23 mar 2010

UN FIADEIRO NA XXVIII FEIRA DO VIÑO



O Concello de Quiroga a traverso do Museo Etnográfico vai levar a cabo unha exhibición dun “fiadeiro", co cardado, "fiado e tecido da la de xeito tradicional”, entre os actos organizados para o domingo da Feira do Viño. Con esta iniciativa o concello pretende sacar á rúa os oficios tradicionais que están representados no museo.

Na exhibición que terá lugar entre as doce da mediodía e as dúas da tarde no recinto feiral, achegaranse ó público traballos tan habituais noutro tempo e agora prácticamente esquencidos, tanto que íncluso as seis colaboradoras do museo que poñerán en práctica estas actividades que viviron na súa xuventude, tiveron que ensaiar e recuperar un pouco a práctica; traballo que estiveron a realizar estes días.

Na exhibición poderase ver o proceso do cardado da lá, o fiado de tres formas distintas: cun fuso tradicional de man, cunha roca e cun fuso de pedal; o torcido da lá e finalmente a calceta, nesta ocasión calcetando uns calcetíns. Para facer máis vistosa a exhibición as seis protagonistas irán vestidas con roupa típica da época.

Todos os utensilios empregados neste fiadeiro forman parte do amplo inventario do Museo Etnográfico, e alí voltarán para que poidan ser novamente visitados nestas instalacións.

Os organizadores queren que a exhibición desperte o interese do público e á vez que sexa algo cercano, no que se poidan achegar ás colaboradoras e incluso preguntarlles sobre unha tradición prácticamente esquencida que elas tentaron recuperar ilusionadamente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario