28 abr 2010

PUBLICADAS AS BASES PARA A CONCESIÓN DAS SUBVENCIÓNS DA A.R.I.

Hoxe saían publicadas no Boletín Oficial da Provincia as bases para a concesión de subvencións dentro da Área de Rehabilitación Integral (A.R.I.) da zona da Praza Maior e Pacios de Mondelo. Tras esta publicación todolos interesados xa poden solicitar estas axudas na oficina que funcionará no Centro de Formación Ocupacional Pía Páxaro durante todo o mes de maio, en horario de mañá ,de nove a duas, de luns a venres.

Estas axudas concédense ó abeiro do convenio asinado o pasado ano entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o concello de Quiroga, e son para a rehabilitación de edificios e vivendas comprendidos dentro desta área de Rehabilitación.

En canto as vivendas atenderase prioritariamente a mellora das condicións de habitabilidade e ós elementos comúns das edificacións como tellados, fachadas, ascensores e accesos para minusválidos.

As axudas económicas previstas terán o carácter de subvención a fondo perdido e poden cubrir ata o 80% do presuposto das obras de rehabilitación que se realicen.

Os requisitos esixidos para optar a estas axudas son que as edificacións ou vivendas deberán ter uso residencial unha vez finalizadas as actuacións. Ademais os inmobles deberán ter unha antigüidade mayor de dez anos, agás cando se trate de adaptacións para uso de persoas con discapacidade.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios, titulares ou arrendatarios das vivendas cando constitúan o seu domicilio habitual e permanente; e os titulares de vivendas desocupadas sempre que a solicitude leve aparellado o compromiso de ocupalas ou arrendalas.

O primeiro paso para optar estas axudas é presentar unha solicitude na oficina situada no Centro de Formación Ocupacional, para que se realice unha inspección técnica previa ó inicio das obras.

27 abr 2010

REÚNESE A COMISIÓN DE ASUNTOS DO PLENO

A Comisión Informativa de Asuntos do Pleno reuniuse na mañá de onte na casa consistorial para aprobar os puntos que levarán á sesión plenaria ordinaria que se celebrará o vindeiro venres a unha da mediodía.

Os puntos aprobados foron unha ratificación dos acordos da Xunta de Goberno Local relativos ó Plan de Desenvolvemento Xitano e ó plan para o desenvolvemento da prestación de servicios sociais no ano 2010. Así como a aprobación do regulamento da marca registrada “Aceite de Quiroga”.

Tras a comisión Informativa de Asuntos do Pleno tiña lugar a Comisión de Facenda e Especial de Contas, que aprobaba tres puntos. O dictame do Expedente de Recoñecemento Extraxudicial de Créditos 01/2010; o dictame do orzamento xeral da corporación para o exercicio 2010; e a adxudicación dunha praza de garaxe na Praza España.

Estes puntos tamén formarán parte da orde do día da vindeira sesión plenaria.

26 abr 2010

150 PERSOAS RECORREN O CAMIÑO DE INVERNO

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra realizou onte domingo unha nova etapa dos percorridos cos que pretende completar este ano o Camiño de Inverno. Nesta ocasión por terras quiroguesas, realizando a ruta no tramo entre Montefurado e Quiroga.

Os peregrinos sairon de Montefurado ás nove da mañá, para chegar sobre a mediodía a Quiroga, tras recorrer os 16 Km que ten este tramo da ruta.

En total participaron nesta xornada uns 150 camiñantes, xa que tamén se uniron membros da asociación socio cultural da comarca de Quiroga, que quixeron dar o seu apoio para que este camiño sexa recoñecido de xeito oficial como ruta Xacobea.

Os caminantes tiveron ocasión de contemplar toda a riqueza paisaxística e monumental que ofrece este camiño e incluso se detiveron en Soldón de Sequeiros, para ver o funcionameno dun dos poucos muiños fariñeiros que traballan na actualidade.

Despois do percorrido a pé entre Montefurado e Quiroga, os excursionistas disfrutaron dunha merecida comida nun restaurante de Quiroga. Pola tarde, o plan pasou por visitar o conxunto histórico de Hospital, a igrexa da Hermida e o museo etnográfico de Quiroga.

22 abr 2010

O CONCELLO DE QUIROGA PODE EMPRENDER MEDIDAS LEGAIS CONTRA A UTILIZACIÓN INDEBIDA DO NOME ACEITE DE QUIROGA

O alcalde de Quiroga Julio Álvarez Núñez, fronte a aparición de novas relacionadas coa promoción do aceite de Quiroga en varios medios de comunicación, recorda que o Concello de Quiroga é o titular oficial da marca rexistrada na Oficina Española de Patentes e Marcas: “Aceite de Quiroga”, o que lle confire o dereito exclusivo para a súa utilización no tráfico económico e publicitario.

Segundo hai constancia existe algunha empresa que está a utilizar o reclamo do nome “aceite de Quiroga” para promover e vender a súa propia marca sen contar coa autorización do titular. De persistir na súa utilización indebida, o rexedor local, Julio Alvarez, dixo no programa Audiencia Pública, que o Concello de Quiroga estudiará a posibilidade de emprender as accións legais que considere oportunas derivadas dos dereitos que lle confire a concesión da titularidade da marca.

20 abr 2010

O REXEDOR LOCAL FALOU DA NOVA TRAIDA DE AUGA NO PROGRAMA AUDIENCIA PÚBLICA

A Xunta de Goberno Municipal aprobou o pasado venres a adxudicación provisional das obras de mellora da estación de tratamento da auga a Quiroga.

O rexedor local, Julio Alvarez, falaba no programa Audiencia Pública da última fase do proxecto da nova traída de auga que está prácticamente rematada.

16 abr 2010

A ALCALDÍA DO CONCELLO DE QUIROGA NON PERMITIRÁ QUE EMPRESAS FORÁNEAS EMPREGUEN O NOME "ACEITE DE QUIROGA" PARA PROMOVER O SEU PRODUCTO.

O alcalde de Quiroga Julio Álvarez Núñez, fronte a aparición de novas relacionadas coa promoción do aceite de Quiroga en varios medios de comunicación, recorda que o Concello de Quiroga é o titular oficial da marca rexistrada na Oficina Española de Patentes e Marcas: “Aceite de Quiroga” Marca 2.853.640, o que lle confire ao seu titular o dereito exclusivo para a súa utilización no tráfico económico e afecta ás seguintes clases:
.16.-Publicacións; papel, cartón e artigos destes materiais non comprendidos noutras clases; productos de imprenta, artigos de encadernación; fotografías; papelería; adhesivos (colas) para a papelería ou a casa; materiais para artistas; pinceis.
.29.-Aceite de Quiroga.
.35.-Publicidade; xestión de negocios comerciais; administración comercial; traballos de oficina; servizos de venta menor e maior en comercios e a través de redes mundiais da información de productos alimenticios, aceites e graxas comestibles, aceite de quiroga; organización de feiras e exposicións con fins comerciais ou publicitarios.
.41.-Servizos de educación; formación; esparexemento; activades deportivas e culturais; organización e dirección de espectáculos, concursos, competicións, coloquios, conferencias, congresos, seminarios, simposiums, obradoiros de formación.

Segundo hai constancia existe algunha empresa que está a utilizar o reclamo do nome “aceite de Quiroga” para promover e vender a súa propia marca sen contar coa autorización do titular. De persistir na súa utilización indebida o Concello de Quiroga estudiará a posibilidade de emprender as accións legais que considere oportunas derivadas dos dereitos que lle confire a concesión da titularidade da marca mencionada con anterioridade.

Dende o Concello de Quiroga trabállase na actualidade na elaboración e aprobación por parte do Pleno da Corporación Municipal dun regulamento da marca “Aceite de Quiroga” onde se define a procedencia xeográfica e os parámetros que ten que cumprir o aceite para poder etiquetarse, promoverse e venderse como “Aceite de Quiroga”.

Neste sentido o Concello de Quiroga advirte aos consumidores e posibles consumidores de que poden existir no mercado aceites con outras marcas, promovidos como se fosen de Quiroga e que nada teñen que ver, en canto as características e a procedencia do producto, co que se fai dende sempre nas terras de Quiroga.

15 abr 2010

O CENTRO SOCIAL ORGANIZA UN OBRADOIRO DE PLANTAS MEDICINAIS

O Centro Social para a Terceira Idade abre hoxe mesmo o prazo para apuntarse o obradoiro de “Herbas e plantas máxicas”, enmarcado dentro do obradoiro de Memoria Social.

O nome de herbas e plantas máxicas acolle un obradoiro adicado as plantas medicinais, cunha parte teórica e outra práctica. A parte teórica engloba proxeccións de videos sobre plantas medicinais, a entrega de material didáctico sobre as plantas medicinais, a súa clasificación farmacolóxica e as súas aplicacións; así como unhas nocións básicas sobre o desenvolvemento do obradoiro.

A parte práctica do mesmo inclue a identificación e elaboración dunha guía persoal de plantas medicinais recollidas no entorno; a elaboración dun herbario medicinal e a identificación de plantas tóxicas e alucinóxenas.

Os socios que participen nesta actividade gratuita, recibirán como agasallo unha guía de plantas medicinais.