4 sept. 2012

COMEZA A RESTAURACIÓN DO RETABLO DA IGREXA DE HOSPITAL


           O retablo maior da igrexa do Hospital comenzou a ser restaurado. A restauración do retablo, presupostada en preto de 30 000 €, foi tramitada pola Asociación San Bartolomé do Hospital a través do GDR Ribeira Sacra.
         
O retablo maior da igrexa do Hospital é de estilo barroco, de finais do século XVII ou algo posterior. A súa estrutura, que cobre toda a bóveda, é de gran riqueza artística xa que na mesma obra poden atoparse diferentes elementos e técnicas. As columnas son estriadas en forma de ondas e  teñen capiteis corintios. A súa ornamentación de tallas vexetais repítese en toda a obra así como as diferentes girnaldas de froitas. É dourado e policromado en diferentes tons verdes, azuis e terras. 
 
Co presuposto, que correrá a cargo do GDR Ribeira Sacra cunha achega da propia parroquia, realizarase a fixación da policromía. Posteriormente, procederase á eliminación de elementos que deterioren o soporte e revisaranse as ancoraxes. A consolidación da madeira mediante a inxección ou impregnación de resinas acrílicas será o seguinte paso. Ademais reconstruiranse os volumes perdidos. Para devolver a luminosidade das cores empregadas en orixe realizarase unha limpeza química a base de diferentes disolventes e, finalmente, a protección final con vernices de resinas de orixe sintética protexerá a obra de posteriores agresións.
 
A rehabilitación da igrexa de Hospital iniciouse no ano 2005 coa mellora dos accesos á igrexa e a creación dun pequeño espacio para estacionar vehículos. Neste primeiro proxecto, que contou cun presuposto de 70.000 €, reformouse exteriormente o edificio. No ano 2006 realizouse a segunda fase da rehabilitación da igrexa. Cun presuposto de 72.000 €, Patrimonio retirou a vella capa de cal que cubría os muros interiores e sustituiuna por outra nova. Ademais destaparonse antigas estructuras de madeira ó derrubar os falsos teitos. No ano 2007, nunha terceira fase dotada con 132.893 €, leváronse a cabo diversas reparacións nos muros para evitar filtracións de humidade e a renovación integral da cuberta. En canto ó interior, renovouse por completo o pavimento de madeira e recolocaronse as intalacións eléctricas e a megafonía. Finalmente, no ano 2010, a  Consellería de Cultura e Turismo destinou un total de 85.294 euros para a restauración e acondicionamento da capela de San Xoán de Hospital.

No hay comentarios:

Publicar un comentario