10 nov 2010

ADXUDICADA A REHABILITACIÓN DA CAPELA DE SAN XOÁN DA IGREXA DE HOSPITAL

A Consellería de Cultura anunciou onte a adxudicación dunha nova fase da rehabilitación da capela anexa á igrexa de Hospital. Nesta ocasión, o proxecto servirá para actuar tanto no interior como no exterior deste edificio construído sobre os restos dunha igrexa prerrománica do século X, no que están enterrados señores da antiga orde de monxes guerreiros de San Xoán.

Os especialistas que se encarguen do proxecto dispoñen dun orzamento de  85.294 euros, co que terán que acometer dous tipos de traballos distintos. As obras deberían estar terminadas no mes de marzo.

Entre as actuacións previstas no exterior da Capela de San Xoán, o proxecto contempla a reforma do peche exterior do espazo anexo á sancristía, o soterramento da acometida eléctrica, a pavimentación do acceso exterior en rampla mellorando a accesibilidade ao adro, a reparación e dotación de novos canalóns de cobre na cuberta, dotacións de goteróns de protección contra a escorrentas de auga no campanario e mellora de impermeabilización nalgunha das limas da cuberta, a reparación dos beirís de pedra da torre campanario e da fachada principal e o pintado dos paramentos exteriores encalados da igrexa.

No interior levarase a cabo a restauración dos revestimentos interiores da capela, a retirada da imaxe da San Xoán da súa posición actual para proceder ó seu novo emprazamento sobre unha peaña á entrada da capela, a dotación de peche de vidro da fiestra recuperada, a recuperación das lousas brasoadas do chan e recomposición do pavimento pétreo da capela, a recolocación e traballos de conservación dos sartegos existentes nos arcosolios das paredes laterais, a reparación e rehabilitación dos chanzos de entrada a capela e das pedras rotas do limiar redefinindo este elemento, a dotación de equipos para a iluminación da capela e a recuperación das policromías e azulexaría decorativa do altar.

Asemade tamén procederase á colocación dun novo caixón e tapa de madeira ao sarcófago correspondente a Don Xoán de Losada e a súa muller Violante de Rivadeneyra, a colocación no nicho libre o frontal de pedra de Don Andrés de Losada e Prada, a colocación de dous focos de luz sobre cada cornixa lateral da bóveda e a recuperación de policromías dos parámetros laterais do altar así como as pezas do azulexo da parte frontal domesmo.

A Capela de San Xoán é parte da igrexa de San Xoán da parroquia de San Salvador de Hospital. Foi o xermolo do pobo de San Salvador, xa que ó seu redor construíronse máis casas, nobres e plebeas. A finais do século X fúndase unha igrexa prerrománica dedicada ó apóstolo San Bartolomé, coñecida como a Capela de San Xoán do Hospital. A Capela de San Xoán destinouse ós monxes guerreiros, os seus rezos e as súas cerimonias sagradas de iniciación e xuramentos a mediados do século XIII.

Actualmente a Capela é de planta cadrada, de grosos muros con contrafortes que reforzan as bóvedas interiores de medio canón, que descansan sobre arcos torais. Na cabeceira sitúase un altar de pedra con azulexos na súa fronte, no eixe vertical aparecen dous ocos verticais abocinados, cada unha das paredes dispón de dous arcos cegados a modo de arcosolios con estatuas xacentes en sarcófagos do século XV.

A rehabilitación da igrexa de Hospital iniciouse no ano 2005 cando o concello de Quiroga asumiu a mellora dos accesos á igrexa e a creación dun pequeño espacio para estacionar vehículos. Ademais o concello asinaba un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e o Obispado de Lugo para levar a cabo o primeiro proxecto de restauración desta igrexa parroquial.

Neste primeiro proxecto, que contou cun presuposto de 70.000 €, e no que tamén se incluia a rehabilitación da igrexa de Bendilló, reformouse exteriormente o edificio. Os traballos consistiron en erradicar as filtracións de auga, debido ó mal estado de conservación das cubertas, polo que se realizou un aillamento térmico das paredes para evitar humidades. E levouse a cabo a rehabilitación integral do exterior do monumento, adecuándose a pedra nas portas e fiestra e enlucindo as fachadas.

No ano 2006 realizouse a segunda fase da rehabilitación da igrexa. Cun presuposto de 72.000 €, Patrimonio retirou a vella capa de cal que cubría os muros interiores e sustituiuna por outra nova. Ademais destaparonse antigas estructuras de madeira ó derrubar os falsos teitos.

No ano 2007, nunha terceira fase dotada con 132.893 €, leváronse a cabo diversas reparacións nos muros para evitar filtracións de humidade no interior e a renovación integral da cuberta, así como o arranxo dunha finca colindante coa fachada sur da igrexa, que ameaza con derrubarse sobre o templo. En canto ó interior, renovouse por completo o pavimento de madeira e recolocaronse as intalacións eléctricas e a megafonía. O proxecto comprendeu ademais a realización de varias catas arqueolóxicas para comprobar se no subsolo do templo se conservaban restos dun antigo campanario e dun suposto cruceiro románico.

O director xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel, visitaba no pasado mes de xaneiro este templo, e xa anunciaba que o departamento que el dirixe ía financiar a recuperación da capela de San Xoán. A capela de San Xoán está en pleno Camiño de Inverno a Santiago, un dato que onte destacou a consellería como unha aposta por «potenciar o turismo cultural nesta ruta xacobea».

No hay comentarios:

Publicar un comentario