27 jun 2016

ALTA PARTICIPACIÓN E NOVA VICTORIA DO PP NAS ELECCIÓNS XERAIS

       2.190 quirogueses dos 2.975 que podían exercer o seu dereito a voto acudiron na xornada de onte ás urnas. Un 75,36 % de participación nunha xornada que se desenvolveu sen incidencias. Unha vez máis a forza máis votada foi o Partido Popular, que acadou cos seus 1.275 votos un 58,22 %; seguido a moita distancia do PSOE con 410 votos, un 18,72% e de Marea, que cos seus 305 votos e un 13,93%, pasa a ser a terceira forza máis votada. Xa a máis distancia sitúase ciudadanos, cun 4,38% que  lle dan os seus 96; e Nos-BNG con 34 votos e un 1,55% dos votos. Completan o escrutinio dos votos o partido animalista con 15 votos, e Recortes Cero con 3 votos. Tamén se contibilizaron 16 votos en blanco e 36 nulos.
         
Nestas eleccións constituironse seis mesas electorias, xa que dende as eleccións de decembro a mesa de Montefurado está integrada na de Soldón.
         
 No centro social de Quiroga instaláronse duas mesas, na mesa A, cun 70,52% de participación recolléronse 447 votos, dos cales 256 foron para o PP; 66 para o PSOE; e 79 para Marea. Ciudadanos acadou 24 votos, Nos-BNG 9 e o partido animalista 2 e Recortes Cero acadoron 1 voto, 2 dos votos foron en branco e 8 nulos.
         
Na outra das mesas situadas no Centro Social, recolléronse 645 votos, un 76,05% de participación. O PP acadou nesta mesa 340 votos; PSOE  113 e Marea 103. Ciudadanos obtivo 44 votos, Nos- BNG 12, o partido animalista 9, e 2 votos foron para Recortes Cero. Esta mesa recolleu 6 votos en blanco e 16 nulos.
         
     No centro social de Campos de Vila, cun 78,66% de participación recolléronse 595 votos. 266 para o PP; 97 para o PSOE, e 56 para Marea. Ciudadanos obtivo nesta mesa 19 votos, Nos- BNG 8 e o partido animalista 4. 6 votos foron en branco e 3 nulos.
         
A mesa situada no muiño de Soldón, onde votaron os veciñós que habitualmente o facían máis os de Montefurado, recolleu 289 votos, un 74,81%. Destes votos 204 foron para o PP. O PSOE acadou 42 votos e Marea 32votos. Ciudadanos obtivo 6 votos. Tamén se recolleron 2 votos en branco e 3 votos nulos.
         
Na cantina Bonifacio, en Vilar de Lor, cun 75,57% de participación acadáronse 195 votos, dos cales 126 foron para o PP, 44 para o PSOE, e 18 para Marea. Ciudadanos obtivo 1 voto e Nos- BNG 3. ademais 3 votos foron nulos.
        
Finalmente na casa da cultura de Quiroga, a mesa que contou con máis participación, xa que acadou un 79,00%, recolleu 155 votos. O partido popular con 83 votos, o PSOE con 48 votos e marea obtivo 17 votos. Ciudadanos obtivo 2 votos, Nos-BNG 2. Tamén se contabilizaron 3 votos nulos.
         
    Comparadas coas eleccións xerais do pasado mes de decembro a participación subiu duna 74,94 ata un 75,36. Tamén subiu en porcentaxe de votos o PP, a forza máis votada, que pasou dun 57,33, a un 58,22. Tamén subiu lixeiramente o PSOE que pasou dun 18,28 a un 18,72; e Ciudadanos que dun 4,10% dos votos pasou a un 4,38. Pola contra baixaron En Marea e Nos –BNG, que pasaron dun 14,35% a un 13,93 os primeiros e dun 2,36 a 1,55% os segundos.

Estes foron o resultados para o Congreso. Nestas eleccións votáronse duas papeletas, que se distinguían por cores, unha para o senado e outra para o Congreso.  A papeleta do Congreso era de cor branca, impresa por unha soa cara. Pola contra a papeleta do Senado é de cor sepia e común para todos os candidatos, polo que o elector podía por unha cruz ata un máximo de tres candidatos, acadou os seguintes resultados nas tres formacións máis votadas:

          Os candidados do Partido Popular, acadaron: José Manuel Barreiro 1.263 votos, Dámaso López, 1.248 e Sandra Vázquez acadou 1.249 votos. Os candidatos do PSOE,  Ricardo Varela obtivo 406 votos, Darya Fernández 396 e Manuel Dacosta 395. Finalmente os candidatos de Mareas acadaron Luis Manuel Daporta 258 votos, Carmén Pérez 235 e Modesto Renda con 220 votos.




