Montañas
do Courel é Xeoparque Mundial. Así o declarou o xoves a Unesco en París
nunha xuntanza da executiva deste organismo dependente de Nacións Unidas. E que
converte a este territorio no primeiro xeoparque de Galicia e no primeiro de
todo o Noroeste peninsular. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, amosaba a súa
gran satisfacción por este recoñecemento mundial, anunciaba tamén que se vai
seguir traballando nesta liña e pedía a colaboración da cidadanía para manter
este título que a Unesco revisa cada catro anos.
Un xeoparque é un territorio que presenta un
patrimonio xeolóxico notable e que leva a cabo un proxecto de desenvolvemento
baseado nunha promoción turística, pero sen ningún tipo de restrición. O
pregamento de Campodola – Leixazós, numerosas covas, restos fósiles de flora e
fauna extinguidas ou os restos da minería romana avalan o extenso patrimonio
xeolóxico deste territorio.
O proxecto comezaba xa
no ano 2004 coa inauguración do primeiro miradoiro xeolóxico de Galicia, o
miradoiro de Campodola-Leixazós. Desde entón, fóronse realizando numerosas
accións conducentes á posta en valor do patrimonio xeolóxico da comarca.
No 2010, continuouse
coa dotación de novos miradoiros: o Miradoiro de Fisteus e o Miradoiro de
Montefurado. Un ano despois inaugurouse o Museo Xeolóxico de Quiroga, destinado
a difundir e poñer en valor os principais recursos xeolóxicos de toda a comarca
e que a día de hoxe é un referente en Galicia, recibindo no 2016 o premio da
Cámara Mineira de Galicia polo seu labor de divulgación, e tamén un referente
dentro do programa Terra do colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para as
visitas de escolares. Organizáronse as primeiras xornadas sobre xeoloxía da
comarca en Quiroga.
Sería no ano 2015
cando os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil se unen
para impulsar a creación dun xeoparque
que englobaría os principais elementos do patrimonio xeolóxico da zona. A
superficie da proposta abarcaba 578 km2, a totalidade dos tres concellos e nos
que residen uns 5.720 habitantes.
No
2016 formalizan a constitución dunha asociación, denominada Montañas do Courel,
coa finalidade de traballar para conseguir o recoñecemento da comarca dentro da
categoría Xeoparque Mundial que concede a Unesco. O seguinte paso do proxecto, foi
configuración dun comité científico para traballar na elaboración dos
documentos técnicos dos recursos da comarca. Doutra banda, apostouse por
dispoñer unha estreita relación con todas as universidades galegas e de maneira
especial cos investigadores que desenvolven o seu labor científico sobre este
territorio.
A
candidatura dispuxo de apoio económico dos tres concellos implicados, así como
do GDR Ribeira Sacra-Courel, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de
Galicia. Apoiaron a candidatura as asociacións culturais do territorio, clubs
deportivos, empresas de turismo, o colexio oficial de arquitectos de Galicia, a
Cámara Mineira de Galicia e asociacións e empresarios mineiros da comarca.
O
gran paso deste proxecto foi no 2017, cando despois da visita de membros da Comisión
de Patrimonio Xeolóxico da Sociedade de Xeoloxía de España, o Comité Nacional
Español de Geoparques informaba favorablemente á proposta presentada pola
Asociación Montañas do Courel. Este informe era o primeiro filtro que debe
superar calquera proposta antes de que a Comisión Nacional de Cooperación coa
UNESCO aprobe a carta de apoio, para presentar definitivamente a candidatura
oficial a xeoparque.
No
mes de xullo do 2018 o territorio Montañas do Courel recibía a visita de dous
auditores que se encargarían de avaliar a candidatura deste territorio ao
ingreso na rede de parques xeolóxicos amparada pola Unesco. Unha avaliación
favorable dada a decisión que ven de tomar agora a Unesco, a Organización das
Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, convertendo a Montañas
do Courel no 141 Xeoparque do Mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario