16 mar 2010

COMENZAN A CREARSE AS CONDICIÓNS PARA UTILIZAR O NOME DE ACEITE DE QUIROGA

A recentemente creada comisión para fixar as condición esixidas para poder facer uso da marca Aceite de Quiroga reuniuse por primeira vez para plasmar os requisitos de producción, elaboración e comercialización que se lles esixirán os productores que queiran acollerse a esta marca.

A comisión está formada por catro olivareiros; Guillermo Nogueira Veloso, Jesús Bao Móndelo, Luís Vicente Arias Prieto, Manuel Mondelo Rodríguez; e un Enxeñeiro Técnico Agrícola, Isidoro Nogueira Panero.

O Concello rexistrou ó seu nome a marca “Aceite de Quiroga” con dous principais fins: Certificar as características do producto de forma que quenes queiran utilizar esta marca han de cumprir certos requisitos tanto na producción, elaboración como comercialización do aceite. E regular e ordenar as plantacións de olivares. Para supervisar todo isto é para o que se creou esta comisión.

Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” será requisito necesario que a materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no devandito territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión.

O proceso productivo estará supervisado en todas as súas fases por unha persoa (física ou xurídica) autorizada polo Concello de Quiroga. Esta determinará a densidade de plantación, o sistema de poda, a aplicación de novas prácticas de cultivo, os tratamentos, os sistemas de recolleita do froito, etc., sempre de acordo co establecido na lexislación vixente e que non afecte desfavorablemente á calidade da aceituna ou do aceite producido.

Os aceites xa elaborados han de pasar unha serie de controis que certifiquen a calidade do producto. As análises mínimas esixibles serán: Organoléptico, Físico-Químico e Bacteriolóxico.

Todos os envases nos que se expidan os aceites con destino ó consumo irán provistos de etiquetas autorizadas e expedidas polo Concello nas que figurará sempre e de forma destacada a mención “Aceite de Quiroga”, ademais dos datos que con carácter xeral se determínen na lexislación vixente.

Co fin de evitar fraudes, o Concello de Quiroga levará un Rexistro de Plantacións de Oliveiras no que figurarán: o nome do propietario ou titular, lugar no que está situada a plantación, superficie, variedade ou variedades cultivadas e todos os datos necesarios para a súa correcta clasificación e localización.

Así mesmo levarase tamén un Rexistro dos Muiños existentes que poidan e queiran optar ao uso da marca. En devandito rexistro figurará: o nome ou razón social da empresa, o domicilio, capacidade, maquinaria e demais datos necesarios para a súa correcta identificación.

No caso de incumprimento dalgún destes requisitos, o Concello de Quiroga, como propietario da marca, poderá denegar o dereito ó uso da mesma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario