4 may 2012

O PARLAMENTO GALEGO APROBA POR UNANIMIDADE UNHA PROPOSICIÓN PARA QUE A XUNTA FACILITE UNHA FIGURA QUE POTENCIE A PRODUCIÓN DE ACEITE DE QUIROGA


O Parlamento galego aprobou onte por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a facilitar a tramitación dunha figura que ampare a potencialidade da produción do aceite de Quiroga, ao tempo que se apoie a súa promoción e divulgación para a súa comercialización. “Preténdese evitar a utilización fraudulenta do nome e da orixe deste produto galego, dando seguridade xurídica ao consumidor, respaldando a produción e apostando pola súa potencialidade”, indicou a portavoz nesta materia do Grupo Popular, Isabel García Pacín.
A portavoz popular sinalou que o obxectivo desta iniciativa, impulsada conxuntamente co Concello de Quiroga, é “atopar a figura axeitada que permita a evolución actual da produción deste aceite galego na comarca do sur de Lugo, permitindo a súa regulación tanto na produción como na posterior comercialización, ao tempo que se apoia e aposta pola promoción e divulgación co asesoramento aos produtores e o respaldo normativo axeitado”.
En concreto, García Pacín sinalou que “os indicativos de calidade son un bo mecanismo para poñer en valor os produtos alimenticios”, pero explicou que as condicións para o rexistro de denominacións de orixe e indicacións xeográficas en Europa son máis complicadas desde a aprobación da actual normativa europea no ano 2006 e a análise cada vez máis rigoroso que os servizos da Comisión Europea fan dos expedientes.
“Esta complexidade pode facer que sexa máis factible e axeitado contemplar outras vías, como a da creación dunha marca de garantía, que xa se ten aplicado a outros produtos galegos e que serve para cumprir o obxectivo da diferenciación sen pasar pola tramitación dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida”, indicou a portavoz popular. 
Isabel García afirmou que “pretendemos acadar e asegurar no futuro unha rendibilidade para o aceite producido na nosa comunidade autónoma, rendibilidade baseada na diferenciación e na calidade”. Neste sentido, subliñou que “os datos e as cifras de produción evolucionan favorablemente debido á demanda de mercado e á boa acollida dos consumidores dun aceite de calidade, o que permite na actualidade o funcionamento de varias almazaras e o incremento de plantación de oliveiras en parcelas e cultivos con rendementos en calidade e cantidade que aseguran unha potencialidade económica máis nesta zona do sur de Lugo”. 
A portavoz do Grupo Popular salientou o traballo desenvolvido pola iniciativa privada na recuperación do cultivo de oliveiras e na produción de aceite galego, “ligado ao traballo exemplar realizado en promoción e apoio desde o Concello de Quiroga, coa organización dunha festa anual de promoción na que a mostra, cata e venda do aceite serve de reclamo turístico e gastronómico para toda esta comarca lucense, así como o control e regulación da produción e venda baixo a etiquetaxe de Aceite de Quiroga”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario