O Concello de Quiroga en colaboración coa
Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia
levou a cabo o proxecto denominado "Plan integral de ordenación dos
sendeiros do Concello de Quiroga". Esta actuación comprende varias
actuacións encamiñadas a converter o territorio do Concello de Quiroga nun dos
puntos de referencia para os amantes da práctica do sendeirismo.
O abeiro deste proxecto realizouse un
estudo completo de todos os itinerarios activos dentro do Concello de Quiroga
para a toma de datos GPS, fotografías e outros datos que puideran contribuír a
ofrecer a mellor información posible aos visitantes e decidir cales son os
percorridos máis adecuados para esta práctica.
Unha vez realizados estes traballos de
campo os resultados plasmáronse polo momento en tres actuacións, a homologación de tres novos percorridos por parte da Federación Galega
de Montañismo, a creación dun perfil específico en Wikiloc e a mellora da rede
de miradoiros do Concello de Quiroga.
O Concello de Quiroga xa contaba cun
percorrido homologado, o da Ruta do Ouro e do Camiño Real, que parte de
Margaride. Posteriormente tramitáronse para a súa inclusión nesta distinción
outros dous percorridos: O Camiño Ferradal ou da Caleira, entre Rugando e Ponte
Soldón, e a Ruta da Lagoa da Lucenza, dende A Seara. Agora, ao abeiro deste plan,
tramítase a inclusión de tres novas rutas: a ruta da Seara a Rugando, a ruta
do pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós dende Leixazós ata Campos de Vila
e a ruta do val do río Quiroga, dende Campos de Vila ata a Casa do Vello.
Despois do desenvolvemento deste plan o Concello de Quiroga contará cos seis
percorridos homologados no seu territorio, o que o converte no concello de
Galicia con máis itinerarios distinguidos con este selo de calidade.
O proceso de homologación implica unha
serie de traballos para a mellora das rutas como é a sinalización e a panelización dos percorridos de acordo coa esixente normativa do organismo
competente, neste caso a Federación Galega de Montañismo. Percorridos clásicos
dentro do Concello de Quiroga, como eran o camiño Ferradal ou o da lagoa da
Lucenza, adaptáronse para cumprir con esta normativa polo que contan, ao igual
que os demais percorridos, con nova sinalización e panelización.
Outro dos traballos realizados foi a creación
dun perfil específico en Wikiloc do Concello de Quiroga no que aparecen as
mellores rutas e no que se ofrecerán datos continuos sobre o seu estado.
Esta plataforma que está na internet
pódese utilizar tamén desde calquera dispositivo móbil o que facilita aos
usuarios os percorridos propostos. http://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=1773920&from=0&to=10
Finalmente realizáronse obras de posta
a punto de dous dos miradoiros máis emblemáticos do concello: o miradoiro de
Castro Dares (dentro da ruta da ouro e camiño real de Margaride) e o miradoiro
da Conchada, sobre a vila de Quiroga. Cos arranxos destes dous miradoiros
complétase unha rede integrada por seis puntos estratéxicos espallados polo
Concello. Aos dous que agora se melloraron hai que engadirlle os miradoiros de
Montefurado (en Anguieiros), o miradoiro de Bustelo de Fisteus, o miradoiro da
Golada (A Seara) e o miradoiro de Campodola (sinclinal da Serra de Caurel). En
total seis miradoiros que conforman unha rede inmellorable para capturar as
distintas esencias do Concello de Quiroga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario