17 mar 2010

NOVO ACCESO PARA CONTEMPLAR A BOCA DE ENTRADA DO TÚNEL ROMANO DE MONTEFURADO.

O Concello de Quiroga, co financiamento do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, está a preparar un novo acceso para a área situada entre o río Sil e a estrada N-120 que permite contemplar o Túnel Romano de Montefurado dende a súa boca de entrada.

Este novo acceso, que parte da estrada local entre Montefurado e Covallos, substitúe ao desaparecido por mor das obras de ampliación e reforma da estrada N-120 (P.K. 476) na que se realizou unha ampliación da vía cun novo carril que ocupou parcialmente o aparcamento e o camiño de acceso que conducía ata o punto de observación que fora acondicionado polo Concello de Quiroga. Dende este punto o visitante pode achegarse ata a mesma boca de entrada do Túnel Romano, obter información nun panel interpretativo e coñecer a denominada Ruta do Ouro que permite aproximarse a outras explotacións auríferas quiroguesas emprazadas nas inmediacións da estrada N-120.

Este novo acceso, que permitirá aos visitantes acceder directamente dende a estrada local Montefurado-Covallos unha vez superada a perpendicular do túnel da N-120, constrúese cunha rampla en forma de z para salvar un desnivel de 20 m, ademais levará no seu trazado varios chanzos de madeira e pedra nas zonas de máis inclinación e unha varanda de madeira tratada para maior seguridade dos usuarios.

Neste proxecto de mellora do acceso a boca de entrada do Túnel romano de Montefurado, tamén está contemplada a substitución do pasamáns de madeira tratada que rodea todo o perímetro da área xa que o existente desapareceu como consecuencia das enchentes do río Sil e a colocación dunha varanda do mesmo material na parte superior do ribazo para protexer o contorno do acceso a rampla de baixada.

Para a construcción deste novo acceso, que terá que estar rematado a finais do mes de marzo, o Concello de Quiroga tivo que contar cos permisos de Patrimonio Histórico e Cultural da Xunta de Galicia, da Confederación Hidrográfica e da Rede de Estradas do Estado Galicia.

Con esta actuación recupérase a posibilidade de contemplar esta impresionante obra de enxeñería romana dende o punto por onde entra o río Sil na montaña, complementando o miradoiro que tamén se está a construír na estrada de Montefurado á Enciñeira que permite a contemplación da boca de saída do Túnel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario