30 nov 2010

A REHABILITACIÓN DA CAPELA DE SAN XOÁN REMATADA PARA MARZO DO 2011

Comenzou a nova restauración da Igrexa Parroquial de Hospital, que nesta ocasión se centra na Capela de San Xoán.

O remate destas obras, que se centrarán tanto no exterior como no interior da capela, está previsto para marzo de 2011. Entre as accións que se levarán a cabo na parte externa do templo destacan a reforma do peche exterior do espazo anexo á sancristía, o soterramento da acometida eléctrica, a pavimentación do acceso exterior en rampla mellorando a accesibilidade ó adro, a reparación e dotación de novos canalóns de cobre na cuberta, dotacións de goteróns de protección contra as escorrentas de auga no campanario e mellora de impermeabilización nalgunha das limas da cuberta, a reparación dos beirís de pedra da torre campanario e da fachada principal e o pintado dos paramentos exteriores encalados da igrexa.

No interior do mesmo levarase a cabo a restauración dos revestimentos interiores da capela, a retirada da imaxe da San Xoán da súa posición actual para proceder ó seu novo emprazamento sobre unha peaña á entrada da capela, a dotación de peche de vidro da fiestra recuperada, a recuperación das lousas brasoadas do chan e recomposición do pavimento pétreo da capela, a recolocación e traballos de conservación dos sartegos existentes nos arcosolios das paredes laterais, a reparación e rehabilitación dos chanzos de entrada a capela e das pedras rotas do limiar redefinindo este elemento, a dotación de equipos para a iluminación da capela e a recuperación das policromías e azulexaría decorativa do altar. Asemade tamén procederase á colocación dun novo caixón e tapa de madeira dun dos sarcófagos, a colocación no nicho libre o frontal de pedra e a colocación de dous focos de luz sobre cada cornixa lateral da bóveda.

A Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Cultura e Turismo, e o Concello de Quiroga veñen colaborando e desenvolvendo obras de acondicionamento, mellora, posta en valor e conservación da igrexa de San Salvador de Hospita, dende o ano 2005. Nesta nova etapa a Consellería de Cultura e Turismo destinará un total de 85.294 euros para a restauración e acondicionamento desta capela.

AS ESCOLAS DEPORTIVAS OFERTAN CLASES DE AERÓBIC PARA MAIORES DE 16 ANOS

Dende as Escolas Deportivas Muncipais ofértase unha nova modalidade de deporte, trátase de clases de Aeróbic, dirixidas a toda a poboación maior de 16 anos.

Estas clases desenvólvense todolos martes e xoves dende as oito menos cuarto do serán ata as nove menos cuarto, no Pavillón Municipal.

Todalas persoas interesadas en participar soamente deberán de presentarse no Pavillón no momento das clases para a súa inscripción e abonar 15 € por mes.

Durante este curso, as Escolas Deportivas ofertan as modalidades de Fútbol Sala, Atletismo, Tenis e agora Aeróbic.

29 nov 2010

A NOVA LUDOTECA E A NOVA SALA DE EXPOSICIÓNS REMATADAS ANTES DE FINAIS DE ANO

O rexedor local, Julio Alvarez, anunciou que a nova Ludoteca e a nova Sala de Exposicións, situadas nos baixos da Casa da Cultura, estarán rematadas antes de finais de ano.

A superficie ocupada pola anterior Guardería Municipal pasará así a converterse nunha zona para a Ludoteca infantil, un espacio creado únicamente para o uso dos rapaces; e nunha nova Sala de Exposicións, que se unirá as duas xa existentes: unha no Museo Etnográfico e a outra na entrada do Auditorio Municipal.

Aínda que estas duas novas áreas comparten solo, serán dous espazos totalmente independentes, xa que a súa finalidade é moi diferente.

OS MOZOS DE QUIROGA A TRAVÉS DO PROGRAMA "DETRÁS DA CANCIÓN" PODERÁN PARTICIPAR NUN OBRADOIRO DE CREACIÓN MUSICAL

O vindeiro 8 de decembro, o concello de Quiroga, acollerá o proxecto de Dinamización Lingüística Bocaberta “Detrás da Canción”, patrocinado pola Xunta de Galicia.

O programa Bocaberta, é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca promover a língua galega entre os rapaces e rapazas a partir de 12 anos. Esta iniciativa, que conta co apoio da Secretaría Xeral de medios a través da Rede de Telecentros de Comunicación, quere poñer de manifesto que o galego é un idioma tan válido como calquer outro para a expresión musical.

O programa consta de duas partes, a primeira é un obradoiro de creación musical que se impartirá no Telecentro dende as seis da tarde ata as oito do serán. Este curso que se imparte en duas sesións de 50 minutos de duración cada unha, permitiralles ós asistentes coñecer algunhas das ferramentas básicas para gravar unha peza nun ordenador convencional e posteriormente publicala en Internet.

A segunda parte do proxecto, será un concerto acústico a cargo de The Homens e Projecto Mourente, que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura a partir das oito do serán.

Os rapaces interesados en participar poder inscribirse na Casa da Cultura a través do teléfono 982.43.51.25 ou ben na páxina web www.detrasdacancion.info


26 nov 2010

O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZA UNHA VIAXE PARA ASISTIR COMO PÚBLICO O PROGRAMA DE TELE5 SÁLVAME

O Concello de Quiroga organizou unha viaxe a Madrid para asistir como público ó programa de Tele5 “Sálvame”. O número de prazas e o día que se realizará aínda está por determinar xa que depende da organización do programa.

Os participantes deberán de aportar 30 €, nos que se incluén a viaxe en autobús, unha visita panorámica a cidade de Madrid, o xantar e un bocadillo de merenda.

As persoas interesadas poden comenzar xa a inscribirse tanto na casa consistorial como na Televisión Municipal de Quiroga, persoalmente ou a través dos teléfonos 982.42.80.01 e 982.43.50.01.

En caso de haber máis persoas inscritas que prazas ofertadas realizarase un sorteo público.

O PAVIMENTO DA IGREXA DA SEARA OBXETO DUNHA REFORMA

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado do concelleiro Angel Rodríguez,  achegouse ata a Seara onde se está traballando na igrexa parroquial.

Trátase dunha obra de colaboración que inclúe o cambio de pavimento interior do templo, na parte central cambiarase a madeira e nos laterais a pedra rústica. Tamén se arranxarán as escaleiras e a entrada da igrexa.

 
A igrexa de Santa María Magdalena xa foi obxeto dunha reforma anterior para a que se contou con fondos do plan Leader a través da antiga Asociación Río Lor.

Ésta non é a única igrexa parroquial do municipio que se está arranxando, xa que a pasada semana comenzaron as obras de restauración da Capela de San Xoán, dentro da igrexa parroquial de Hospital. Obras para as que a Xunta de Galicia destiñou 85.000 €.

25 nov 2010

MELLORAS NA RECEPCIÓN DO SINAL DA TVG E DA TMQ NA MOÁ PERMITIRÁN SUBSANAR A DEFICIENCIA DO SINAL NOS FOGARES DO MUNICIPIO

Retegal, a empresa encargada do mantemento da rede da televisión de Galicia en Quiroga, está a traballar dende esta mañá no repetidor da Moá para modificar o sinal que se recibe da cadea autonómica, tras as continuas protestas dos veciños das que se fixo eco o Concello de Quiroga.

O que se está realizando é un cambio da sinal, que ata agora chegaba á Moá dende o Páramo a través dunha recepción terrestre, é decir, igual que nunha vivenda normal, agora chegará a través de radio enlace. Esto leva consigo que a forma de recibir o sinal sexa moito máis estable polo que non se verá afectada polas condicións adversas de auga e vento como ocorria ata o de agora.

Tamén se están cambiando os aparellos receptores para unha nova torre, máis alta que a existente, o que tamén mellorará a recepción do sinal nas vivendas.

Por todos estes cambios, ó longo da xornada de hoxe sofriranse cortes na recepción da televisión de Galicia, que quedarán subsanados entre a xornada de hoxe e a de mañá.

Aproveitando estes traballos, tamén se mellorarán os transmisores da Televisión Municipal de Quiroga, tras detectarse algúns problemas de sintonización nalgúns televisores particulares. Estes traballos tamén estarán rematados nun par de días.

Ademais, Retegal ten previsto que antes de finais de ano se instalen novos canais de TDT en Quiroga.