón a cargo de Jimmy Jiménez Arnau no recinto feiral. Tras o pregón entrega de trofeos e festa coa orquestra Alkar.

O domingo ás doce da mediodía haberá unha demostración dun fiadeiro, onde se poderá ver o cardado, o fiado e o tecido da lá de xeito artesanal. A música desta xornada correrá a cargo do grupo o Recanto e da Charanga Terra de Trives.

Durante estes dous días poderase ver na Casa da Cultura unha exposición de moble rústico galego da carpintería Armador e no museo etnográfico unha exposición de maquetas de Vicente Blanco Gómez, veciño da Enciñeira.

25 mar 2010

AS FEIRAS DO VIÑO DE SOBER E QUIROGA CONECTADAS EN AUTOBÚS

A oficina de xuventude do Concello de Quiroga en colaboración co concello de Sober, vai facer un intercambio para que a xente dos dous municipios poida asistir ás feiras do viño que se celebran en Sober e Quiroga.

Deste xeito, o concello de Quiroga poñerá a disposición de todolos quirogueses un autobús para asistir este domingo a XXX Feira do Viño de Amandi, en Sober. O autobús, totalmente gratuito, sairá o domingo ás tres da tarde diante do bar Quiper e voltará á media noite.

O concello de Sober, pola súa banda, tamén poñerá a disposición dos seus veciños un autobús para asistir á feira do viño de Quiroga a semana seguinte.

O GRUPO UTOPIA COMPITE EN MUSIC AULA

O grupo local de pop rock “Utopía” compite nun concurso a nivel estatal chamado Music Aula, convocado a través da internet, precisamente cun tema titulado como o seu propio nome. O certame desenvólvese por áreas xeográficas e ten unha serie de eliminatorias. Eles xa pasaron a primeira fase e en pouco tempo, o sábado 22 de maio, terán que dar un concerto en directo en Santa Comba, na Coruña, para pasar ás semifinais.

Máis de medio milleiro de bandas inscribíronse inicialmente en MusicAula, o primeiro festival español de música pop-rock destinado ós máis novos, o que demostra o interese dos adolescentes pola música e a cultura. Tras unha primeira criba sobreviviron 220 grupos, que participaron nas semifinais. Agora quedan só 36 semifinalistas, entre eles o grupo quirogués Utopía.

Estes mozos participaron o pasado verán, xunto con outros dous grupos locais, no Festival da Xuventude organizado polo concello. Tamén ofreceron concertos en varios pubs da zona, pero para quen non os viu en directo, podeno facer en MySpace onde teñen colgados os seus temas.

Eros, KeviN, Iván, Santi e David, cinco mozos de Quiroga e San Clodio xa conseguiron gravar a súa primeira maqueta no mes de outubro, nela incluíron dez temas de composición propia. A área de cultura do concello de Quiroga foi quen financiou a gravación desta maqueta, para o que o grupo se comprometeu a dar tres concertos en Quiroga, o primeiro deles foi a participación no Festival da Xuventude.

23 mar 2010

UN FIADEIRO NA XXVIII FEIRA DO VIÑO



O Concello de Quiroga a traverso do Museo Etnográfico vai levar a cabo unha exhibición dun “fiadeiro", co cardado, "fiado e tecido da la de xeito tradicional”, entre os actos organizados para o domingo da Feira do Viño. Con esta iniciativa o concello pretende sacar á rúa os oficios tradicionais que están representados no museo.

Na exhibición que terá lugar entre as doce da mediodía e as dúas da tarde no recinto feiral, achegaranse ó público traballos tan habituais noutro tempo e agora prácticamente esquencidos, tanto que íncluso as seis colaboradoras do museo que poñerán en práctica estas actividades que viviron na súa xuventude, tiveron que ensaiar e recuperar un pouco a práctica; traballo que estiveron a realizar estes días.

Na exhibición poderase ver o proceso do cardado da lá, o fiado de tres formas distintas: cun fuso tradicional de man, cunha roca e cun fuso de pedal; o torcido da lá e finalmente a calceta, nesta ocasión calcetando uns calcetíns. Para facer máis vistosa a exhibición as seis protagonistas irán vestidas con roupa típica da época.

Todos os utensilios empregados neste fiadeiro forman parte do amplo inventario do Museo Etnográfico, e alí voltarán para que poidan ser novamente visitados nestas instalacións.

Os organizadores queren que a exhibición desperte o interese do público e á vez que sexa algo cercano, no que se poidan achegar ás colaboradoras e incluso preguntarlles sobre unha tradición prácticamente esquencida que elas tentaron recuperar ilusionadamente.

18 mar 2010

O CAMIÑO DE SANTIAGO EN SETE ETAPAS

O Concello de Quiroga organizou un percorrido polo tramo do Camiño Francés que discorre por Galicia andando. Trátase de recorrer o tramo dende o Cebreiro ata Santiago de Compostela, 144,7Km en total, en sete etapas que se realizarían os sábados.

A primeira das etapas faríase o día 8 de maio, entre o Cebreiro e Triacastela, cun total de 21,1 Km. A segunda etapa faríase o día 22 de maio; 18,3 Km entre Triacastela e Sarria. A terceira etapa de 22,4 Km sería o 5 de xuño entre Sarria e Portomarín. A cuarta etapa entre Portomarín e Palas de Rei levaríase a cabo o día 19 de xuño, cun tramo de 25 Km. A etapa máis longa de todas, con 28,8 Km, entre Palas de Rei e Arzúa realizaríase o 25 de setembro. O 9 de outubro realizaríase a etapa entre Arzúa e Pedrouzo de 19,1 Km; e finalmente o 23 de outubro tras unha etapa de 20 Km que se iniciaría en Pedrouzo chegaríase a Compostela.

Un autobús encargaríase de levar ós participantes ó punto de partida e de recollelos no final de cada etapa; ademáis o autobús estaría durante todo o recorrido a disposición dos camiñantes por si o precisan nalgún momento.

17 mar 2010

NOVO ACCESO PARA CONTEMPLAR A BOCA DE ENTRADA DO TÚNEL ROMANO DE MONTEFURADO.

O Concello de Quiroga, co financiamento do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, está a preparar un novo acceso para a área situada entre o río Sil e a estrada N-120 que permite contemplar o Túnel Romano de Montefurado dende a súa boca de entrada.

Este novo acceso, que parte da estrada local entre Montefurado e Covallos, substitúe ao desaparecido por mor das obras de ampliación e reforma da estrada N-120 (P.K. 476) na que se realizou unha ampliación da vía cun novo carril que ocupou parcialmente o aparcamento e o camiño de acceso que conducía ata o punto de observación que fora acondicionado polo Concello de Quiroga. Dende este punto o visitante pode achegarse ata a mesma boca de entrada do Túnel Romano, obter información nun panel interpretativo e coñecer a denominada Ruta do Ouro que permite aproximarse a outras explotacións auríferas quiroguesas emprazadas nas inmediacións da estrada N-120.

Este novo acceso, que permitirá aos visitantes acceder directamente dende a estrada local Montefurado-Covallos unha vez superada a perpendicular do túnel da N-120, constrúese cunha rampla en forma de z para salvar un desnivel de 20 m, ademais levará no seu trazado varios chanzos de madeira e pedra nas zonas de máis inclinación e unha varanda de madeira tratada para maior seguridade dos usuarios.

Neste proxecto de mellora do acceso a boca de entrada do Túnel romano de Montefurado, tamén está contemplada a substitución do pasamáns de madeira tratada que rodea todo o perímetro da área xa que o existente desapareceu como consecuencia das enchentes do río Sil e a colocación dunha varanda do mesmo material na parte superior do ribazo para protexer o contorno do acceso a rampla de baixada.

Para a construcción deste novo acceso, que terá que estar rematado a finais do mes de marzo, o Concello de Quiroga tivo que contar cos permisos de Patrimonio Histórico e Cultural da Xunta de Galicia, da Confederación Hidrográfica e da Rede de Estradas do Estado Galicia.

Con esta actuación recupérase a posibilidade de contemplar esta impresionante obra de enxeñería romana dende o punto por onde entra o río Sil na montaña, complementando o miradoiro que tamén se está a construír na estrada de Montefurado á Enciñeira que permite a contemplación da boca de saída do Túnel.