7 may 2012

PUBLICADA A DECLARACIÓN DE MONUMENTO NATURAL DO PLEGAMENTO DE CAMPODOLA - LEIXAZÓS


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOGA), a declaración do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós como Monumento Natural.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, define no seu artigo 13 a figura de monumento natural como aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.
O espazo natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós é un elemento da natureza constituído por unha formación xeolóxica de notoria singularidade, beleza e interese científico; inventariado como punto de interese xeolóxico (P.I.X.) e vinculado á estrutura tectónica coñecida como sinclinal do Courel.
Consiste nunha estrutura xeolóxica que representa unha gran prega deitada cara ao norte, con flancos duns 10-12 km,. O espazo forma parte dun sistema xeolóxico que sobresae pola calidade ambiental e a riqueza natural da zona. Consérvase practicamente intacto desde o Carbonífero Inferior, o cal lle confire un interese científico especial ademais do educativo, cultural ou paisaxístico, polo que merece ser obxecto dunha protección especial.
Estas grandes pregas isoclinais deitadas forman parte do LIC Ancares-Courel, declarado como zona de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004. A paisaxe da contorna próxima é froito dos usos agrogandeiros tradicionais da zona, con matogueiras e piñeiros en produción, e intercaladas parcialmente con masas forestais de castiñeiros que constitúen un ecosistema de grande biodiversidade.

        A Dirección Xeral de Conservación da Natureza someteu a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós. Transcorrido o prazo fixado para a información pública, e non figurar ningunha alegación declarao como monumento natural, de acordo co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.
Mediante esta declaración aplícaselle ao monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos co fin de garantir a protección e conservación dos valores xeolóxicos representados no monumento natural, así como a dos propios ecosistemas e hábitats naturais que coexisten e a beleza da súa paisaxe.
O ámbito de protección do monumento natural declarado abrangue una superficie total de 90 ha. No ámbito do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós e co fin de garantir a conservación dos valores que motivaron a súa declaración prohíbese en todo o ámbito do monumento natural: Os campamentos e acampadas, os desmontes e terrapléns, as entulleiras e verteduras de calquera tipo, as queimas, a colocación de anuncios publicitarios, os aproveitamentos mineiros, a instalación de infraestruturas que menoscaben a calidade paisaxística da contorna, a construción de edificacións de calquera tipo; e as actividades de escalada ou alpinismo.
Fóra dos camiños e vías existentes só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal da contorna. No caso dos soutos, dado o seu carácter seminatural, considérase que os labores culturais tradicionais que se veñen realizando no espazo son necesarios para a súa conservación.
Quedarán prohibidas, ademais, todas aquelas accións que poidan supor a destrución ou alteración significativa dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario