9 may 2016

A PESAR DAS MALAS CONDICIÓNS CLIMATOLÓXICAS, NOVO ÉXITO DA MOSTRA DO ACEITE

    Quiroga acolleu onte a XVI Mostra do Aceite, evento que conta co recoñecemento da Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico de Galicia; e que unha vez máis a pesar das condicións climatolóxicas foi un éxito de público e de vendas.

Ás once e media da maña puxose en funcionamento o Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Todos os visitantes da mostra acuden a ver a demostración para saber cal era o proceso da elaboración do aceite artesanal de Quiroga. Esta demostración chama a atención de visitantes ano tras ano, que se sorprenden por un proceso que non viran nunca.

Ás doce do mediodía cataronse os seis aceites participantes na mostra no interior da capela das Farrapas. Estes seis aceites xa foron obxeto dunha precata anterior e tamén se lles realizaron as probas especificadas pola normativa europea para este tipo de productos, nun laboratorio especializado. O resultado da cata foi unha vez máis de aceite excelente.

A unha tiña lugar unha emotiva homenaxe póstuma a D. Guillermo Nogueira Veloso, co descubrimento por parte da súa viuva e o seu fillo dunha placa colocada nun monolito ao lado do muiño. Guillermo, propietario do muíño das Farrapas no que se realiza a demostración da elaboración artesanal do aceite o día da mostra, foi un dos impulsores da recuperación da producción do aceite  en Quiroga e tamén en toda Galicia. Xunto cos outros colleiteiros, colaborou co  Concello de Quiroga, impulsor e patrocinador do evento,  na organización deste certame dende a súa primeira edición, cando aínda  a colleita de aceite en Quiroga era casi anecdótica.

Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron a venda aceite e productos típicos. Os seis aceites que concurriron a Mostra foron os de Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, José Manuel López Maseda e Manuel Mondelo Rodríguez.

Todos eles coincidiron en que a colleita deste ano foi boa tanto en calidade como en cantidade e tamén moi boas foron as vendas acadadas nesta mostra.

Aínda que non hai datos oficiais, nestes momentos a producción de aceite de Quiroga pode rondar os 40.000 litros, dos que aproximadamente 5.000 son elaborados para a súa venda comercial, amparados pola marca Aceite de Quiroga, creada no ano 2010 polo concello para loitar contra a fraude e para a xudar a crear unha imaxen de calidade.

A música tradicional non faltou neste encontro, xa que actuaron as agrupacións locias: Grupo de danzas Arume da Queiruga, Grupo de Gaitas O Recanto, banda de gaitas San Martiño e o grupo Os Palletas.

14 abr 2016

NOVO CURSO DE TECIDO TRADICIONAL NO MUSEO ETNOGRÁFICO

       O Concello de Quiroga dende o Museo Etnográfico organiza un novo curso de tecido tradicional. Trátase do quinto curso no que se ensinará a elaboración de pezas en tear, para o que se utilizará o tear que se atopa no museo etnográfico. A recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.

O curso, que se iniciará o 25 de abril, ten corenta horas de duración, polo que rematará o 29 de xuño. As clases impartidas pola tecedeira de Visuña, Carmen Barreiro Díaz, desenvolveranse todos os luns e os mércores dende as seis da tarde ata as oito do serán.

No curso que ten un prezo de 20 €, realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer, etc) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.

As persoas interesadas en recibir máis información ou en participar deber dirixirse á Casa da Cultura, ben persoalmente ou a través do seu tfno: 982.43.51.25.; antes do 25 de abril.

8 abr 2016

XVI MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA


Spot da Mostra do Aceite de Quiroga (8 de maio do 2016).





A ELABORACIÓN DE AUGARDENTES, LICORES, CREMAS, SIDRAS E CERVEXAS, NOVO TALLER DA CONFRARÍA DO VIÑO

A Confraría do Viño de Quiroga, en colaboración co concello de Quiroga e a área de cultura da Deputación de Lugo, organiza un taller de elaboración de aguardentes, licores, cremas, sidras e cervexas artesanais; que se desenvolverá os días 2, 3 4 e 5 de maio.
O curso, de dez horas de duración e impartido por Manuel Sánchez, enólogo da adega Alan de Val, desenvolveríase na sala de catas do museo etnográfico en horario de sete e media da tarde a dez da noite.
O curso está deseñado para que os participantes aprendan nocións fundamentais de alcolería, destilación de augardentes e elaboración de almíbares. Así ademais da tradicional augardente de bagazao, aprenderase a elaboración de licor de herbas e licor café.
Outro apartado importantes do taller centrarase na elaboración de cremas e outros licores espirituosos, onde se ensinarán técnicas de elaboración da crema de augardente e de café; e licores como coñac, brandy, ron, whisky, bourbon, tequila, vodka, ginebra, anís, pacharán, pisco e hidromel. Tamén se falará sobre o embotellado e etiquetados destes licores.
O último apartado do curso centrarase na elaboración de sidras e cervexas artesanal.
O curso, dirixido a todo o público en xeral, ten un custo de 40 €. Os interesados en participar ou para recibir máis información deben dirixirse a casa da cultura antes do 27 de abril.

A MOSTRA DO ACEITE SERÁ UNHA HOMENAXE PÓSTUMA A UN DOS IMPULSORES DA RECUPERACIÓN DO ACEITE

        A comisión organizadora  da Mostra do Aceite reuniuse novamente para seguir traballando no programa deste evento que conta co recoñecemento da Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico de Galicia.

A Comisión Organizadora, ante o recente falecemento do colleiteiro  D. Guillermo  Nogueira Veloso;  decidiu  facerlle unha homenaxe póstuma nesta edición.

Guillermo, propietario do muíño das Farrapas no que se realiza a demostración da elaboración artesanal do aceite o día da mostra, foi un dos impulsores da recuperación da producción do aceite  en Quiroga e tamén en toda Galicia. Xunto cos outros colleiteiros, colaborou co  Concello de Quiroga, impulsor e patrocinador do evento,  na organización deste certame dende a súa primeira edición, cando aínda  a colleita de aceite en Quiroga era casi anecdótica.

Dende aquela I edición ata a actualidade,  grazas a esta mostra e ao empeño do Goberno Municipal presidido por D.Julio Álvarez,  a importancia deste singular produto de Quiroga  na economía da cormarca medrou de tal xeito que  a producción de aceite  pasa das economías familiares  a ser un produto comercializado por varias empresas da comarca co distintivo Aceite de Quiroga.

A mostra que celebrou moitas das súas edicións nos meses de febreiro ou marzo, trasladouse nas dúas últimas edicións ao mes de maio. Este cambio na data de celebración do evento responde ao mellor estado do produto para a súa presentación e venda, xa que o aceite está máis decantado e clarificado. A data fixada nesta edición é o domingo 8 de maio.
O Concello xa pechou o prazo de inscripción para os colleiteiros interesados en particiar na  XVI Mostra, foron oito os colleiteiros inscritos e que cumpren unhas condicións esixidas para participar, entre as que se pedía ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite; e un resultado aceptable do análise químico e organoléptico que determinará o laboratorio especializado que se dispoña.
Na mostra do aceite poñerase unha vez máis en funcionamento o muiño das Farrapas, para que todos os visitantes poidan ver como é a elaboración tradicional do aceite de Quiroga. Durante a mostra especialista na materia catarán os aceites participantes, estes aceites ademais dos análises químicos e organolépticos tamén serán obxeto dunha cata previa a celebración do certame.

4 abr 2016

OS QUIROGUESES ASISTIRÁN COMO PÚBLICO AO PROGRAMA SÁLVAME DIARIO DE TELE5

       A dirección do Centro Social dos Maiores, en colaboración co Concello de Quiroga,  organiza unha excursión de 1 día a Madrid.
       O programa da excursión, que terá lugar o xoves día 12 de maio, ten como destiño principal a asistencia ao programa Sálvame Diario de tele5. Conta co seguinte programa: Saída en autocar ás cinco e media da mañá dende Quiroga; parada polo camiño; xa en Madrid farase unha visita  polos  lugares  máis emblemáticos da capital. Sobre a unha do mediodía xantarase nun restaurante da zona e ao remate da comida entrarase ao plató de Sálvame  para participar en directo na grabación do programa. Ao seu remate, a última hora da tarde emprenderase a viaxe de regreso. 
        A excursión aberta a todo o público maior de idade, ten un prezo de 20€  con todo incluído no programa.
      Para participar é necesario apuntarse no bar do centro social, abonar o billete  e deixar o nº do D.N.I. Tamén se poden facer reservas a través do teléfono 982.43.51.76. O número de plazas é limitado e ocuparanse segundo o número da inscripción.

31 mar 2016

ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NA XVI MOSTRA DO ACEITE

O Concello de Quiroga abriu o prazo para os colleiteiros interesados en particiar na  XVI Mostra do Aceite de Quiroga que se celebrará o vindeiro día 8 de maio. Os interesados terán ata o luns 4 de abril para realizar a inscripción na casa consistorial. 
As condicións para poder participar, tendo en conta, que o número de colleiteiros será limitado a 6, son as seguintes:
-Ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite.
-Aboar 100 € de inscrición, ou ben facilitar a cantidade equivalente en aceite.
-A Comisión Organizadora recollerá mostras ao azar para a súa cata  o mesmo día da Mostra.
A selección dos participantes farase tendo en conta un rigoroso orde de inscrición nas oficinas municipais por rexistro de entrada; ademais dun resultado aceptable do análise químico e organoléptico que determinará o laboratorio especializado que se dispoña.
No momento de formalizar a inscrición nas oficinas xerais da Casa do Concello é obrigatorio presentar na Casa da Cultura unha mostra de 1 litro  en envase de cristal para o análise correspondente.