17 jun 2016

ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA NENOS

Dende a Área de Educación do Concello de Quiroga, ofertase novamente para os nenos de 3 a 12 anos os Campamentos de Verán 2016,  que terán lugar de luns a venres, agás festivos, durante os meses de xullo e agosto. Concretamente, do venres 1 de xullo ao mércores  31 de agosto, en horario de once da mañá a duas do mediodía.
A entrada será para todos/as nenos e nenas na Casa da Cultura e a saída nas piscinas municipais, onde terán que recollelos.
Todas as actividades estarán adecuadas á idade dos nenos e nenas e haberá monitores  para cada un dos tres grupos de idade,  e unha supervisora para os tres grupos. Na piscina contarase cun socorrista para as clases de natación.
Para asistir aos campamentos, é necesario que os nenos e nenas de 3 anos teñan autonomía, ademais todos deben traer nunha mochila cómoda para eles, toalla, bañador, chanclas, crema solar, un pequeno tentempé, auga, muda e unha gorra.      
 Os nenos e nenas de 3 a 5 anos comezarán os campamentos con obradoiros de inglés ou expresión matemática, plástica, musical ou contando historias dependendo do día. A segunda hora estará ocupada por xogos e expresión corporal. As xornadas rematarán con natación e xogos na piscina.
 Os nenos e nenas de 6 a 8 anos comezarán con reforzo escolar ou obradoiros manuais, de inglés ou plásticos dependendo do día. A segunda hora estará enfocada a disitintos tipos de xogos para rematar tamén con natación e xogos na piscina.
Finalmente os nenos e nenas de 9 a 12 anos, comezarán, dependendo do día con coñecemento do mundo, reforzo escolar ou obradoiros de inglés. A segunda hora estará centrada tamén nos xogos e deportes para rematar a última hora con natación e xogos na piscina.
     Os campamentos teñen un custo por neno de 25 €/mes para os empadroados en Quiroga e de 35 €/mes para os non empadroados. Os irmáns que asistan aos cursos terán un desconto de 5 €/mes por irmán. Os asistentes de menos de 15 días pagarán 13 € por semana.

      As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos/as deben realizar a inscripción na Casa da Cultura antes do luns día 27 de xuño. O pago das cotas realizarase a principios de cada mes. Aquelas persoas que veñan de vacacións a Quiroga poderán inscribirse en calquera momento.

ESTA TARDE CLAUSÚRANSE AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

O pavillón municipal acollerá esta tarde a clausura das Escolas Deportivas. Os actos comezarán ás sete da tarde coa foto oficial dos distintos equipo e coa disputa dos encontros entre os distintos equipos. Ás oito menos cuarto contarase coa novidade da exhibición das alumnas de ximnasia rítmica, para rematar co tradicional encontro entre pais e fillos.
     A clausura da escolas deportivas rematará coa V Gala Cea do deporte quirogués, como recoñecemento aos eventos, deportistas e clubes da tempada 2015/2016.

A cea aberta a todas as modalidades deportivas, eventos  e amigos de todo o deporte quirogués, celebrarase no Restaurante Dimar, a partir das nove e media da noite.

9 may 2016

A PESAR DAS MALAS CONDICIÓNS CLIMATOLÓXICAS, NOVO ÉXITO DA MOSTRA DO ACEITE

    Quiroga acolleu onte a XVI Mostra do Aceite, evento que conta co recoñecemento da Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico de Galicia; e que unha vez máis a pesar das condicións climatolóxicas foi un éxito de público e de vendas.

Ás once e media da maña puxose en funcionamento o Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Todos os visitantes da mostra acuden a ver a demostración para saber cal era o proceso da elaboración do aceite artesanal de Quiroga. Esta demostración chama a atención de visitantes ano tras ano, que se sorprenden por un proceso que non viran nunca.

Ás doce do mediodía cataronse os seis aceites participantes na mostra no interior da capela das Farrapas. Estes seis aceites xa foron obxeto dunha precata anterior e tamén se lles realizaron as probas especificadas pola normativa europea para este tipo de productos, nun laboratorio especializado. O resultado da cata foi unha vez máis de aceite excelente.

A unha tiña lugar unha emotiva homenaxe póstuma a D. Guillermo Nogueira Veloso, co descubrimento por parte da súa viuva e o seu fillo dunha placa colocada nun monolito ao lado do muiño. Guillermo, propietario do muíño das Farrapas no que se realiza a demostración da elaboración artesanal do aceite o día da mostra, foi un dos impulsores da recuperación da producción do aceite  en Quiroga e tamén en toda Galicia. Xunto cos outros colleiteiros, colaborou co  Concello de Quiroga, impulsor e patrocinador do evento,  na organización deste certame dende a súa primeira edición, cando aínda  a colleita de aceite en Quiroga era casi anecdótica.

Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron a venda aceite e productos típicos. Os seis aceites que concurriron a Mostra foron os de Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, José Manuel López Maseda e Manuel Mondelo Rodríguez.

Todos eles coincidiron en que a colleita deste ano foi boa tanto en calidade como en cantidade e tamén moi boas foron as vendas acadadas nesta mostra.

Aínda que non hai datos oficiais, nestes momentos a producción de aceite de Quiroga pode rondar os 40.000 litros, dos que aproximadamente 5.000 son elaborados para a súa venda comercial, amparados pola marca Aceite de Quiroga, creada no ano 2010 polo concello para loitar contra a fraude e para a xudar a crear unha imaxen de calidade.

A música tradicional non faltou neste encontro, xa que actuaron as agrupacións locias: Grupo de danzas Arume da Queiruga, Grupo de Gaitas O Recanto, banda de gaitas San Martiño e o grupo Os Palletas.

14 abr 2016

NOVO CURSO DE TECIDO TRADICIONAL NO MUSEO ETNOGRÁFICO

       O Concello de Quiroga dende o Museo Etnográfico organiza un novo curso de tecido tradicional. Trátase do quinto curso no que se ensinará a elaboración de pezas en tear, para o que se utilizará o tear que se atopa no museo etnográfico. A recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.

O curso, que se iniciará o 25 de abril, ten corenta horas de duración, polo que rematará o 29 de xuño. As clases impartidas pola tecedeira de Visuña, Carmen Barreiro Díaz, desenvolveranse todos os luns e os mércores dende as seis da tarde ata as oito do serán.

No curso que ten un prezo de 20 €, realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer, etc) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.

As persoas interesadas en recibir máis información ou en participar deber dirixirse á Casa da Cultura, ben persoalmente ou a través do seu tfno: 982.43.51.25.; antes do 25 de abril.

8 abr 2016

XVI MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA


Spot da Mostra do Aceite de Quiroga (8 de maio do 2016).





A ELABORACIÓN DE AUGARDENTES, LICORES, CREMAS, SIDRAS E CERVEXAS, NOVO TALLER DA CONFRARÍA DO VIÑO

A Confraría do Viño de Quiroga, en colaboración co concello de Quiroga e a área de cultura da Deputación de Lugo, organiza un taller de elaboración de aguardentes, licores, cremas, sidras e cervexas artesanais; que se desenvolverá os días 2, 3 4 e 5 de maio.
O curso, de dez horas de duración e impartido por Manuel Sánchez, enólogo da adega Alan de Val, desenvolveríase na sala de catas do museo etnográfico en horario de sete e media da tarde a dez da noite.
O curso está deseñado para que os participantes aprendan nocións fundamentais de alcolería, destilación de augardentes e elaboración de almíbares. Así ademais da tradicional augardente de bagazao, aprenderase a elaboración de licor de herbas e licor café.
Outro apartado importantes do taller centrarase na elaboración de cremas e outros licores espirituosos, onde se ensinarán técnicas de elaboración da crema de augardente e de café; e licores como coñac, brandy, ron, whisky, bourbon, tequila, vodka, ginebra, anís, pacharán, pisco e hidromel. Tamén se falará sobre o embotellado e etiquetados destes licores.
O último apartado do curso centrarase na elaboración de sidras e cervexas artesanal.
O curso, dirixido a todo o público en xeral, ten un custo de 40 €. Os interesados en participar ou para recibir máis información deben dirixirse a casa da cultura antes do 27 de abril.