O concello de Quiroga está traballando na recuperación do camiño do “Souto da Caleira”. Os traballos da primeira fase deste proxecto consisten na limpeza e na sinalización da ruta. Os traballos de limpeza están rematados e en próximos días quedará rematada a sinalización.
Esta ruta, dun km e medio, vai dende a fonte da Cal ata Cereixido, discorrendo por soutos de enorme beleza e onde podemos atopar un forno de cal recuperado anos atrás polo concello de Quiroga e as ruínas da Capela da Santa, onde se atopan uns curiosos enterramentos escavados en rocha. A ruta remata na igrexa de Cereixido co seu teixo milenario.
A recuperación desta ruta forma parte do proxecto que o Concello de Quiroga vai levar a cabo cunha axuda da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, por importe de 20.000 €, para recuperar varias rutas de sendeirismo dentro do territorio da Rede Natura 2000.
Con esta axuda, ademáis de recuperar esta ruta, vaise recuperar o camiño da “Fonte Rubia” da Seara a Formigueiros; e mellorarase a contorna da Fervenza de Vieiros que quedou seriamente danada polos pasados temporais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario