6 abr. 2011

MUSEO XEOLÓXICO DE QUIROGA: ACORDO MARCO DE COLABORACIÓN ENTRE A UNIVERSIDADE DA CORUÑA EO O CONCELLO DE QUIROGA.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez e o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, asinarán mañá día 7 de abril ás 13 h, no Reitorado da Coruña, un acordo de colaboración entre a Universidade da Coruña e o Concello de Quiroga.

Este convenio asínase para acadar a colaboración, do Instituto Universitario de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal”, encabezado polo seu director, Juan Ramón Vidal Romaní e a doutora, Aurora Grandal d’Anglade, na posta en marcha do futuro Museo Xeolóxico de Quiroga.
O persoal do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, que leva moitos anos desenvolvendo traballos nesta zona, visitaron hai algún tempo o edificio construído para o museo e amosaron a súa total disposición para colaborar nesta iniciativa pioneira en Galicia.
Na actualidade o Concello de Quiroga está a rematar a infraestrutura do edificio en función dos contidos cos que se dotará este centro. Estes contidos xiran ao redor do impresionante patrimonio xeolóxico e paleontolóxico da comarca quiroguesa, constituíndo unha temática singular e atractiva para dar a coñecer esta parte do patrimonio natural e polo tanto contribuír de xeito activo á súa protección.
As instalacións do Museo Xeolóxico de Quiroga serán o punto de partida para unha Ruta Xeolóxica que permitirá contemplar e entender sobre o propio terreo os principais elementos que constitúen as distintas salas temáticas nas que se articula. Daquela o sinclinal do Caurel (pregamento de Campodola-Leixazós), as zonas mineiras (Pacios da Serra, Montefurado, Vilarbacú etc), os vales glaciares da Seara e Vieiros, os restos fósiles da fauna do Cuaternario e anterior e as primeiras testemuñas da presenza humana nesta zona, terán o seu protagonismo neste espazo que pretenderá axudar a comprender o que pasou hai millóns de anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario