O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado do concelleiro Angel Rodríguez, achegouse ata o Túnel Romano de Montefurado, onde se construiu un novo acceso para contemplar a boca de entrada do túnel.
Este novo acceso, que parte da estrada local entre Montefurado e Covallos, substitúe ó desaparecido por mor das obras de ampliación e reforma da estrada N-120 na que se realizou unha ampliación da vía cun novo carril que ocupou parcialmente o aparcamento e o camiño de acceso que conducía ata o punto de observación que fora acondicionado polo Concello de Quiroga.
Este novo acceso construiuse cunha rampla en forma de z para salvar un desnivel de 20 m, ademais leva no seu tramo final varios chanzos de madeira e pedra xa que é a zona de máis inclinación e unha varanda de madeira tratada para maior seguridade dos usuarios.
Dende este punto o visitante pode achegarse ata a mesma boca de entrada do Túnel Romano, obter información nun panel interpretativo e coñecer a denominada Ruta do Ouro que permite aproximarse a outras explotacións auríferas quiroguesas emprazadas nas súas inmediacións.
Nesta obra de mellora do acceso a boca de entrada do Túnel romano de Montefurado, tamén se substituiu o pasamáns de madeira tratada que rodea todo o perímetro da área xa que o existente desapareceu como consecuencia das enchentes do río Sil.
Con esta actuación recupérase a posibilidade de contemplar esta impresionante obra de enxeñería romana dende o punto por onde entra o río Sil na montaña, complementando o miradoiro que tamén se está construíndo na estrada de Montefurado á Enciñeira que permite a contemplación da boca de saída do Túnel.
No hay comentarios:
Publicar un comentario