13 ene. 2012

POSTA EN MARCHA A OFICINA VIRTUAL DE INFORMACIÓN TURÍSTICA DE QUIROGA

O consorcio de turimo da Ribeira Sacra puxo onte en marcha unha oficina virtual de información no concello de Quiroga. Este sistema virtual, que conta cunha pantalla táctil, está instalado diante da Casa de Cultura, xunto á oficina de turismo.

Este equipo, construído con materiais antivandalismo e que ten un pequeno tellado para protexer os paneis das inclemencias climáticas, en especial dos raios solares nos momentos de maior incidencia; estará durante quince días en período de proba para comprobar o seu funcionamento.

A través desta oficina virtual, os visitantes poden obter todo tipo de datos sobre os puntos de interese turístico marcados na pantalla e a forma de chegar a eles desde os lugares de información. Tamén poderán consultar horarios, números de teléfonos e prezos de museos, rutas de catamarán e demais oferta turística.

Respecto da información que ofrece este equipo, o consorcio de turismo solicitou antes da súa instalación aos concellos que forman parte do consosrcio turístico da Ribeira Sacra unha relación da oferta que querían ofrecer aos visitantes, datos que se introduciron finalmente nesta aplicación.

Os turistas que utilicen este medio tamén terán a posibilidade de descargar rutas e mapas a través de diferentes sistemas inalámbricos para teléfonos, navegadores ou outros soportes multimedia.

A pantalla multimedia de información está dispoñible en tres idiomas: castelán, galego e inglés, aínda que se espera, que nun breve prazo de tempo póidase acceder a elas en alemán, francés e portugués.

O consorcio turístico da Ribeira Sacra instalou en total 20 oficinas virtuais de información sobre os recursos monumentais, paisaxísticos, culturais e gastronómicos da zona. A posta en marcha destas oficinas virtuais levouse a cabo en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo, que subvencionou esta iniciativa.

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, e o concelleiro delegado no consorcio turístico, José Luis Ribera, estiveron comprobando as posibilidades que ofrece esta oficina virtual, xa que cobre as necesidades de información turística en horarios nos que a oficina de turismo non dispón de persoal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario