A sala de exposicións, do Concello de Quiroga acollerá, dende o mércores 20 de abril ata o luns 9 de maio, a exposición de fotografía “Engurras”, do artista lugués Iago Eireos. O acto de apertura terá lugar o mércores, día 20, ás 18.00 h .
A exposición “Engurras” versa sobre a terceira idade, o paso do tempo, as pegadas do camiño andado e as persoas maiores, que por evolución natural experimentan condicións de vida especialmente difíciles, xa que perden paulatinamente a saúde, a actividade social e a capacidade de socialización e, en moitos casos, séntense postergados e excluídos.
“Engurras” é un xeito de mostrar protagonismo e eloxio a esas persoas que adoitan mirar como espectadores o que acontece ao seu carón, sendo eles, realmente, os responsables directos do noso presente. As engurras son belas metáforas da experiencia que o tempo outorga e son sinónimo de autenticidade e de naturalidade.
Nun mundo rexido por un voraz sistema de consumo, cada vez máis cheo de camuflaxes e trampas rexidas polas modas publicitarias que vulneran a nosa sociedade… Máis que nunca, a engurra é bela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario