30 nov 2010

A REHABILITACIÓN DA CAPELA DE SAN XOÁN REMATADA PARA MARZO DO 2011

Comenzou a nova restauración da Igrexa Parroquial de Hospital, que nesta ocasión se centra na Capela de San Xoán.

O remate destas obras, que se centrarán tanto no exterior como no interior da capela, está previsto para marzo de 2011. Entre as accións que se levarán a cabo na parte externa do templo destacan a reforma do peche exterior do espazo anexo á sancristía, o soterramento da acometida eléctrica, a pavimentación do acceso exterior en rampla mellorando a accesibilidade ó adro, a reparación e dotación de novos canalóns de cobre na cuberta, dotacións de goteróns de protección contra as escorrentas de auga no campanario e mellora de impermeabilización nalgunha das limas da cuberta, a reparación dos beirís de pedra da torre campanario e da fachada principal e o pintado dos paramentos exteriores encalados da igrexa.

No interior do mesmo levarase a cabo a restauración dos revestimentos interiores da capela, a retirada da imaxe da San Xoán da súa posición actual para proceder ó seu novo emprazamento sobre unha peaña á entrada da capela, a dotación de peche de vidro da fiestra recuperada, a recuperación das lousas brasoadas do chan e recomposición do pavimento pétreo da capela, a recolocación e traballos de conservación dos sartegos existentes nos arcosolios das paredes laterais, a reparación e rehabilitación dos chanzos de entrada a capela e das pedras rotas do limiar redefinindo este elemento, a dotación de equipos para a iluminación da capela e a recuperación das policromías e azulexaría decorativa do altar. Asemade tamén procederase á colocación dun novo caixón e tapa de madeira dun dos sarcófagos, a colocación no nicho libre o frontal de pedra e a colocación de dous focos de luz sobre cada cornixa lateral da bóveda.

A Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Cultura e Turismo, e o Concello de Quiroga veñen colaborando e desenvolvendo obras de acondicionamento, mellora, posta en valor e conservación da igrexa de San Salvador de Hospita, dende o ano 2005. Nesta nova etapa a Consellería de Cultura e Turismo destinará un total de 85.294 euros para a restauración e acondicionamento desta capela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario