20 ene 2012

ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NA XXX FEIRA DO VIÑO

O concello de Quiroga abriu o prazo para realizar as inscripcións para a XXX Feira do Viño de Quiroga, que terá lugar os días 7 e 8 de abril.

Os colleiteiros interesados en participar nesta edición deben dirixirse ao concello antes do día 3 de febreiro.

Os requisitos necesarios para participar son:

 Ter unha cantidade mínima de 200 botellas de viño branco e de 250 de tinto para presentar na feira, e ter outra cantidade igual ou superior na adega.

 A graduación alcohólica mínima esixida será de 12 graos para os viños brancos e de 11,5 para os tintos.

 A acidez volátil máxima permitida será de 0,5 gramos de acético por litro para o viño branco e de 0,6 para o tinto.

 O colleiteiro que teña seleccionado o seu viño para participar na feira deberá aboar a contidade de 100€.

O número máximo de colleiteiros que poderán participar nesta edición será de 12.

Unha vez rematado o prazo de inscripción, a comisión organizadora procederá á recollida das mostras para realizar os análises organolépticos dos caldos.

17 ene 2012

ORGANIZADO O IX CERTAME CARTAS DE AMOR VILA DE QUIROGA

A Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga organizou o IX Certame Cartas de Amor Vila de Quiroga.

Neste certame poden participar tódalas persoas co desexen con tantas cartas de amor como queiran.

As cartas poden estar escritas en galego ou castelán cunha extensión máxima de dous folios mecanografados por unha sóa cara.

Os datos do autor/a, dirección e teléfono presentaránse dentro dun sobre pechado. No exterior figurará o título da carta e a categoría na que participa.

Establecéronse duas categoría: cartas locais e cartas non locais. Dentro das cartas non locais estarán aquelas remitidas por persoas que non están domiciliadas no Concello. Mentras que dentro das locais estarán todas as presentadas polos veciños do municipio. Destro destas hai varias subcategorías
bi) Infantil (menores de 12 anos).
bii) Xuvenil (de 13 a 18 anos).
biii) Senior (de 19 a 35 anos).
biv) Dourada (de 35 anos en adiante).

Na categoría de cartas non locais, establecéronse tres premios, mentres que nas locais haberá un premio por cada subcategoría. Todolos premios consistirán en placa conmemorativa máis un detalle.

Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de Cultura de Quiroga, rúa Xardíns, s/n, 27320 Quiroga, antes do 14 de febreiro.

16 ene 2012

ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NA MOSTRA DO ACEITE

Esta mañá o concello de Quiroga abría o prazo para participar na XII Mostra do Aceite de Quiroga que se celebrará o vindeiro día 26 de febreiro.

As condicións para poder participar, tendo en conta, que o número de participantes será limitado a 5 colleiteiros, son as seguintes:

-Ter unha colleita mínima de 200 l. de aceite.

-Aboar 100 € de inscrición, ou ben facilitar a cantidade equivalente en aceite.

-Achegar as mostras da súa produción para a súa análise e someterse aos controis que a Comisión Organizadora estime oportunos.

-A Comisión Organizadora recollerá mostras ao azar para a súa cata o mesmo día da Mostra.

A selección dos participantes farase por rigoroso orde de inscrición nas oficinas municipais por rexistro de entrada; e tendo en conta o resultado aceptable do análise químico e organoléptico que determinará o laboratorio especializado que se dispoña.

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro venres 20 de xaneiro.

13 ene 2012

POSTA EN MARCHA A OFICINA VIRTUAL DE INFORMACIÓN TURÍSTICA DE QUIROGA

O consorcio de turimo da Ribeira Sacra puxo onte en marcha unha oficina virtual de información no concello de Quiroga. Este sistema virtual, que conta cunha pantalla táctil, está instalado diante da Casa de Cultura, xunto á oficina de turismo.

Este equipo, construído con materiais antivandalismo e que ten un pequeno tellado para protexer os paneis das inclemencias climáticas, en especial dos raios solares nos momentos de maior incidencia; estará durante quince días en período de proba para comprobar o seu funcionamento.

A través desta oficina virtual, os visitantes poden obter todo tipo de datos sobre os puntos de interese turístico marcados na pantalla e a forma de chegar a eles desde os lugares de información. Tamén poderán consultar horarios, números de teléfonos e prezos de museos, rutas de catamarán e demais oferta turística.

Respecto da información que ofrece este equipo, o consorcio de turismo solicitou antes da súa instalación aos concellos que forman parte do consosrcio turístico da Ribeira Sacra unha relación da oferta que querían ofrecer aos visitantes, datos que se introduciron finalmente nesta aplicación.

Os turistas que utilicen este medio tamén terán a posibilidade de descargar rutas e mapas a través de diferentes sistemas inalámbricos para teléfonos, navegadores ou outros soportes multimedia.

A pantalla multimedia de información está dispoñible en tres idiomas: castelán, galego e inglés, aínda que se espera, que nun breve prazo de tempo póidase acceder a elas en alemán, francés e portugués.

O consorcio turístico da Ribeira Sacra instalou en total 20 oficinas virtuais de información sobre os recursos monumentais, paisaxísticos, culturais e gastronómicos da zona. A posta en marcha destas oficinas virtuais levouse a cabo en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo, que subvencionou esta iniciativa.

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, e o concelleiro delegado no consorcio turístico, José Luis Ribera, estiveron comprobando as posibilidades que ofrece esta oficina virtual, xa que cobre as necesidades de información turística en horarios nos que a oficina de turismo non dispón de persoal.

A XII MOSTRA DO ACEITE CELEBRARASE O 26 DE FEBREIRO

A comisión organizadora da que será xa a XII Mostra do Aceite de Quiroga, decidiu que este ano a mostra celebrarase o día 26 de febreiro no lugar das Farrapas en Bendilló.

Este ano manterase novamente a cata dos aceites participantes, que se retomaba na anterior edición, na que participaban expertos restauradores e xente allea ao mundo da cociña.

Como nas edicións anteriores esixiráselles aos olivareiros participantes unha serie de requisitos, que serán o ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite; e achegar as mostras da súa produción para a súa análise e someterse aos controis que a Comisión Organizadora estime oportunos.

Tamén como en anos anteriores a comisión organizadora recollerá mostras ao azar para a súa cata o día da Mostra.

Na mostra poderase ver como sempre o funcionamento do muíño no que se realizará unha demostración da elaboración tradicional do aceite.

A comisión organizadora continuará reuníndose en vindeiros días para seguir ultimando os detalles xa que este evento coida ao máximo a súa imaxe, tentando que o lugar se atope nas mellores condicións á hora de instalar a carpa e os stands precisos para o día da mostra. Tamén a presentación do produto se fai de xeito uniforme, a organización achega a todos os produtores os medios precisos para que todos os colleiteiros empregen o mesmo tipo de envase, etiqueta e bolsa para a exposición e a venda do produto.

11 ene 2012

FALLADOS OS PREMIOS DO CERTAME DE RELATO CURTO

O departamento de Xuventude do concello ven de fallar os gañadores do concurso do VII Certame de Relato Curto.

Neste certame podían participar todas as persoas que o desexaran cun tema libre, dentro das dúas categorías convocadas a de menores de 18 anos e a de adultos.
Na categoría Xuvenil os gañadores foron:
1º premio; Antía Fernández González por “El voto”.

2º premio; Aroa López Álvarez por “Las tres tareas”.

3º premio; Antía Rodríguez Casanova por “La espada del Rey”.

Na categoría Adultos:

1º premio; Yolanda de Aguilar Calero por “Un barquito apasionado”.

2º premio; Pedro Naveira Pedreira por “A pantasma da rúa do franco”.

3º premio; Rocío Leira Castro por “Os xogos da memoria”.

Os gañadores do certame recibirán unha placa conmemorativa e máis unha obra de relatos, mentras que os segundos e terceiros premios recibirán placas conmemorativas.

3 ene 2012

OS REIS MAGOS ESTARÁN ESTE XOVES EN QUIROGA

Os encargados de organizar a Cabalgata dos Reis Magos reuníronse novamente na casa consistorial onte pola mañá, para últimar os detalles da recepción as súas Maxestades.

Esta previsto que os Reis Magos cheguen a Quiroga o xoves ás cinco e media da tarde. O primeiro lugar que visitarán é a escola infantil. Alí faranlle entrega de agasallos aos rapaces.

Ás seis e cuarto achegaranse ata a Residencia da Terceira Idade, onde tamén terán un detalle cos nosos maiores. Na residencia as súas Maxestades estarán acompañadas pola Banda de Gaitas San Martiño.

Sobre as sete da tarde, subidos xa nas súas carrozas Os Reis Magos recorrerán a rúa Real ata o Auditorio Municipal, onde escoitarán unha a unha todalas peticións dos rapaces para esa noite.

A visita dos Reis Magos de Oriente rematará cunha festa infantil á que están convidados todolos nenos e nenas no Albergue Municipal.